Graça Machel, nada co nome de Gracia Simbine en Incadine o 17 de outubro de 1945, é unha política, profesora e activista social en favor da infancia mozambicana. É presidenta do consello de administración da Universidade de Cidade do Cabo, e viúva de Nelson Mandela e de Samora Machel.
Traxectoria Naceu nunha familia campesiña na provincia de Gaza, na daquela colonia de África Oriental Portuguesa. Estudou nunha escola de misioneiras metodistas e conseguiu unha bolsa para estudar no Liceo de Maputo, e no seu momento foi a única alumna de raza negra da súa clase, o que fixo que comezase a pensar na situación colonial do seu país. Estudou na Universidade de Lisboa, onde entrou en contacto con estudantado africano lusófono coas mesmas preocupacións políticas.
Guerra de independencia de Mozambique En 1972 Graça regresou ao seu país, e uniuse á Fronte de liberación de Mozambique (Frelimo), que lidera a Guerra de Independencia de Mozambique, con sede en Tanzania. Exercendo de correo coñeceu Samora Machel, que dirixía o movemento na provincia de Cabo Delgado, e durante dous anos foi directora adxunta nunha escola do Frelimo situada en Tanzania. Mozambique accedeu á independencia en 1975, e Samora Machel foi nomeado primeiro Presidente de Mozambique o 25 de xuño. Nese mesmo ano Gracia Simbine casou con el, e tomou o seu apelido.
Ministra de Cultura e Educación Graça Machel foi ministra de Cultura e Educación entre 1975 e 1989. Foi a única muller do goberno. Durante o seu mandato substituíu os programas escolares, que proviñan da época colonial, e puxo en marcha cursos nocturnos para persoas adultas. A súa acción contribuíu ao aumento do índice de alfabetización e do número de nenos e nenas escolarizadas. Previu un plan decenal para a formación do profesorado, mais o país desestabilizouse a causa da guerra civil iniciada pola Resistencia Nacional Mozambicana (Renamo), movemento armado sostido polo réxime surafricano da época.
O 19 de outubro de 1986 o seu marido morreu nun accidente de avión mentres se dirixía a Mozambique desde Zambia. En 1989, logo de presentar a súa dimisión ao novo presidente, retirouse da política.
Compromisos humanitarios En 1994 Graça Machel creou a Fundación para o Desenvolvemento da comunidade (Fundaçäo para o Desenvolvimento da Comunidade, FDC). Nese mesmo ano foi nomeada presidenta da Comisión de Estudos da Organización das Nacións Unidas sobre o Impacto dos Conflitos Armados na Infancia polo Secretario Xeral das Nacións Unidas Boutros Butros-Ghali. En 1996 renunciou a ser candidata á secretaría xeral da ONU.
É membro de The Elders, unha organización non gobernamental composta por dirixentes anciáns, reunidos en 2007 por Nelson Mandela co fin de contribuír a resolver os problemas máis importantes do planeta. Machel traballou en especial na loita contra o matrimonio infantil.
Traballou con asociacións contra a sida e a pobreza. É membro tamén do Africa Progress Panel, fundación con sede en Xenebra presidida por Kofi Annan desde 2008.
Recoñecementos En 1995 recibiu a Medalla Nansen das Nacións Unidas polos seus traballos a prol dos dereitos humanos, e especialmente pola defensa dos dereitos da infancia.
Tamén en 1995 recibiu o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional, canda a Fatiha Boudiaf, Rigoberta Menchú, Fatana Ishaq Gailani, Somaly Mam, Emma Bonino e Olayinka Koso-Thomas, polo seu traballo en defensa e pola dignidade da muller.
O 23 de abril de 2008 foi investida doutora Honoris Causa pola Universidade de Barcelona.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Estudo da UNICEF sobre o impacto dos conflitos armados na infancia .
Categoría:Nados en Mozambique Categoría:Nados en 1945 Categoría:Premios Princesa de Asturias de Cooperación Internacional Categoría:Políticos de Mozambique Categoría:Alumnos da Universidade de Lisboa