O vaporwave é un microxénero da música electrónica e un meme de Internet que xurdiu a comezos dos anos 2010.*

A música deste estilo presenta unha característica habitual de fascinación pola música dos anos 1980 e 1990 de estilos como a música de ascensor, o smooth jazz, o R&B e a música lounge, utilizando xeralmente samplers ou manipulando as pistas musicais con diversas técnicas e efectos. A subcultura que arrodea ó vaporwave adoita asociarse cunha visión ambigua ou satírica do capitalismo de consumo e da cultura popular, e tende a caracterizarse por unha achega nostálxica ou surrealista ó entretemento popular, á tecnoloxía e a publicidade de décadas previas. Adoita incorporar tamén imaxinaría de Internet, elementos típicos do deseño web de finais dos anos 1990, elementos do glitch art e ilustracións cyberpunk nas portadas e vídeos musicais.

Orixinado como unha variante irónica do chillwave, o vaporwave ten unha certa relación coas tendencias experimentais da escena do pop hipnagonóxico de comezos dos anos 2000 liderada por produtores como James Ferraro, Daniel Lopatin e Vektroid (Ramona Xavier). Trala considerada primeira mostra de vaporwave en decembro de 2011, Floral Shoppe de Vektroid, floreceu unha serie de produtores en liña inspirados na produción de música neste estilo. Este movemento acadou unha audiencia por medio de sitios web como Last.fm, Reddit e 4chan, empregando principalmente Bandcamp para a súa distribución musical. A maior exposición que tivo o vaporwave a partir do ano 2012 deu lugar a unha serie de diversos subxéneros e derivados como o future funk, o mallsoft ou o hardvapour.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Xéneros de música electrónica