Henry McCarty, nado posiblemente en Nova York o 23 de novembro de 1859 e finado en Fort Sumner, Novo México o 14 de xullo de 1881 foi un pistoleiro estadounidense coñecido como William H. Bonney e máis popularmente como Billy the Kid ("Billy o neno"), que participou na guerra do condado de Lincoln. É coñecido por matar oito homes.

Antes de comezar a empregar o pseudónimo "William Bonney", o primeiro arresto de McCarty foi por roubar comida a finais de 1875 e cinco meses despois foi detido por roubar roupa e armas. Dous días despois escapou da prisión e marchou dende o territorio de Novo México ao de Arizona, converténdose entón en foraxido e fuxitivo federal. Tras asasinar un ferreiro nun altercado en agosto de 1877, Bonney pasou a ser un home buscado en Arizona e volveu a Novo México, onde se uniu a un grupo de ladróns de gando. Fíxose célebre na rexión cando se uniu aos Regulators e tomou parte na guerra do condado de Lincoln. En abril de 1878, os Regulators mataron tres homes, incluíndo o shériff do condado William J. Brady e un dos seus axudantes. Bonney e dous outros Regulators foron acusados da morte dos tres homes.

A fama de Bonney aumentou en decembro de 1880 cando o Las Vegas Gazette en Las Vegas, Novo México, e The Sun en Nova York publicaron historias dos seus crimes. O shériff Pat Garrett capturou a Bonney ese mesmo mes. En abril de 1881, Bonney foi xulgado e condenado polo asasinato de Brady, e foi sentenciado á forca en maio dese ano. Fuxiu do cárcere o 28 de abril de 1881, matando dous axudantes do shériff e permaneceu escapado durante máis de dous meses. Garret disparou e matou a Bonney en Fort Sumner o 14 de xullo de 1881. Durante as seguintes décadas, houbo lendas que dicían que Bonney sobrevivira a aquela noite e varios homes afirmaron ser el.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Billy the Kid Territory – guía do departamento de turismo de Novo México

Categoría:Asasinos Categoría:Nados en 1859 Categoría:Finados en 1881 Categoría:Bandidos