A revista Man Común foi unha publicación mensual galega que comezou a editarse por Edicións do Rueiro en maio de 1980 e continuou publicándose até o mesmo mes do ano seguinte. A impresión levouse a cabo pola Editorial Vizcaina en Euskadi por falta de medios económicos en Galiza. Xuntouse co semanario A Nosa Terra. Deixouse de publicar por cuestións económicas.
Historia e características Dirixida por Xosé Antón Gaciño, foi a segunda revista publicada integramente en galego. A confección da publicación era levada a cabo por Eusebio Fernández. Mantívose activa entre os anos 1980 e 1981, publicábase un número ao mes. Finalmente foron 12 os números impresos.
Redacción O consello de redacción conformábase por Constantino Cabanas, Luis Pita, Gabriel Plaza Molina, Manuel Rivas e Santiago Romero.
Colaboradores Contou coas achegas de escritores e escritoras, periodistas e críticos, entre outros: Manuel Rivas, Antón Landeira, Gonzalo Ortiz Amor, Xoan Quintás Seoane, Antón Costas Comesaña, Fidel Vidal Pérez, A. Gil Hernández, Luísa Villalta, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Ubaldo Cerqueiro, Enrique Alonso Quintás, Xavier Seoane, Francisco Taxes, Xavier Alcalá, Emilio López Méndez, Xosé Otero Abeledo, Xosé Luís Barreiro Rivas, Luis Diéguez, Ramón Carballal, Artur Queiroz, Luís Sobrado, Miguel Pérez Neira, Manuel Miragaia, Felipe Senén, E. Blanco Pereira, M. Suárez, Carlos Sixirei, Miguel Castelo, Xosé Lorenzo Tomé, Andrés Sarmiento, Lois Caeiro, Gustavo Docampo, Colectivo Xerminal, Xoán Carmona Badía, Raimundo Viejo, Camilo Nogueira Román, Román Garrido, X. M. Pujalte, Enrique Mandado, Margarita Soto, Xoel Gómez, López Facal, Carmen Cotelo, Xoán Ignacio Taibo ou Antón Arias Curto.
Xurxo Lobato e Fernando Bellas foron os encargados da fotografía.
Contidos e seccións Publicáronse contidos que atinxían directamente á sociedade, así como cuestións políticas e culturais. Promovía a creación e a participación dos lectores mediante cartas ou artigos de libre opinión. Os artigos presentaban unha organización con poucas variacións, que seguía a seguinte estrutura: política, sociedade, cultura, creación e farrapos, estrutura que unicamente se ve omitida no primeiro número (número 0) no cal os artigos non teñen unha clara organización.
Dentro destas seccións trátanse diversos temas como o cine, o folclore, a ecoloxía, a sexualidade, a toponimia, a relixión, a historia, a lingua, a arquitectura, a muller, as letras... Realízanse tamén reportaxes e entrevistas. Usualmente a propia editorial inclúe unha opinión propia ao principio de cada publicación sobre un tema de actualidade, trata sobre todo nesta subsección o desenvolvemento do referendo pola autonomía galega.
Xunto coa revista achegábase a serie “Pintores Galegos”, un suplemento dunha folla de extensión que repasaba a cronoloxía de artistas galegos, entre eles atopamos a: Luís Seoane, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Carlos Maside…
Ideoloxía Tivo como principios básicos o galeguismo, o progresismo e a independencia. Solicitaba unha educación de carácter laico.
Edicións da publicación Número 0 - Maio 1980
Preséntase a revista, anúnciase o seu obxectivo e ideoloxía. En canto a política trátase o uso do monte Iroite como centro de operacións aéreo da OTAN e sobre este asunto realízase unha entrevista ao ex-comandante Luis Otero Fernández; a reunión polos Pactos do Hostal nos que partidos galegos como o BNG só se propuxeran negociar a repartición de alcaldes; a problemática do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981; a unidade fronte ao Estatuto de Centros mediante o que a UCD pretendía a privatización do sistema educativo; e a recomposición do centro político en Galiza, así como o futuro de Unidade Galega.
O artigo Galicia en imáxenes ofrece unha historia gráfica de Galiza e trata o importante rol dos medios audiovisuais; expóñense os antecedentes do Día das Letras Galegas e o impacto que ten dito evento; enúnciase tamén a VIII edición do Concurso de obras teatrais convocado pola Agrupación Cultural Abrente; no cine fálase de Bernardo Bertolucci e na música da Orquesta Mondragón.
Na sección farrapos expóñense discos como A Galicia de Maeloc de Milladoiro, libros como Galletas Kokoschka non de Manolo Romón ou As ladillas do travesti de Antón Reixa, no apartado de comunicación destaca A TV e as autonomías de Pérez Ornia, en canto á sexualidade o ciclo A Sexualidade polos estudantes de Psicoloxía da Universidade de Galiza e na arte Xaquín Marín e Reimundo Patiño. Atópase tamén un apartado dedicado a culinaria.
Sen número - Xullo 1980: Na sección de política a editorial expón a súa opinión sobre o proxecto de Estatuto e considera que a imposibilidade de chegar a acordos unitarios trouxo como consecuencia o desaproveitamento do caudal de mobilización popular; Ramón Piñeiro lembra a súa derradeira conversa con Alexandre Bóveda, quen concibe o galeguismo como forza moi reducida que non pode garantir a súa efectividade, polo que se ha de confiar no galeguismo dos galegos; trátanse os rexionalismos, que xorden como proxectos ideolóxicos anticapitalistas; fálase do intento de secuestro de Franqueira polo terrorismo; Enrique Vázquez experto en política internacional expón o cambio de escenario político debido ás tendencias prosoviéticas en Afganistán e a nova semántica política da Casa Branca.
No referente a sociedade trátase a separación en dous polos da Igrexa, o apoio dos políticos polo Papa mostra unha carencia de respecto ao feito relixioso, só se pretende gañar electores. Santiago Romero e Suso Iglesias recrean o ambiente universitario compostelán. Xoel Gómez realiza unha reportaxe sobre a contaminación do río Miño da que se culpa a empresas como RENFE. Tamén se mostra o impacto da primeira presentación en público da propia revista Man Común e a súa posición aberta en canto ás críticas. Outro tema é a chegada das radios municipais a Galiza que posibilitan a liberdade de expresión popular, destaca Radio As Mariñas. En canto a sexualidade abórdase esta como problema colectivo e político e preténdese a ruptura co sistema das clases dominantes e do home que restrinxen a liberdade sexual. Móstrase tamén a opinión dos lectores sobre unha recente noticia de La Voz de Galicia.
A sección cultural ofrece unha opinión sobre a lingua e a loita pola vitalidade do galego, a normalización a nivel político e social. No apartado de letras explícase en que consiste a crítica literaria, o deber que ten o crítico de xulgar valorativamente e de discernir. Análise do erotismo desinhibido de Henry Miller, dos filmes do cineasta Woody Allen. Coméntanse dous libros de Historia de Galiza e un libro sobor do modernismo en Vigo.
Na creación e en farrapos promóvense obras como Ilustrísima de Carlos Casares, cancións como London Calling de The Clash e no teatro a Agrupación Cultural Abrente. Tamén se amosan traballos premiados de contos infantís convocado pola Agrupación Cultural O Facho.
Número 1 - Agosto 1980 Na portada ten como subtítulo Tempo de Festa. Na sección política móstrase a opinión da editorial a respecto das responsabilidades diante do referendo, abandonando negociacións precarias para lograr un debate serio e aberto; a crise en Unidade Galega formada por: Partido Socialista Galego, Partido Obreiro Galego e Partido Galeguista; a análise da recomposición na esquerda galega e por tanto do PSOE; o nacionalismo da burguesía que se impoñía en Cataluña en mans de Jordi Pujol xunto coa crise do PSC.
En sociedade cobra importancia o peche de Radio As Mariñas, temas de ecoloxía expoñen como a empresa de José Masó, Industrias Balleneras S.A., estaba a superar o cota anual de capturas, analízase o antagonismo entre a defensa do medio ambiente e o mantemento dos postos de traballo no mundo obreiro. Anúncianse actividades lúdicas e resúmese o Festival Internacional do Mundo Celta en Ortigueira. En canto ao tema psicolóxico Fidel Vidal Pérez ofrece unha alternativa de psiquiatría comunitaria para a sociedade que promova o desenvolvemento do individuo.
Na cultura, Xavier Seoane realiza unha descrición da importancia da relación da música coa cultura, Manuel Vilanova expón a idea da creación dunha axencia de noticias galega: Galiza Press. Debátese a complicación e ambigüidade que presentaban as normas lingüísticas da Xunta. O Colectivo de Historia Xerminal fala dos comezos da industrialización.
En farrapos e na sección de creación anúnciase as IV Xornadas do Ensino en Galicia e Manuel Rivas fala da obra de Rafael Dieste.
No suplemento Pintores Galegos trátase a cronoloxía de Carlos Maside.
Número 2 - Setembro 1980 Na portada anúnciase Galiza ante a CEE e tamén o problema do referendo galego que é tratado na sección de política. Trátase ademais a consolidación da liña nacionalista por parte do PSOE, a análise das loitas internas do UCD de Galiza e o exame da conciencia dos nacionalistas, con opinións de Carlos Vázquez Padín (Partido Obreiro Galego) e Claudio López Garrido (Partido Socialista Galego).
Na sección de sociedade, no cine, cítase a Pasolini e Oshima e fálase do erotismo, tamén da relación entre creación artística e costumes sociais. Cipriano Luís Jiménez Casas trata a creación de roles, a masculinidade e feminidade, maternidade e paternidade, así como a escolla e idealización amorosa.
En cultura Xesús Calo e Rafael Bárez expoñen os primeiros pasos dunha nova política urbanística, trátase a crítica totalmente destrutiva de Malapata, primeiro filme falado en galego.
A sección de farrapos trata presenzas de Jorge Luis Borges e Brenan. En canto ao apartado de comunicación maniféstase as I Xornadas de Comunicación nos Axuntamentos.
No suplemento Pintores Galegos trátase a cronoloxía de Castelao.
Número 3 - Outono 1980 Este número foi publicado no outono de 1980, consta de 60 páxinas. A portada fai referencia ao ensino laico en Galiza. O tema principal deste número é o Estatuto de Autonomía, que ocupa o editorial e case toda a sección de política. Tamén encontramos reflexións sobre a República e o terrorismo en Galiza.
En canto ao apartado de sociedade, volvemos atopar referencias á educación laica. En relación co eido cultural e científico, aparecen escritos sobre Valle-Inclán e sobre as ideas de Piaget e Basaglia. Sobre a lingua podemos ler unha reflexión sobre a normativización do galego. Unha análise cinematográfica sobre Pasolini, e outra sobre un golpe militar ocupan o espazo dedicado á gran pantalla.
Na sección de creación, Xavier Seoane mostra o conto Folgor e morte dunha princesa, mentres que Xavier Alcalá expón un fragmento da súa novela Fábula, gañadora do premio literario Cidade da Coruña. No apartado das cartas Emilio López Méndez escribe Consideracións sobor de Galiza Press. Como de costume, conta coa sección O espello, de Manuel Rivas, e farrapos, a cargo de Xavier Seoane, que se centra nesta edición na radio.
O número conta ademais con algún anuncio publicitario de empresas galegas, a maioría relacionadas co eido cultural, así como cunha advertencia cara ás próximas publicacións, que contarán cun apartado extra centrado na industrialización de Galiza. Finalmente, o pintor seleccionado desta volta é Xosé Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro.
Número 4 - Novembro 1980 Publicado en novembro do ano 1980, consta de 59 páxinas, e leva por título o nome do artigo principal, O Estatuto chega co frío; comeza cunha portada de Xoán Piñón. O Estatuto é precisamente o que enche case toda a sección de política, con tres extensos artigos sobre este proceso e as relacións entre os partidos políticos implicados, así como a sección Faiado. Este primeiro bloque remata cunha reflexión sobre a lei de montes e un escrito sobre as eleccións en Portugal.
O apartado de sociedade céntrase especialmente na educación e na etapa xuvenil (con dous artigos e a sección O Espello) e conta tamén cunha crítica social por parte de Manuel Miragaia. A singularidade do galego e a postura reintegracionista son tratados na sección da lingua.