Pichia (antes chamada cos sinónimos obsoletos Hansenula e Hyphopichia) é un xénero de lévedos da familia Saccharomycetaceae de células esféricas, elípticas ou oblongas acuminadas. Os Pichia adoitan ser teleomorfos, e forman ascósporas con forma de sombreiro, hemiesféricas ou redondas durante a reprodución sexual. Os anamorfos dalgunhas especies de Pichia clasificáronse como especies de Candida. A reprodución asexual é por xemación multilateral.
A lactosa non é fermentada nin asimilada por estas especies. O comportamento con respecto a outros carbohidratos depende da especie. Sempre asimilan o nitrato.
Coñécense máis de 100 especies deste xénero. Algunhas delas interfiren cos procesos de fermentación para a produción de alcohol. Na produción de viño, algunhas especies de Pichia poden xerar posibles defectos no viño.K. Fugelsang, C. Edwards Wine Microbiology Second Edition pgs 3-28 Springer Science and Business Media , New York (2010) A maioría encóntrase en plantas en descomposición; algunhas viven en estreita simbiose con insectos, que viven en plantas en descomposición.
Algúns representantes de Pichia poden encontrarse no leite e queixo crus, como P. anomala (antes chamada Hansenula anomala). P. anomala combate o prexudicial mofo Aspergillus flavus, que contamina os alimentos como noces, millo e outros e produce aflatoxinas. Os investigadores do Servizo de Investigación Agrícola dos Estados Unidos atoparon que cando se trataban as árbores de pistacho con P. anomala, o crecemento de A. flavus quedaba inhibido nun 97%. Ademais de inhibir a A. flavus, o lévedo pode tamén axudar a protexer outros cultivos agrícolas de mofos prexudiciais que afectan ao sabor, textura, rendemento e seguridade das colleitas. En frotis de queixo madurado, a especie máis importante é P. membranifaciens que tamén aparece no queixo en crema. A formación dunha película é típica. Outro membro do xénero, P. pastoris, utilízase amplamente en bioloxía molecular e biotecnoloxía como un sistema de expresión. P. angusta antes chamada Hansenula polymorpha, é un organiso modelo para estudar as funcións dos peroxisomas e a súa bioloxía molecular subxacente.
Algunhas especies de Pichia (por exemplo, P. ohmeri) demostrouse clinicamenre que son patóxenas, ou, mellor, patóxenos oportunistas en persoas inmunocomprometidos.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Pichia en Dr Fungus
Categoría:Lévedos