Beornwulf, finado en 826, foi rei de Mercia, reino situado nas midlands inglesas, entre 823 e 826. O seu curto reinado viu o fin da supremacía de Mercia sobre o resto dos reinos da Heptarquía inglesa.
Traxectoria Un home chamado Beornwulf aparece mencionado como testemuña nun diploma do rei Coenwulf de Mercia en 812 e noutro de Ceolwulf en 823, pero a súa posición nestes diplomas suxire que non era dun rango especialmente elevado.. Beornwulf derrocou a Ceolwulf I en 823.
En 825, Beornwulf marchou contra Wessex. Ambos os exércitos atopáronse en Ellandun (actual Wroughton preto de Swindon en Wiltshire). A batalla concluíu cunha desastrosa derrota merciana, e é vista polos historiadores como o fin da supremacía de Mercia en Inglaterra. En 826, o fillo de Ecgberht de Wessex, Aethelwulf invadiu Kent e expulsou do trono ao seu rei Baldred, aliado de Mercia.
Ante estes acontecementos, a hexemonía de Mercia sobre o sur de Inglaterra debilitouse rapidamente. Essex e Sussex declaráronse leais a Ecgberht; e os Anglos Orientais solicitaron a Ecgberht a súa protección fronte a Mercia ese mesmo ano. Beornwulf resultou morto nunha batalla contra estes anglos cando tentaba sufocar a rebelión.
Beornwulf reconstruíu a abadía de San Pedro (posteriormente Catedral de Gloucester) e presidiu dous sínodos en Clofesho (un lugar descoñecido nas inmediacións de Londres) xunto ao arcebispo Wulfred de Canterbury, en 824 e 825. Un diploma de Kent, datado en marzo de 826, no terceiro ano de reinado de Beornwulf, indícanos que Beornwulf aínda tiña autoridade na zona en marzo de 826 – S1267. Só se coñecen 25 exemplares de moedas cuñadas durante o seu reinado.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Finados en 826 Categoría:Reis de Mercia Categoría:Reis de Anglia Oriental