Helgoland [ˈhɛl.ɡoˌlant] (en alemán Helgoland ou tamén Deät Lun -a terra-, en frisón Lun Hålilönj e en inglés Heligoland) é un pequeno arquipélago alemán situado no bordo sueste do mar do Norte.Drower (2011) Orixinalmente era unha única illa de forma triangular e duns 2 km de lonxitude. Hoxe en día, son dúas illas: a illa principal, de forma orixinalmente triangular cunha extensión aproximada de 1 km2 no oeste (denominada Hauptinsel) e a denominada Düne (a Duna). Esta é algo máis pequena (0,7 km2 aproximadamente) antes enlazada por unha lingua de terra agora mergullada no mar e rodeada de praias de area. Non está permanentemente habitada, pero é onde se localiza o aeroporto de Helgoland.
Aínda que culturalmente está máis preto de Frisia do Norte, no distrito alemán de Nordfriesland, as dúas illas forman parte do distrito de Pinneberg no estado federado alemán de Schleswig-Holstein. A illa ten unha poboación dunhas 1.650 persoas e carece de automóbiles, xa que están prohibidos por norma municipal. O traxecto en barco transbordador desde a desembocadura do río Elba até a illa dura dúas horas.
Historia Sábese que a zona ao redor da illa estivo habitada desde tempos prehistóricos. Atopáronse ferramentas de pedernal no fondo do mar que rodea a illa. Orixinalmente a illa recibiu o nome de Fosetisland dos piratas do Báltico; na época de Willibrord de Utrecht xa lla coñecía como Heiligland que significa «Terra Sacra».The viking Age (2010), ed. A.A. Sommerville / R.A. McDonald, University of Toronto Press, ISBN 978-1-44260-148-2 p. 7.
En 697, Radbod, o último rei de Frisia, retirouse á illa tras ser derrotado polos francos. En 1231 aparece unha lista na que se nomea a illa como propiedade do rei Valdemar II de Dinamarca. Os restos arqueolóxicos atopados, pertencentes aos séculos XII e XIV, advirten do procesamento do mineral de cobre existente na illa.
Durante os séculos XV e XVI, foi empregada como base para a piratería. Desde entón até 1714 a propiedade da illa cambiou varias veces entre Dinamarca e o ducado de Schleswig, cun período no que pasou á cidade hanseática de Hamburgo. En agosto de 1714 a illa foi conquistada por Dinamarca e en 1807 tomada polo Reino Unido durante as Guerras Napoleónicas, co obxectivo de usala para romper o bloqueo continental decretado por Napoleón. No Tratado de París (30 de maio de 1814), ratificouse a ocupación británica. A razón principal do control británico dunha illa pequena e, aparentemente, irrelevante debíase ao intento británico de impedir unha futura agresión naval francesa contra os estados escandinavos ou alemánsCooper (2014), p.40. Durante o período de administración británica, non se realizaron cambios para empregala como unha base naval, en parte por razóns financeiras mais, sobre todo, porque a Royal Navy consideraba a illa demasiado exposta como unha base avanzada.Cooper (2014), p. 41
O Reino Unido cedeu a illa a Alemaña, segundo o tratado de Helgoland-Zanzíbar, en 1890, á vez que abandonaba os seus intereses en Madagascar a favor dos franceses, a cambio de que estes abandonasen as súas pretensións sobre a illa de Zanzíbar.
Durante o Imperio alemán, a illa converteuse nunha gran base naval, e na Primeira guerra mundial a poboación civil foi evacuada ao continente. A primeira batalla naval da guerra tivo lugar preto de Helgoland no primeiro mes do conflito. Os insulares volveron en 1918, pero durante o período nazi a base naval foi reactivada. O Campo de Helgoland, un campo de traballo nazi en Alderney, levaba o nome da illa.
Os insulares permaneceron alí durante a Segunda guerra mundial. O 19 de abril de 1945, máis de mil bombardeiros aliados atacaron a illa arrasándoa ao seu paso. A poboación civil protexeuse en refuxios rochosos, de xeito que a maioría dos 128 mortos que houbo eran membros das baterías antiaéreas. A illa foi evacuada a noite seguinte. Hai que mencionar que na illa Düne instalouse unha pista de aterraxe con dúas pistas, en cruz, para aproveitar o vento reinante na zona. miniatura|esquerda|Rúa principal. Desde 1945 até 1952 as illas, cuxos habitantes foran previamente evacuados, foron usadas como campo de tiro da R.A.F. O 18 de abril de 1947, a Mariña Real británica detonou 6 800 toneladas de explosivos coa intención de demoler as instalacións militares da illa, que incluían unha enorme rede de fortificacións, postos de artillaría e refuxios para submarinos. A teoría de que a detonación tiña como obxectivo destruír a illa, aínda que segue sendo popular na zona, foi desmentida por Rene Leudesdorff. O efecto sísmico da titánica explosión (chamada Big Bang polos expertos), unha das maiores non nucleares da historia moderna, permitiu efectuar todo tipo de sondaxes sísmicas desde as estacións sismolóxicas do Norte de Europa, chegándose a publicar varios estudos xeolóxicos e sismolóxicos. A illa foi devolta o 29 de febreiro de 1952 ás autoridades alemás, que tiveron que limpar unha considerable cantidade de municións sen detonar e reconstruír as casas antes de que a illa puidese ser habitada de novo.
Na actualidade a illa é un lugar de vacacións e goza de exencións de impostos, polo que unha boa parte da economía da illa baséase na venda de cigarros, bebidas alcohólicas e perfumes aos turistas que visitan a illa. A illa atópase fóra da área do Tratado de Schengen. Os seus habitantes son etnicamente frisóns e falan, xunto co alemán, unha variedade distintiva da lingua frisoa.
En tempos recentes construíronse uns diques crebaondas na costa setentrional, non só para servir de ancoradoiro, senón para evitar que a violencia dos temporais do Mar do Norte erosionen dita zona da illa; tamén se restaurou un pouco a base norte da illa utilizando formigón coloreado.
Xeografía Helgoland áchase a 70 km da costa alemá e está formada por dúas illas: a habitada de 1,0 km² é a illa principal (Hauptinsel) cara ao oeste, e Düne ("duna") ao leste, que é algo máis pequena 0,7 km², así como outras máis baixas rodeadas de praias de area e non habitadas de forma permanente. As dúas illas estiveron conectadas até 1720, cando a unión natural foi destruída por unha tormenta e mailo posterior asolagamento. A profundidade nos arredores da illa é moi reducida: apenas 1–2 m en dirección noroeste, de 1-4 entre Helgoland e Düne aínda que non maior en dirección sur ou norte; en dirección leste-noroeste esténdese unha chaira cunha profundidade máxima de 14 m, aínda que é fácil que o fondo mariño ascenda até os 7 m do fondo rochoso (Steingrund), situado a uns 8 800 m de Helgoland en dirección nordeste.
A illa principal divídese, comunmente, en tres áreas: Unterland ("Terra baixa"), Oberland ("Terra superior") que é a meseta visible nas fotografías e Mittelland ("Terra Media"), o espazo entre elas a un lado da illa. Unterland, a pouca altura sobre o nivel do mar (a parte dereita da fotografía) é onde se atopa o porto; en realidade, corresponde a unha praia de cor máis clara formada polo afundimento e erosión da parte sur da illa en tempos pasados. Ao norte esténdense bancos de area a ámbolos dous lados da illa formando unhas "pinzas" de cangrexo que deixan entre elas unha zona (como un val fluvial) de maior profundidade. A Mittelland apareceu en 1947 como resultado das explosións producidas pola Royal Navy británica (o chamado "Big Bang") que alteraron notablemente o fondo mariño ao redor da illa, dislocando o subsolo calcario, aínda que non alterou a forma nin altura da illa principal. A illa principal ten un porto (ou ancoradoiro) no parte sur e é frecuentada por iates; aquí termina o seu traxecto o transbordador que a une ao continente e trae ou leva aos numerosos turistas que visitan a illa. A arribada á illa principal só pode facerse por dúas estreitas canles de maior profundidade: unha ao noroeste, que conduce á Enseada Norte, e outra ao sur, na Enseada Sur. Fóra destas dúas zonas a profundidade redúcese enormemente impedindo a navegación de barcos de maior calado. A profundidade é mínima entre a illa maior e a menor. O punto máis alto atópase na illa principal, e está a uns 61 metros sobre o nivel do mar, en concreto na súa costa setentrional (alí instalouse unha antena de radio); a illada agulla rochosa Ana a Longa presenta actualmente unha altura de 47 m sobre o nivel do mar.
Xeoloxía miniatura|Cantil vermello característico da paisaxe de Heligoland. A illa de Helgoland é unha curiosidade xeolóxica: a presenza da característica roca sedimentaria vermella da illa principal nesa zona do mar do Norte é infrecuente: non se coñecen outras formacións similares de cantís na costa do mar do Norte; a formación é de principios do Eoceno. Existen tamén pequenos xacementos de cobre nativo (na costa, entre as rocas) e creta, marga e xeso, que dá a típica cor branca alterna con vermello; constatouse a presenza de cobre (en forma de carbonato de cobre) na rocha branca: ao pé dos cantís adóitase atopar cobre nativo, en forma de pebidas de cor verdoso ou negro.
No pasado, cando o nivel do mar era máis baixo, a illa tiña unha extensión moito maior: aínda subsisten restos de construcións baixo o mar, non lonxe da illa (en dirección nordeste), entre cuxos muros mergullados os pescadores adoitan facer as súas mellores capturas: coñéceselle co nome de fondo rochoso.
Da branca e baixa illa Düne extraíase, até o século XVIII, gran cantidade de xeso e creta (unha canteira subsiste aínda en Helgoland, no fondeadeiro sur): o subsolo da illa está composto por rochas carbonatadas sedimentarias, de cor branca, que dá nome aos fondos que a rodean (é a mesma rocha branca que proporciona as vetas da avermellada rocha de Helgoland). Unha ponte natural de rocha branca a unía, no pasado, á illa maior: unha forte tormenta, seguida da forte erosión de varias grandes marusías e mareas, terminaron por arruinar e mergullar a branda rocha; na actualidade só quedan fondos moi claros de escasa profundidade que alcanzan unha cota de entre un e catro metros, dificultando a navegación ou a aproximación a Düne. Esta zona recibe o nome de Witte Klippe en alemán e White Cliff en inglés (a súa tradución é cantís brancos).
A parte sur de Helgoland (coñecida como 'unter land' ou terras baixas), na cal se construíron gran cantidade de casas e fondeadeiros, corresponde a unha praia ou zona de afundimento formada polos detritos dos cantís, unha vez derruídos e desmoronados polas grandes mareas e marusías do pasado. Na actualidade, esta zona, de cor máis clara, corresponde ao substrato calcario que une Helgoland con Düne e se prolonga, a baixa profundidade, baixo o mar. miniatura|"Lange Anna" Na parte norte de Helgoland pódese apreciar unha "agulla de terra" que é o monumento natural máis famoso de Helgoland, Lange Anna ("Long Anna" ou "Tall Anna"). É unha columna de rocha de 47 metros de altura que se atopa ao noroeste da illa propiamente dita, dunhas 25 000 toneladas de peso; son restos do avermellado cantil que permanece separado da illa desde a caída e erosión da terra que o rodeaba e o unía ao resto da mesma. En tempos modernos a súa base foi rodeada de formigón (coloreado de vermello para que non se note nin destaque demasiado) cuxa misión é impedir que as grandes marusías o erosionen e terminen por derrubalo no mar. Segundo os expertos, isto debería bastar para permitir que subsista algúns centos de anos máis. Para evitar a forza do mar do Norte (e a súa destrutiva erosión durante as grandes tormentas e mareas) construíuse un espigón de protección na zona norte.
Os amantes das rochas poden conseguir na praia norte de Düne nódulos de rocha autóctona coñecida como Flint Heligoland. A mellor época é o outono ou inverno, non tanto porque as fortes tormentas removen o fondo senón porque nesa zona existe no verán unha praia nudista que adoita estar bastante ocupada en toda a súa extensión.Flintsource.net
Submarinismo