250px|miniatura|Chuck Yeager Charles Elwood "Chuck" Yeager, nado o 13 de febreiro de 1923 e finado o 7 de decembro de 2020, foi un oficial da Forza Aérea dos Estados Unidos e piloto de probas con varios récords retirado. En 1947 converteuse no primeiro piloto confirmado en superar a velocidade do son nunha aeronave.
A carreira de Yeager comezou na segunda guerra mundial como soldado raso da Forza Aérea. Despois de servir como mecánico de avións, en setembro de 1942 comezou a formarse como piloto e tras graduarse foi promovido ao rango de oficial de voo converténdose en piloto de caza co North American P-51 Mustang.
Despois da guerra Yeager converteuse en piloto de probas de moitos tipos de avións, incluídos aparellos experimentais impulsados por foguetes. Como primeiro humano en romper oficialmente a barreira do son, o 14 de outubro de 1947, voou o experimental Bell X-1 a Mach 1 a unha altura de 45 000 pés (13 700 m). Aínda que Scott Crossfield foi o primeiro en pasar de Mach 2 en 1953, Yeager pouco despois estableceu un novo récord ao chegar a Mach 2,44.
Yeager posteriormente comandou escuadróns e ás de caza en Alemaña e no Sueste asiático durante a Guerra do Vietnam, e en recoñecemento ás excelentes actuacións das súas unidades foi promovido a xeneral de brigada. A carreira de voo Yeager abrangue máis de 60 anos e levouno a todos os recunchos do mundo, incluída a Unión Soviética durante o apoxeo da guerra fría.
Categoría:Aviadores militares Categoría:Nados en 1923 Categoría:Nados en Virxinia Occidental Categoría:Aviadores dos Estados Unidos de América Categoría:Finados en 2020