Julio Germán Aneiros Fernández, nado en Valdoviño o 19 de agosto de 1916 e finado en Ferrol o 16 de xaneiro de 2006, foi un dirixente sindicalista e político comunista galego.
Traxectoria Traballador da desaparecida Empresa Nacional Bazán (despois, Navantia), a mediados dos anos corenta organizou as primeiras estruturas do Partido Comunista de España na empresa. En 1946 participou nas primeiras mobilizacións e peches de traballadores no Ferrol e os estaleiros galegos na folga do aceite. A folga foi reprimida con dureza, moitos traballadores foron presos, todos os participantes despedidos e o proceso de readmisión demorouse por un ano nalgúns casos.
A principios dos anos sesenta, Aneiros entrevistouse en París co secretario xeral do PCE, Santiago Carrillo, para conformar a estrutura interna do Partido Comunista en Galicia e o embrión das Comisións Obreiras de Galicia. Xunto a Paco Filgueiras e Paco Balón creou a estrutura de CCOO. Durante esa década, foi detido en varias ocasións, chegando a ser torturado. En 1967 foi procesado por primeira vez polo Tribunal de Orde Pública, o que volveu a ocorrer en 1969 e 1971, con sucesivas condenas, ingresos en prisión e posteriores indultos.
O 7 de marzo de 1972, un paro de media hora dos traballadores de Bazán, desembocou no despedimento de dous dos seus líderes sindicais, Rafael Pillado Lista e Julio Aneiros. Tres días despois, o 10 de marzo, Bazán pechou e os traballadores, en protesta, realizaron unha manifestación na que participaron os despedidos xunto o cadro de persoal de Bazán e os líderes sindicais Manuel Amor Deus e José María Riobó, entre outros. Os enfrontamentos de obreiros e forzas da orde terminaron con dous traballadores mortos por disparos da policía, Amador Rey e Daniel Niebla. Julio Aneiros foi ferido gravemente por un disparo no peito. Porén, foi detido antes da alta médica e xulgado como instigador da protesta. A represión non evitou que en setembro, os traballadores dos estaleiros, e doutras empresas industriais de Vigo, se mobilizaran con máis de quince mil traballadores e declarasen unha folga xeral que durou dúas semanas, á que seguiron, de novo, despidos masivos, pero na que Comisións Obreiras e outros movementos sindicais fora do aparato franquista mostraron a súa capacidade de resposta e organización. Julio Aneiros permaneceu preso e saíu coa primeira lei de amnistía.
Durante a Transición democrática foi líder do Partido Comunista de Galicia e de Comisións Obreiras. Traballou trinta e oito anos nos estaleiros ferroláns e mantivo o seu compromiso político e sindical ata o seu falecemento. En marzo de 2016 o Concello de Ferrol dedicou unha rúa na súa honra.
Notas
Categoría:Sindicalistas de CCOO Categoría:Políticos do PCE Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Nados en Valdoviño Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 2006 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes