Anna-Lou "Annie" Leibovitz (/ˈliːbəvɪts/), nada en Waterbury, Connecticut o 2 de outubro de 1949, é unha fotógrafa estadounidense. Foi a primeira muller en expoñer na Washington's National Portrait Gallery, en 1991. Tamén foi a última persoa que fotografou a John Lennon, o día en que foi asasinado.
É a fotógrafa mellor pagada do mundo e traballou para revistas como Vanity Fair, Rolling Stone ou Vogue. En 1984 foi galardoada pola Asociación Estadounidense de Editores de Revistas como Fotógrafa do ano. En maio de 2013 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades.
Traxectoria Primeiros anos Nada en Connecticut en 1949, Anna-Lou Leibovitz é a terceira dos seis fillos de Marilyn Edith (de solteira Heit) e Samuel Leibovitz. É estadounidense de terceira xeración, pois os seus pais eran xudeus romaneses. A nai era profesora de danza contemporánea de orixe estoniana e o pai foi tenente coronel nas Forzas Aéreas dos Estados Unidos. A familia mudábase frecuentemente polos destinos do pai. As súas primeiras fotografías foron tomadas en Filipinas durante a guerra de Vietnam, dos arredores da base militar e dos veciños da zona. A paixón de Leibovitz pola arte naceu do compromiso da súa nai coa danza, a música e a pintura.
En Northwood High School en Silver Spring, Maryland, comezou a interesarse en varios empeños artísticos e empezou a escribir e tocar música. Asistiu ao San Francisco Art Institute, onde estudou pintura coa idea de facerse profesora de artes. Na escola fixo os primeiros traballos fotográficos e cambiou o seu interese principal á fotografía. Foi inspirada pola obra de Robert Frank e Henri Cartier-Bresson, sobre quen aprendeu na escola. Durante varios anos, continuou a desenvolver a súa habilidade fotográfica mentres realizaba outros traballos, entre eles un voluntariado nun kibbutz de Amir, Israel durante uns meses de 1969.
Carreira Cando Leibovitz volveu aos Estados Unidos en 1970, comezou a súa carreira como fotógrafa na revista Rolling Stone. En 1973 o editor Jann Wenner nomeouna fotógrafa xefa da revista, cargo que mantivo durante dez anos. Leibovitz traballou para a revista ata 1983, e as súas fotos íntimas de celebridades axudaron a definir a imaxe de Rolling Stone.
Fotografou os Rolling Stones en San Francisco en 1971 e 1972, e traballou con eles na xira de the Rolling Stones' Tour of the Americas '75. A súa foto favorita da xira é unha de Mick Jagger nun ascensor.Leibovitz, A. (2008).At Work. New York City, NY: Random House.
Mentres traballaba en Rolling Stone, descubriu que podía traballar para revistas e á vez crear obras persoais da súa familia, que para ela era máis importante. “Non tes a oportunidade de facer estes traballos íntimos agás con persoas que amas, a xente que te tolerará. É xente que che abre os seus corazóns e as súas almas e as súas vidas. Debes coidalos”.
John Lennon O 8 de decembro de 1980 fixo unha sesión de fotos con John Lennon para Rolling Stone e prometoulle que estarían na portada. Inicialmente intentou facer unha foto con Lennon só, como quería Rolling Stone. Porén, Lennon insistiu en que estivesen tanto el como Yoko Ono na portada. Leibovitz intentou entón recrear a escena do bico da portada de Double Fantasy, imaxe que ela adoraba. Fixo a Lennon espirse e arrecuncharse xunto a Yoko no chan. Leibovitz dixo, "o que é interesante é que ela dixo que quitaría a parte de arriba e eu dixen «deixa todo posto» sen preconcibir a imaxe en absoluto. Entón el arrecunchouse xunto a ela e era moi, moi forte. Creo que foi sorprendente mirar a primeira Polaroid e os dous estaban moi excitados. John dixo «captaches a nosa relación con exactitude. Prométeme que estará na portada». Mireino aos ollos e estivemos de acordo niso". Leibovitz foi a última persoa en fotografar a Lennon, que foi asasinado cinco horas despois.
A imaxe foi recreada en 2009 polo fillo de John e Yoko, Sean Lennon, coa súa moza Kemp Muhl e cos roles cambiados (Sean vestido, Kemp espida), e por Henry Bond e Sam Taylor-Wood no seu pastiche October 26, 1993.
Outros proxectos Na década de 1980, o novo estilo de iluminación de Leibovitz e o uso de cores e posturas atrevidas subiron a súa posición en Vanity Fair. Leibovitz fotografou famosos para unha campaña internacional de publicidade de tarxetas de crédito de American Express, a cal gañou un premio Clio en 1987. En 1991 emulou a festa de Margaret Bourke-White. Montou unha gárgola dunha aguia no 61º andar do Chrysler Building de Manhattan e fotografou o bailarín facendo acrobacias sobre unha á. O fotógrafo John Loengard, da revista Life tirou unha fotografía de Leibovitz no clímax do perigo. Precisamente ese día Loengard estaba a fotografar a Leibovitz para The New York Times. En 2007 tivo lugar unha retrospectiva da súa obra no Museo de Brooklyn. A mostra, baseada no seu libro Annie Leibovitz: A Photographer's Life, 1990–2005, incluía moitas das súas fotografías profesionais, ademais de fotografías persoais da súa familia e da súa parella, Susan Sontag. A exposición, que foi aumentada para incluír tres dos retratos oficiais da raíña Isabel II do Reino Unido, foi presentada en sete cidades, entre elas Washington, D.C., San Francisco e Berlín. Incluíanse 200 fotografías. Na mostra, Leibovitz mostrou que non tiña dúas vidas, senón unha en que tanto os encargos cono as imaxes persoais son parte da súa obra. A mostra e a súa disertación centrábanse na súa vida e fotografías persoais. En 2007, a BBC malinterpretou a sesión de fotografías á raíña Isabel II en que se había de tirar o retrato oficial para a visita de estado a Virxinia e que foi filmada para o documental A Year with the Queen. Un tráiler mostraba a reacción da raíña á suxestión de Leibovitz ("less dressy", menos formal) de que quitase a tiara, e mais unha escena da raíña baixando por un corredor dicindo a un axudante "Non vou cambiar nada. Tiven bastante vestindo así, moitas grazas".No orixinal, "I'm not changing anything. I've had enough dressing like this, thank you very much". A BBC pediu perdón posteriormente. Admitiu que a secuencia de sucesos fora malinterpretada e que a raíña estaba, de feito, camiñando ao sitio na segunda escena. Isto provocou un escándalo na BBC e unha reforma do seu libro de estilo. Porén, un artigo de 2015 en London Times publicado xusto despois de que o reinado de Isabel II superase ao da raíña Vitoria contradí a historia. Afirma que a raíña estaba incrédula, ao ser requirida para quitar a coroa porque "ninguén lle di que facer", mais tamén se sentía insultada, porque só se trataba dunha tiara. En 2007, The Walt Disney Company contratouna para unha serie de fotografías con famosos encarnando personaxes e escenas para Walt Disney Parks and Resorts na campaña "Year of a Million Dreams". En 2014, Leibovitz realizou unha sesión de fotos de Kim Kardashian, Kanye West e a súa filla North West para un artigo de Vanity Fair. O mesmo ano, a New-York Historical Society elaborou unha exposición da obra de Leibovitz baseada no seu libro de 2011 Pilgrimages. En 2015, Leibovitz foi a fotógrafa principal do calendario Pirelli de 2016. Realizou un cambio drástico no estilo do calendario, pois centrouse en mulleres admirables e non na sexualidade, e incluía a Amy Schumer, Serena Williams e Patti Smith. Leibovitz xa traballara na edición de 2000. Entre xaneiro de 2016 e febreiro de 2017, "WOMEN: New Portraits", encargada por UBS, que reflectía os cambios de roles das mulleres, foi amosada en dez cidades de todo o mundo. En 2017 anunciou a estrea dunha clase de fotografía online titulada "Annie Leibovitz Teaches Photography". En xaneiro de 2018, a portada de Leibovitz para Vanity Fair foi criticada pola manipulación da imaxe, que parecía mostrar a actriz Reese Witherspoon con tres pernas.
Galardóns "Commandeur de l'Ordre des Arts et des Lettres", outorgado polo goberno francés en 1991.
Medalla do centenario de The Royal Photographic Society e unha bolsa honoraria (HonFRPS) en recoñecemento á súa contribución á fotografía en 2009. Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades en maio de 2013 e dous anos despois a medalla Paez da Arte da VAEA.
Doutoramento honorario en belas artes pola Rhode Island School of Design en 2018
Fotografías célebres As portadas dos álbums de Bruce Springsteen Born in the U.S.A. e Tunnel of Love. A actriz Demi Moore espida, en que exhibe o seu embarazo de sete meses (1991). Whoopi Goldberg mergullada nunha bañeira chea de leite, en que amosa só o seu rostro e as súas extremidades. George W. Bush e o seu gabinete no Despacho Oval da Casa Branca, despois dos Atentados do 11 de setembro de 2001. O artista búlgaro Christo envolto completamente en tea, igual que empaqueta os edificios. A cantante Dolly Parton sorrindo mentres o actor Arnold Schwarzenegger dobra os seus bíceps detrás dela sen mostrar o seu rostro. Os actores Dan Aykroyd e John Belushi disfrazados como The Blues Brothers coas caras pintadas de azul. O artista Keith Haring co corpo pintado igual cós seus cadros. O político ruso Mikhail Gorbachev sentado dentro dun automóbil cos restos do muro de Berlín ao fondo. O cantante Sting espido e cuberto de barro no deserto, mimetizándose coa paisaxe. Un primeiro plano do músico Pete Townshend, en que apoia a cabeza sobre a súa man mentres brota sangue da súa palma. A cantante e actriz Miley Cyrus en que cobre o seu busto só cunha saba branca cando tiña 15 anos de idade. A ex-atleta e medallista olímpica Caitlyn Jenner, en que posa por primeira vez trala súa cirurxía de reasignación de sexo en maio de 2015.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Fotógrafos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados no condado de New Haven, Connecticut Categoría:Nados en 1949 Categoría:Estadounidenses de ascendencia xudía Categoría:Estadounidenses de ascendencia estoniana Categoría:Estadounidenses de ascendencia romanesa Categoría:Premios Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades