miniatura|Radioterapia da pelve. Utilízase un láser e un molde baixo as pernas para determinar a posición exacta. A radioterapia, abreviada a miúdo como RT ou RTx, é un tipo de terapia que usa radiación ionizante, que xeralmente forma parte do tratamento do cancro para controlar ou matar as células malignas, que normalmente se administra por medio dun acelerador de partículas lineal. A radioterapia pode ser curativa en varios tipos de cancro se están localizados nunha área do corpo. Pode utilizarse tamén como parte dunha terapia adxuvante, para impedir a reaparición do tumor despois da cirurxía ou eliminar un tumor primario maligno (por exemplo, nos estadios iniciais do cancro de mama). A radioterapia é sinérxica coa quimioterapia, e pode usarse tanto antes coma durante ou despois da quimioterapia en cancros susceptibles. A subespecialidade da oncoloxía que se ocupa da radioterapia é a oncoloxía radioterápica ou radiooncoloxía.
A radioterapia aplícase normalmente para o tratamento de tumores cancerosos debido á súa capacidade de controlar o crecemento celular. A radiación ionizante funciona danando o ADN das células do tecido canceroso o que orixina a morte celular. Para preservar os tecidos normais ou sans, como a pel ou órganos a través dos cales debe pasar a radiación para chegar ao tumor, apúntanse os raios de radiación con forma determinada desde diversos ángulos de exposición para que se intersecten no tumor, o que concentra na zona do tumor unha dose absorbida moito máis grande que nos tecidos sans que o rodean. Ademais do propio tumor, o campo de radiación pode tamén incluír os ganglios linfáticos drenantes se están clínica ou radioloxicamente implicados no tumor, ou se se pensa que hai risco de que haxa un espallamento subclínico do tumor maligno. Cómpre incluír unha zona marxinal de tecido normal arredor do tumor para non depender das incertezas sobre a disposición exacta diaria e o movemento interno do tumor. Estas incertezas poden ser causadas polo movemento interno (por exemplo, o da respiración e o enchido da vexiga) e o movemento de marcas externa na pel (usadas como guía) en relación á posición dos tumores.
A oncoloxía radioterápica é a especialidade médica que trata da dose de radiación prescrita, e é diferente da radioloxía, que é o uso da radiación para a obtención de imaxes médicas e o diagnóstico médico. O oncólogo radioterápico pode prescribir a radiación para intentar curar (uso "curativo") ou como terapia adxuvante. Pode tamén utilizarse como tratamento paliativo (no que non é posible a curación e o que se pretende é o control local da doenza ou o alivio simtomáticol) ou como tratamento terapéutico (no que a terapia beneficia a supervivencia e pode ser curativo). Tamén é común combinar a radioterapia coa cirurxía, quimioterapia, terapia hormonal, inmunoterapia ou algunha combinación das catro. Os tipos máis comúns de cancros poden ser tratados dun modo ou outro con radioterapia.
O tipo de tratamento a aplicar (curativo, adxuvante, terapéutico neoadxuvante ou paliativo) dependerá do tipo de tumor, a súa localización e estadio no que se encontra, e do estado de saúde xeral do paciente. A irradiación corporal total é a técnica de radioterapia usada para preparar o corpo para recibir un transplante de medula ósea. A braquiterapia, na cal se sitúa unha fonte radioactiva dentro ou preto da área que cómpre tratar, é outra forma de radioterapia que minimiza a exposición dos tecidos sans durante os procedementos para tratar cancros de mama, próstata e outros órganos. A radioterapia ten varias aplicacións en condicións non malignas, como o tratamento da neuralxia do trixémino, neuromas acústicos, enfermidade ocular tiroide grave, pterixio, sinovite vilonodular pigmentada e a prevención do crecemento de cicatrices queloides, restenose vascular e a osificación heterotópica. O uso da radioterapia en condicións non malignas está limitado parcialmente pola prevención que se ten ante o risco de aparición de cancros inducidos pola propia radiación.
Usos médicos
Os diferentes tipos de cancro responden á radioterapia de diferentes modos.CK Bomford, IH Kunkler, J Walter. Walter and Miller’s Textbook of Radiation therapy (6th Ed), p311"Radiosensitivity" on GP notebook http://www.gpnotebook.co.uk/simplepage.cfm?ID=2060451853 "Radiation therapy- what GPs need to know" on patient.co.uk http://patient.info/doctor/radiotherapy
A resposta do cancro á radiación descríbese pola súa radiosensibilidade. As células cancerosas radiosensibles morren rapidamente ao sometelas a doses moderadas de radiación. Entre estas están as das leucemias, a maioría dos linfomas e tumores de célula xerminal. A maioría dos cancros epiteliais son só moderadamente radiosensibles e cómpre utilizar con eles unha dose significativamente máis alta de radiación (60-70 Gy) para conseguir unha curación radical. Algúns tipos de cancros son notablemente radiorresistentes, é dicir, necesitarían doses moito maiores de radicación para que se consiga unha curación radical das que poden ser seguras na práctica clínica. O cancro de célula renal e o melanoma son xeralmente considerados radiorresistentes, pero a radioterapia segue sendo unha opción paliativa para moitos pacientes con melanoma metastático. A combinación da radioterapia coa inmunoterapia é unha área activa de investigación e parece ser prometedora para o tratamento do melanoma e outros cancros.
É importante distinguir a radiosensibilidade dun determinado tumor, a cal ata certo punto é unha medida de laboratorio, da "curabilidade" pola radiación para un cancro na práctica clínica. Por exemplo, as leucemias xeralmente non son curables con radioterapia, porque están diseminadas polo corpo. O linfoma pode ser totalmente curable se está localizado nunha área do corpo. De xeito similar, moitos dos tumores comúns moderadamente radiosensibles son tratados rutineiramente con doses curativas de radioterapia se están nun estadio inicial. Por exemplo: o cancro de pel non melanoma, cancro de cabeza e pescozo, cancro de mama, cancro de célula pulmonar non pequena, cancro cervical, cancro anal, cancro de próstata. Os cancros metastáticos son normalmente incurables con radioterapia porque non é posible tratar todo o corpo.
Antes do tratamento faise xeralmente un escaneo de tomografía computadorizada para identificar o tumor e as estruturas circundantes normais. Ao paciente fánselle pequenas marcas na pel para que sirvan de guía para delimitar os campos de tratamento.Camphausen KA, Lawrence RC. "Principles of Radiation Therapy" in Pazdur R, Wagman LD, Camphausen KA, Hoskins WJ (Eds) Cancer Management: A Multidisciplinary Approach . 11 ed. 2008. A colocación do paciente é esencial neste estadio xa que o paciente debe ser situado sempre en idéntica posición durante o tratamento. Ideáronse moitos aparellos para colocar os pacientes para este propósito, incluíndo máscaras e coxíns que poden ser moldeados ao paciente.
A resposta dun tumor á radioterapia está tamén relacionada co seu tamaño. Debido ás complexidades da radiobioloxía, os tumores moi grandes responden peor á radiación que os menores ou microscópicos. Utilízanse varias estratexias para superar este efecto. A técnica máis común é a resección cirúrxica antes da radioterapia. Isto faise máis frecuentemente nos cancros de mama nos que se fai unha extirpación local ampla ou mastectomía seguida dunha radioterapia adxuvante. Outro método é facer diminuír o tumor mediante quimioterapia neoadxuvante antes dunha radioterapia radical. Unha terceira técnica é potenciar a radiosensibilidade do cancro administrando certos fármacos durante o curso da radioterapia. Exemplos de fármacos radiosensibilizadores son: Cisplatin, Nimorazole e Cetuximab.
O efecto da radioterapia sobre o control do cancro foi limitado aos primeiros cinco anos despois da cirurxía, especialmente para o cancro de mama. A diferenza entre a recorrencia do cancro de mama en pacientes que reciben radioterapia comparada coa observada nos que non, dáse principalmente nos primeiros 2 ou 3 anos e xa non hai diferenzas despois dos 5 anos. Isto explícase en detalle aquí .
Efectos secundarios
A radioterapia é en si mesma indolora. Moitos tratamentos de baixa dose paliativos (por exemplo, a radioterapia de metástases óseas) causan efectos secundarios mínimos ou ningúns, aínda que pode experimentarse un ataque de dor a curto prazo nos días posteriores a un tratamento debido a que o edema orixinado comprime os nervios na zona tratada. Poden usarse doses maiores que causan diversos efectos secundarios durante o tratamento (efectos secundarios agudos), nos meses ou anos posteriores ao tratamento (efectos secundarios a longo prazo), ou despois dun retratamento (efectos secundarios acumulativos). A natureza, gravidade e duración dos efectos secundarios depende do órgano que recibe a radiación, o tratamento (tipo de radiación, dose, fraccionamento, quimioterapia concorrente) e do paciente.
A maioría dos efectos secundarios son predicibles e esperados. Os efectos secundarios causados pola radiación están xeralmente limitados á área do corpo do paciente que está en tratamento. Dependen da dose; por exemplo as doses máis altas de radiación na cabeza e pescozo poden asociarse con complicacións cardiovasculares, disfuncións tiroides e do eixe hipofisario. A moderna radioterapia pretende reducir os efectos secundarios ao mínimo e axudar o paciente a comprender e afrontar os efectos colaterais que sexan inevitables.
Os principais efectos secundarios son fatiga e irritación da pel, similar a unha queimadura solar lixeira ou moderada. A fatiga adoita producirse durante a parte media do período de tratamento e pode durar semanas despois de rematado o tratamento. A pel irritada cura, pero pode non quedar tan elástica coma estaba antes.
Efectos secundarios agudos
Náusea e vómitos Este non é un efecto secundario xeral da radioterapia, e o seu mecanismo está asociado só co tratamento do estómago ou abdome (que reaccionan comunmente unhas poucas horas despois do tratamento), ou coa radioterapia de certas estruturas da cabeza que producen náuseas durante o tratamento de certos tumores de cabeza e pescozo, principalmente os vestíbulos dos oídos. Como ocorre con calquera outro tratamento estresante, algúns pacientes vomitan inmediatamente durante a radioterapia ou mesmo antes dela, pero isto considérase unha resposta psicolóxica. A náusea orixinada por calquera causa pode ser tratada con antieméticos. Common radiation side effects
Danos nas superficies epiteliais
As superficies epiteliais poden sufrir danos pola radioterapia. Dependendo da área tratada, os danos poden aparecer na pel, mucosa oral ou farínxea, mucosa intestinal ou uréter. A rapidez de comezo dos danos e da súa recuperación depende da taxa de recambio das células epiteliais. Tipicamente a pel empeza a poñerse rosa e irritada varias semanas despois de iniciado o tratamento. A reacción pode facerse máis grave durante o tratamento e segue ata unha semana despois de acabado o tratamento radioterápico, e a pel pode descamarse. Aínda que esta descamación húmida é desagradable, a recuperación adoita ser rápida. As reaccións da pel adoitan ser peores en áreas onde hai pregamentos naturais da pel, como baixo o peito feminino, detrás das orellas e nas inguas.
Chagas na boca, garganta e estómago
