Aitor Esteban Bravo, nado en Bilbao (Biscaia) o 21 de xuño de 1962, é un político e profesor asociado de Universidade vasco que dende 2012 desempeña o cargo de voceiro do Partido Nacionalista Vasco no Congreso dos Deputados.
Traxectoria A súa nai é da localidade soriana de Cañamaque. O seu pai, de ideoloxía nacionalista vasca, ensinoulle as bases do éuscaro, que estudou posteriormente, chegando a dar clases. Estudou nun colexio católico e fixo o bacharelato no Instituto Central de Bilbao. A seguir, licenciouse en Dereito, no curso 1984-1985, na Universidade de Deusto, onde fixo logo o doutoramento. coa tese titulada "La institutionalización de un país: nacionalismo e instituciones vascas", lida o 1 de xaneiro de 1996.
Esteban foi profesor na Universidade de Deusto, onde impartiu clases de Dereito constitucional español comparado. Declárase un apaixonado das tribos indíxenas norteamericanas, e mesmo foi profesor da materia de Minorías Indíxenas, no Departamento de Antropoloxía desta universidade. Tamén impartiu a materia de Historia e cultura indíxena de Norte e Mesoamérica na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación.
Afiliouse ó Partido Nacionalista Vasco en 1978 e en 1983 foi elixido secretario do Consello Nacional de Euzko Gaztedi Indarra (EGI). Dous anos despois foi nomeado apoderado da Asemblea Nacional e en 1991 accedeu ó cargo de voceiro e secretario de Presidencia da Deputación de Biscaia. Entre 1995 e 2003 foi presidente das Xuntas Xerais de Biscaia, sendo sucedido no cargo por Ana Madariaga.
Nas eleccións xerais de 2004, foi elixido deputado no Congreso dos Deputados por Biscaia, repetindo nas eleccións de 2008 e 2011, e nas de 2015, 2016 e nas de abril e novembro de 2019. O 18 de decembro de 2012 substituíu a Josu Erkoreka como voceiro do PNV no Congreso dos Deputados.
Vida persoal Está casado con Itxaso Atutxa (filla de Javier Atutxa, quen foi presidente do PNV de Biscaia entre 1996 e 2000), con que ten dous fillos e vive dende hai anos en Zeberio.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Ficha na páxina web do Congreso dos Deputados Conta de Osoigo
Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Nados en 1962 Categoría:Políticos do PNV Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XIV Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XIII Lexislatura) Categoría:Profesores da Universidade de Deusto Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (X Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XI Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XII Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (IX Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VIII Lexislatura)