Iván Raña Fuentes, nado o 10 de xuño de 1979 en Ordes, é un exdeportista galego. Competou principalmente en tríatlon, deporte no que gañou dous diplomas olímpicos (2000 e 2008). Foi campión do mundo en 2002 e dúas veces subcampión (2003 e 2004), subcampión da Copa do Mundo en 2002, dúas veces campión de Europa (2002 e 2003) e subcampión en 2001, catro veces campión de España (2001, 2002, 2004 e 2007) e outras catro subcampión (2003, 2006, 2008 e 2012).

Entre 2012 e 2023 competiu en Ironman, onde logrou varias vitorias e conseguiu completar en seis ocasións consecutivas o esixente Mundial de Kona, cunha sexta posición como mellor resultado en 2013.

Ademais foi campión mundial de ácuatlon en 2001, campión de España en 1999 e dúas veces campión de España de dúatlon (1998 e 2002). Foi tamén ciclista profesional nas filas do Xacobeo Galicia, e entre 2007 e 2019 correu rallys, principalmente no Campionato de Galicia.

Traxectoria

Inicios (1979-1995) Comezou de neno no Club Natación Santiago canda a súa irmá máis vella, Natalia, onde gañou as primeiras competicións. Ademais da natación, a mediados dos anos 90 gañou carreiras pedestres nas categorías cadete e xuvenil (As Pontes en 1994 e 1995), de ciclismo (Val do Dubra) e algunhas probas de tríatlon (Os Castros, Celeiro, Festas do Rosario e Narón). No campionato de España de tríatlon de 1995 acadou o cuarto posto na categoría de xuvenil. En 1996, co Club Deportivo Universitario de Santiago de Compostela, proclamouse subcampión galego xuvenil na proba de 3000 metros.

Éxito en categorías inferiores (1996-1999) En 1996, aínda xuvenil, logrou a súa primeira vitoria absoluta de tríatlon, en Castrelo de Miño, mentres súa irmá Natalia gañaba na categoría feminina. En agosto dese ano, tras quedar terceiro na súa categoría na Copa do Rei en Burgos, foi seleccionado para disputar o Campionato do Mundo en Cleveland (Estados Unidos). Quedou cuarto na final B júnior (34º en total). En outubro gañou a terceira edición do Tríatlon de Narón. En 1997 quedou cuarto na categoría júnior no Mundial en Perth (Australia).

En marzo de 1998 proclamouse campión de España de dúatlon en distancia curta. En abril debutou nunha proba da Copa do Mundo no Xapón, e quedou no posto 57. Disputou ese ano dúas probas máis da Copa do Mundo, en Corner Brook (Canadá) e Cancún (México), e en ambas rematou no posto 41 en categoría absoluta). Competiu no Campionato Europeo e no Mundial, nos dous casos en categoría júnior, e rematou en 39º e 6º lugar respectivamente.

En maio de 1999 disputou unha das probas da Copa de Europa en categoría absoluta, en Graus (España), onde obtivo a 8° posición. En xullo, en Funchal, Madeira (Portugal), proclamouse campión de Europa júnior. A seguinte competición foi nunha proba da Copa do Mundo en Tiszaujvaros (Hungría) e en setembro quedou 3° no Campionato do mundo júnior en Montreal (Canadá). En outubro disputou a penúltima proba da Copa do Mundo en Cancún. Logrou o seu primeiro podio internacional como absoluto, ao conseguir o segundo posto. Participou tamén na última proba en Noosa (Nova Zelandia). Ese ano quedou ademais 3° no Campionato de España de Tríatlon e proclamouse campión de España de Ácuatlon.

Xogos Olímpicos de Sydney e primeiras vitorias (2000-2001) En 2000 disputou catro probas da Copa do Mundo. Nas catro logrou ficar entre os 10 primeiros e logrou dous cuartos postos na Illa de Hawai e en Ixigaqui (Xapón). Rematou no sexto lugar na clasificación xeral da Copa. Disputou ademais o Campionato do Mundo e o Campionato de Europa, nos postos 23 e 20, respectivamente. En setembro, con 21 anos, acudiu aos Xogos Olímpicos de Sydney, na primeira ocasión en que o tríatlon era deporte olímpico. Rematou en quinta posición, a 46 segundos do vencedor, o canadense Simon Whitfield, e obtivo así un diploma olímpico.

En 2001 fichou polo equipo ciclista Grupo Deportivo Supermercados Froiz, co que comezou a disputar carreiras de afeccionados. Disputou tres probas da Copa do Mundo de Tríatlon, e nunha delas, en Ixigaqui (Xapón), logrou a vitoria, o que o converteu no primeiro español en conseguilo. En xuño proclamouse subcampión de Europa na cidade checa de Karlovy Vary, só por detrás do local Filip Ospalý. O 18 de xullo, na cidade canadense de Edmonton, proclamouse campión do mundo de ácuatlon. Catro días despois quedou ás portas do podio no Campionato do mundo de tríatlon, ao finalizar cuarto. Ese ano logrou o seu primeiro Campionato de España de Tríatlon.

Campión do mundo de tríatlon (2002) En abril de 2002 proclamouse de novo campión de España de dúatlon. Participou en tres carreiras da Copa do Mundo de Tríatlon e obtivo o mellor resultado na de Ixigaqui, onde foi medalla de prata por detrás do campión do mundo Peter Robertson. En xuño disputou a Volta á Coruña co Club Ciclista Estradense. Na segunda metade de 2002 encadeou a mellor xeira de resultados da súa carreira. Gañou de xeito consecutivo o Campionato Europeo de Tríatlon en Győr, o Campionato de España de Tríatlon en Madrid, (puntuable ademais para a Copa de Europa), unha proba da Copa do Mundo en Funchal, Madeira, outra proba da Copa de Europa en Palermo, e coroóuse campión do mundo de tríatlon en Cancún. Completou a proba mexicana nunha hora, 50 minutos e 40 segundos, 26 segundos menos que o segundo clasificado, o australiano Peter Robertson, vencedor da edición anterior. Na Copa do Mundo quedou segundo na clasificación final.

Subcampionatos do mundo (2003-2004) Entre maio e xuño de 2003 participou en dúas probas da Copa de Europa, quedando segundo na primeira delas nos Azores, por detrás de Filip Ospalý, e vencendo a outra, en Charleville, Francia. A continuación gañou por segundo ano consecutivo o Campionato Europeo de Tríatlon, en Karlovy Vary, outra vez por diante do checo Ospalý, segundo tamén o ano anterior. A finais de xullo, na vila húngara de Tiszaujvaros, proclamouse subcampión do mundo de relevos por equipos, formando equipo con Clemente Alonso e José Merchán. Participou logo en cinco probas da Copa do Mundo, logrando a vitoria na disputada en Madeira, e quedando segundo na clasificación final da Copa. Ademais a principios de setembro logrou o subcampionato de España de tríatlon, por detrás de Eneko Llanos e xusto por diante de Javier Gómez Noya. Finalmente disputou o Campionato do mundo na vila neozelandesa de Queenstown. Tras facer uns tempos discretos nos sectores de natación e ciclismo, comezou a remontar na carreira a pé e marcou o mellor tempo da sección, o que lle valeu para chegar á meta en segunda posición final, por detrás de Peter Robertson.

En abril de 2004 quedou noveno no Campionato Europeo celebrado en Valencia e en maio, en Madeira, revalidou o subcampionato mundial, ao perder o ouro no sprint final fronte ao neozelandés Bevan Docherty. A principios de agosto proclamouse campión de España, por diante de Gómez Noya. A continuación viaxou a Atenas, para participar nos seus segundos Xogos Olímpicos. A pesar das altas expectativas e de ser considerado o favorito, quedou moi afastado das medallas e diplomas, chegando á meta na posición 23 despois dunha mala carreira, especialmente na sección de bicicleta.

Problemas físicos e baixada de rendemento (2005-2007) Comezou 2005 con novo adestrador, José Rioseco, adestrador tamén de Gómez Noya, e disputou tres probas da Copa do Mundo con malos resultados: abandonou por molestias físicas en Honolulu, e rematou moi lonxe dos postos de cabeza en Mazatlán (México) e Madrid. Despois de non poder participar no Campionato de España por ter rompido o nariz nunha caída, disputou en agosto o Campionato Europeo, onde só puido ser 11º. En setembro disputou o Campionato do mundo no Xapón, pero non puido rematar a proba debido a numerosos problemas físicos.esquerda|miniatura|Iván Raña en Madrid en 2010Entre e marzo e maio de 2006 competiu en tres probas da Copa do Mundo, mellorando os resultados do ano anterior, e logrando un 6º e un 7º posto. A continuación volveu subir ao máis alto do podio, ao gañar a Copa de Europa de Sanremo. A principios de xuño quedou segundo, só por detrás do seu compañeiro e amigo Gómez Noya, na proba da Copa do Mundo celebrada en Madrid, o seu primeiro podio nun tríatlon mundial en máis de dous anos. A finais de mes, no Campionato de Europa celebrado na vila francesa de Autun, non puido rematar debido a problemas musculares. Correu a mesma sorte no Campionato do mundo celebrado en Lausana, abandonando na última sección. Poucos días despois proclamouse subcampión de España, por detrás de Gómez Noya, e pechou o ano en Cancún, cun noveno posto na proba da Copa do Mundo e un cuarto no Campionato do mundo de relevos por equipos.

Comezou 2007 cun sexto posto no prestixioso Dúatlon de Gernika e en maio disputou con pouco éxito a terceira proba da Copa do Mundo, en Lisboa, onde finalizou 26º. Mellorou na seguinte proba da Copa, en Madrid, onde volveu subir ao podio en terceira posición, por detrás de Filip Ospalý e Javier Gómez Noya. Nas seguintes probas da Copa do Mundo quedou 5º (Salford), 6º (Pequín) e 7º (Rodas), mentres que abandonou na de Cancún, rematando o campionato en novena posición. Tamén tivo que abandonar no Campionato de Europa en Copenhague e no Campionato do Mundo en Hamburgo. Con todo, en setembro dese ano gañou o seu cuarto Campionato de España de Tríatlon.

Xogos Olímpicos de Pequín (2008) Nas primeiras probas que disputou en 2008 logrou resultados discretos (18º no Europeo, abandono na Copa do Mundo en Madrid e 19º no Campionato Mundial), pero mellorou o seu rendemento nas seguintes citas da Copa do Mundo, logrando un cuarto posto en Des Moines, un sexto en Hamburgo e a vitoria na cidade tirolesa de Kitzbühel. Foi a súa primeira vitoria na Copa dende 2003 e ocorreu a menos dun mes dos Xogos Olímpicos de Pequín. Tanto el como Gómez Noya acudiron á cita olímpica como claros candidatos a lograr a primeira medalla galega e española en tríatlon. Con todo, quedaron ás portas dos metais, chegando Raña en quinta posición á meta, xusto por detrás do ferrolán e case medio minuto do gañador, o alemán Jan Frodeno. Rematou a tempada proclamándose subcampión de España de tríatlon e subindo ao terceiro caixón do podio na Copa do Mundo en Lorient, o que lle deu a sétima praza na clasificación final da Copa.

Paso ao ciclismo profesional (2009) A finais do 2008 ofreceuse ó equipo ciclista Xacobeo Galicia para formar parte do equipo, e tras estudar a oferta Álvaro Pino, decidiu a súa contratación, co que pasou a formar parte dese equipo profesionalRaña se pasa al ciclismo profesional , El Correo Gallego, 3/12/08. Debutou como ciclista profesional en febreiro de 2009, na Challenge de Mallorca, onde sufriu unha caída na primeira etapa, que lle ocasionou unha luxación de clavícula. Posteriormente disputou varias probas ciclistas, entre elas a Volta a Murcia, a Volta a Portugal, o Gran Premio Paredes, a Volta a Madrid ou a Volta a Chihuahua, en México, sen demasiada fortuna. En outubro o Xacobeo anunciou que non lle renovaba o contrato e a finais de ano Raña fixo pública a súa volta ao tríatlon. Con todo, en setembro xa volvera brevemente ao tríatlon para disputar o Campionato de España en Cangas de Morrazo, onde rematou quinto.

Volta ao tríatlon (2010-2012)