miniatura|dereita|300px|A árbore da vida do libro de Ernst Haeckel A evolución do home (1879) ilustra da visión que se tiña no século XIX da evolución como proceso progresivo que conduce ao home.

A historia do pensamento evolucionista trata das distintas concepcións que houbo sobre o cambio das especies biolóxicas co paso do tempo, as cales teñen as súas raíces na antigüidade, nas ideas dos antigos gregos, romanos, e chineses e na ciencia medieval islámica. Co comezo da moderna taxonomía biolóxica a finais do século XVII, o pensamento evolucionista occidental estivo influenciado por dúas ideas opostas: o esencialismo, a crenza de que cada especie ten características esenciais que son inalterables, un concepto que se desenvolvera a partir da metafísica aristotélica medieval, e que concorda moi ben coa teoloxía natural; e o desenvolvemento dun novo enfoque antiaristotélico da ciencia moderna, xa que a medida que avanzaba a Ilustración, estendeuse a cosmoloxía evolucionista e a filosofía mecánica das ciencias físicas á historia natural.

Os naturalistas empezaron a interesarse pola variabilidade das especies, e o xurdimento da paleontoloxía e o seu concepto de extinción minou as visións tradicionais da natureza. A inicios do século XIX Jean-Baptiste Lamarck propuxo a súa teoría da transmutación das especies, a primeira teoría completa sobre evolución. Pero moitos naturalistas da época seguían sendo fixistas, é dicir consideraban que as especies eran fixas e inmutables. En 1858 Charles Darwin e Alfred Russel Wallace publicaron unha nova teoría evolutiva, explicada en detalle no libro de Darwin A orixe das especies, publicado en 1859. A diferenza de Lamarck, Darwin propuxo a ascendencia común e a ramificación da árbore da vida, que significaban que dúas especies distintas podían ter un antepasado común. Darwin baseou esta teoría na idea de selección natural, a cal sintetizaba un amplo conxunto de probas desde a gandería, a bioxeografía, a xeoloxía, a morfoloxía e embrioloxía.

O debate sobre os traballos de Darwin levou a unha rápida aceptación do concepto xeral de evolución, pero o mecanismo específico que el propuxera, a selección natural, non foi amplamente aceptado ata que foi revitalizado polos descubrimentos en bioloxía que ocorreron durante as décadas de 1920 a 1940. Antes dese período a maioría dos biólogos consideraban que eran outros factores os responsables da evolución. Propuxéronse alternativas á selección natural durante a chamada "eclipse do darwinismo" (entre 1880 e 1920), como a herdanza dos caracteres adquiridos (neolamarckismo), un impulso innato ao cambio (ortoxénese) e grandes e súbitas mutacións (saltacionismo). A xenética mendeliana, baseada nunha serie de experimentos realizados por Gregor Mendel no século XIX con distintas variedades de chícharos e redescuberta en 1900, foi integrada xunto coa selección natural por Ronald Fisher durante o período das décadas de 1910 a 1930 na teoría cromosómica da herdanza, e xunto con J. B. S. Haldane e Sewall Wright fundou a nova disciplina da xenética de poboacións. Durante as décadas de 1930 e 1940 a xenética de poboacións integrouse noutras ramas da bioloxía, orixinando unha teoría da evolución amplamente aplicable que comprende gran parte dos coñecementos biolóxicos, e que se denomina síntese evolutiva moderna.

Despois do establecemento da bioloxía evolutiva, os estudos das mutacións e a diversidade xenética en poboacións naturais, combinada coa bioxeografía e a sistemática, orixinaron modelos de evolución causais e matemáticos sofisticados. A paleontoloxía e a anatomía comparada permitiron reconstrucións máis detalladas da historia evolutiva da vida. Despois do xurdimento da xenética molecular na década de 1950, desenvolvéronse os campos da evolución molecular, baseados en secuencias de proteínas e probas inmunolóxicas, e posteriormente incorporáronse estudos de ARN e ADN. A visión da evolución centrada nos xenes apareceu na década de 1960, seguida da teoría neutralista da evolución molecular, suscitando debates sobre o adaptacionismo, a unidade de selección e a importancia relativa da deriva xenética fronte á selección natural como causas da evolución. Ao final do século XX, a secuenciación do ADN permitiu o nacemento da filoxenia molecular e a reorganización da árbore da vida no sistema de tres dominios feita por Carl Woese. Ademais, os factores recentemente recoñecidos da simbioxénese e a transferencia horizontal de xenes introduciron aínda máis complexidade na teoría evolutiva. Os descubrimentos da bioloxía evolutiva fixeron un significativo impacto non só nas ramas tradicionais da bioloxía, senón tamén noutras disciplinas académicas, coma por exemplo na antropoloxía e na psicoloxía, e sobre a sociedade en xeral.

Antigüidade Gregos As propostas de que un tipo de animal, incluso os humanos, podían descender doutro tipo de animais remóntanse aos primeiros filósofos gregos presocráticos. Anaximandro de Mileto propuxo que os primeiros animais vivían na auga, durante a fase húmida do pasado da Terra, e que os primeiros antepasados da humanidade que vivían en terra deberon nacer na auga, e só pasaban parte da súa vida en terra. Tamén argumentou que os primeiros humanos coa forma que coñecemos hoxe deberon ser fillos dun diferente tipo de animal, porque o home necesita uns coidados prolongados para vivir. Empédocles argumentou que o que chamamos nacemento e morte nos animais son simplemente a mestura e separación dos elementos que causan as incontables "tribos de cousas mortais." Os primeiros animais e plantas eran como partes disxuntas dos que vemos hoxe, algúns dos cales sobreviviron uníndose en diferentes combinacións, e despois entremesturáronse, e sempre que "cada cousa resultase no que sería se fose feita a mantenta, alí as criaturas sobrevivían, ao seren accidentalmente compostas nun modo adecuado." Outros filósofos que foron máis influentes na Idade Media, incluíndo a Platón, Aristóteles e membros da escola de filósofos estoicos, crían que as especies de todas as cousas, non só das cousas vivas, foran fixadas por deseño divino.

miniatura|esquerda|Platón (esquerda) e Aristóteles (dereita), un detalle do cadro A escola de Atenas (1509–1511) de Rafael.

Platón foi denominado polo biólogo Ernst Mayr "o grande antiheroe do evolucionismo," porque promoveu a crenza no esencialismo, que tamén se refire á teoría das formas. Esta teoría sostén que cada tipo natural de obxectos no mundo observable é unha manifestación imperfecta da forma ou "especie" ideal, que define ese tipo. No seu Timeo, por exemplo, Platón fai que un personaxe conte unha historia na que o Demiúrgo crea o cosmos e todo o que hai nel porque, sendo bo, e, por tanto, "... libre de envexas, El desexaba que todas as cousas deberían ser como El mesmo, como podían ser." O creador creou todas as concibibles formas de vida, xa que "... sen elas o universo estará incompleto, pois non conterá cada tipo de animal que debería conter, se é que ten que ser perfecto." Este "principio de plenitude" (a idea de que todas as potenciais formas de vida son esenciais para unha perfecta creación) influíu grandemente no pensamento cristián. Porén, algúns historiadores da ciencia cuestionaron o peso da influencia que tivo o esencialismo de Platón na filosofía natural ao indicaren que moitos filósofos posteriores a Platón crían que as especies terían a capacidade de transformación, e que a idea de que as especies biolóxicas eran fixas e posuían características esencialmente invariables non adquiriu importancia ata o comezo da taxonomía biolóxica nos séculos XVII e XVIII.

Aristóteles, o filósofo grego máis influente en Europa na Idade Media, fora discípulo de Platón, e é tamén un dos primeiros historiadores naturais cuxo traballo foi conservado en detalle. Os seus escritos sobre bioloxía foron o resultado da súa investigación na historia natural na illa de Lesbos, e sobreviviron en forma de catro libros, xeralmente coñecidos polos seus títulos en latín, De anima (Sobre a alma), Historia animalium (Historia dos animais), De generatione animalium (A xeración dos animais) e De partibus animalium (As partes dos animais). Os traballos de Aristóteles conteñen algunhas observacións e interpretacións singularmente sagaces (xunto con variados mitos e erros) que reflicten o desigual estado dos coñecementos do seu tempo. Porén, para Charles Singer, "Nada é máis salientable que os esforzos de Aristóteles de [mostrar] as relacións das cousas vivas como unha scala naturae." Esta scala naturae, descrita en Historia animalium, clasificaba os organismos en relación a unha "Escada da vida" xerárquica ou "gran cadea de seres", situándoos segundo a súa complexidade de estrutura e función, e os organismos que mostraban maior vitalidade e capacidade de moverse eran descritos como "organismos superiores". Aristóteles cría que as características dos organismos vivos mostraban claramente que debían ter o que el chamaba unha causa final, é dicir, que foran deseñados cun propósito. Rexeitaba explicitamente a visión de Empédocles de que as criaturas vivas puideran terse orixinado por casualidade.

Outros filósofos gregos, como Zenón de Citio, o fundador da escola estoica de filosofía, estaban de acordo con Aristóteles e outros filósofos anteriores en que a natureza mostraba claras evidencias de estar deseñada cun propósito; esta visión coñécese como teleoloxía. O filósofo romano estoico Cicerón escribiu que Zenón era coñecido por manter a idea, que é central na física estoica, de que a natureza está principalmente "dirixida e concentrada...para asegurar para o mundo...a estrutura máis axeitada para a supervivencia."

Epicuro anticipou a idea da selección natural. O filósofo romano e atomista Lucrecio explicou estas ideas no seu poema De rerum natura (Sobre a natureza das cousas). No sistema epicúreo, asumíase que moitas especies foran xeradas de forma espontánea por Gaia no pasado, pero que só sobreviviran as formas máis funcionais para ter descendencia. Os epicúreos non parece que anticipasen unha teoría completa da evolución como se coñece agora e parece que postulaban eventos abioxenéticos separados para cada especie en vez de postular un só evento abioxenético acoplado coa diferenciación das especies co tempo a partir dun só (ou un pequeno número de) organismos parentais orixinadores.

Os chineses Os antigos pensadores chineses como Zhuang Zhou, un filósofo taoísta, expresaron ideas sobre especies biolóxicas cambiantes. Segundo Joseph Needham, o taoísmo nega explicitamente o fixismo das especies biolóxicas e os filósofos taoístas especularon sobre que as especies desenvolveran diferentes atributos en resposta a diferentes ambientes. O taoísmo consideraba que os humanos, a natureza e os ceos existían nun estado de "constante transformación" coñecido como o Tao, o que contrasta coas visións da natureza máis estáticas típicas do pensamento occidental.

Os romanos

O poema de Lucrecio De rerum natura proporciona a mellor explicación que chegou aos nosos días das ideas dos filósofos epicúreos gregos. Describe o desenvolvemento do cosmos, a Terra, as cousas vivas e a sociedade humana por medio de mecanismos puramente naturalistas, sen facer referencia a ningunha intervención sobrenatural. De rerum natura influiría nas especulacións cosmolóxicas e evolutivas dos filósofos e científicos durante e despois do Renacemento. Esta visión estaba en forte contradición coas dos filósofos romanos da escola estoica como Cicerón, Séneca o Novo e Plinio o Vello, que tiñan unhas ideas fortemente teleolóxicas o mundo natural que influenciaron á teoloxía cristiá. Cicerón indicou que a visión estoica e peripatética (aristotélica) da natureza como unha axencia preocupada basicamente en producir a vida "máis axeitada para a supervivencia" era considerada cousa segura entre a elite helenística.

Agostiño de Hipona