Fernando Grande-Marlaska Gómez, nado en Bilbao o 26 de xullo de 1962, é un maxistrado español, actual ministro do Interior do Goberno de España.
Traxectoria Ingresou na carreira xudicial en 1987 e ata 1989 prestou servizo no Xulgado de primeira instancia de Santoña, en Cantabria, onde investigou o suicidio de Rafael Escobedo, condenado polo crime dos marqueses de Urquijo. En 1990 pasou ao Xulgado de Instrución nº 2 de Bilbao, no que permaneceu durante nove anos. Promoveu nese momento a presidente da Sección Sexta do Penal da Audiencia Provincial de Biscaia. En 2003 instalouse en Madrid, como titular do Xulgado de Instrución nº 36.
Maxistrado da Audiencia Nacional Dende 2004 e ata o 30 de xuño de 2006 exerceu no Xulgado Central de Instrución número 5 da Audiencia Nacional, substituíndo provisionalmente ao seu titular, o xuíz Baltasar Garzón. Destacou pola instrución de causas contra a banda terrorista ETA, paralizando manifestacións da esquerda abertzale e ordenando a entrada en prisión de Arnaldo Otegi e pola intervención policial da organización Fórum Filatélico. Ao reincorporarse Garzón á súa praza (o 1 de xullo de 2006) quedou adscrito á Sala do Penal da Audiencia Nacional. Presentouse como candidato independente ao Consello Xeral do Poder Xudicial (2006), pero non foi elixido.
Accidente Yak-42
En 2007 asumiu a titularidade do Xulgado Central de Instrución nº 3 da Audiencia Nacional, en substitución de Teresa Palacios. Nese momento faise cargo do caso máis importante: o accidente do Yak-42 en Turquía que custou a vida a 62 militares o 26 de maio de 2003 cando regresaban de Afganistán. Con todo aos catro meses de chegar ao xulgado, o 1 de xuño de 2007, arquivou o caso, e atribuíu as responsabilidades á tripulación ucraína, eximindo ao Ministerio de Defensa do accidente por contratar un avión inseguro. Con todo, o 22 de xaneiro de 2008, a Sección Cuarta da Sala do Penal revogou por unanimidade o arquivo, alegando que o xuíz non practicara dilixencia algunha e indefensión das vítimas. Unha vez reaberto o sumario, citou como testemuñas á cúpula militar do momento, e aos exministros Federico Trillo e José Bono. Finalmente o 20 de maio de 2008, imputou por 62 homicidios por imprudencia grave, a cinco altos mandos militares, entre eles o xefe do Estado Maior da Defensa, Antonio Moreno, máximo xefe da cúpula militar no momento do accidente.
Outros casos O 30 de agosto de 2007 decretou a apertura de xuízo oral por inxurias á Coroa a varios artistas gráficos. En xuño de 2007 decidiu arquivar a causa aberta contra catro directivos de Air Madrid por presunta estafa cometida durante a crise que afectou á aeroliña en decembro de 2006 e, en setembro de 2007, rexeitou os recursos de apelación presentados pola Asociación Xeral de Consumidores e Usuarios e a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) contra o arquivo do auto.
O 23 de febreiro de 2012 foi nomeado presidente da Sala Penal da Audiencia Nacional en substitución de Javier Gómez Bermúdez.
O 29 de novembro de 2013 foi designado vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, a proposta do Partido Popular, polo Senado.
Ministro do Interior O 7 de xuño de 2018 tomou posesión como ministro do Interior do goberno de Pedro Sánchez, despois de prosperar a moción de censura contra Mariano Rajoy.
Polémicas O 17 de abril de 2026, o DAO (Director Adxunto Operativo) da Policía Nacional, nomeado por Grande-Marlaska en 2018 como principal mando non político do corpo, presentou a dimisión ao admitirse a trámite unha denuncia por presunta agresión sexual. Como cargo da máixma confianza do ministro, en novembro de 2024, o Ministerio do Interior revogou a súa xubilación ao cumprir os 65 anos para que puidese continuar no seu cargo, aproveitando unha modificación legal que foi cuestionada polos partidos da oposición e por diferentes sectores dentro da propia Policía.
Como consecuencia, os partidos da oposición e algúns sindicatos policiais reclamaron inmediatamente a dimisión do ministro por nomealo e mantelo no cargo. Ante a acusación no Parlamento de que o ministro coñecía o caso e o tapou, Grande-Marlaska, anunciou que se querelaría contra calquera que manteña a acusación fóra do hemiciclo.
Obras
Ni pena ni miedo (2016) Barcelona: Editorial Ariel. ISBN 9788434424043
Vida persoal Grande-Marlaska é abertamente homosexual e leva moito tempo sendo activista contra o acoso escolar. Na súa autobiografía, Ni pena ni miedo, publicada en 2016, afirmou que tivo que se distanciar da súa familia durante uns anos despois de mencionarlles a súa homosexualidade, pois a súa nai rompeu a relación durante seis anos. En 2005, o mesmo ano en que se aprobou a lei do matrimonio homosexual, casou coa súa parella de toda a vida, Gorka Gómez.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Nados en 1962 Categoría:Xuíces de España Categoría:Ministros do Goberno de España da XII Lexislatura Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XIV Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XIII Lexislatura) Categoría:Ministros do Goberno de España da XIV Lexislatura Categoría:Ministros do Goberno de España da XIII Lexislatura Categoría:Ministros do Goberno de España da XV Lexislatura