Os carádridos (Charadriidae) son unha familia de aves da orde Charadriiformes que comprende de 64 a 66 especies, das cales en Galicia viven seis especies do xénero Charadrius (píllaras), catro do xénero Pluvialis (píldoras) e unha do xénero Vanellus (avefrías).
Taxonomía A familia Charadriidae foi introducida polo zoólogo inglés William Elford Leach nunha guía dos contidos do Museo Británico publicada en 1820. Aínda que no documento non se especifica o nome do autor, Leach era daquela o Coidador de Zooloxía. A familia divídese en dúas subfamilias: os caradrinos (Charadrinae), que inclúen as píllaras e píldoras, e os vanelinos (Vanellinae), que inclúen as avefrías.
Descrición
Son aves pequenas ou de medio tamaño con corpos compactos, curtos, pescozos grosos e ás longas e xeralmente bicudas, pero a maioría das especies de vanelinos adoitan ter ás arredondadas. Os seus peteiros son xeralmente rectos (excepto no caso do Anarhynchus frontalis de Nova Zelandia) e curtos, as dedas curtas, e a deda traseira pode estar reducida ou ausente, dependendo das especies. A maioría dos Charadriidae teñen tamén colas relativamente curtas, pero o Charadrius vociferus é unha excepción. Na maior parte dos xéneros, os sexos son similares, e só hai un pequeno dimorfismo sexual. En tamaño van desde o Charadrius collaris, de 26 g e 14 cm, ao Vanellus miles, de 368 g e 35 cm.
Distribución e hábitat
Viven nois campos abertos de todo o mundo, principalmente en hábitats próximos á auga, aínda que hai algunhas excepcións: o Peltohyas australis, por exemplo, prefire terreos pedregosos dos desertos de Australia central e occidental.
Comportamento e ecoloxía
Cazan utilizando a vista en lugar de sentir a presenza das presas cos peteiros como fan os limícolas de peteiros longos como os escolopácidos. Os alimentos que comen son invertebrados acuáticos e terrestres como insectos, vermes, moluscos e crustáceos dependendo do hábitat, e captúranos normalmente usando unha técnica de correr e parar, en vez de permanecer quedos sondando como fan outros grupos limícolas. Tamén comen materia vexetal.
Reprodución
A gran maioría dos carádridos son monógamos. Algúns, como Vanellus vanellus (avefría), son políxinos, outros, como o Charadrius moontanus ten un sistema de múltiples postas rápidas que pode ir acompañado de poliandria secuencial. En Charadrius morinellus, as femias compiten polos machos e os machos proporcionan todos os coidados parentais ás crías. Cando están reproducíndose, defenden os seus territorios con exhibicións aéreas visibles.
Poñen de dous a catro ovos no niño, que adoita ser unha escavación pouco profunda en campo aberto, e incuban a posta durante de 21 a 30 días. En especies nas que ambos os proxenitores incuban os ovos, as femias e os machos varían na maneira en que comparten as tarefas de incubación, tanto dentro dunha especie coma entre especies. Nalgunhas parellas, os proxenitores intercámbianse no niño pola mañá e ao serán para facer unha incubación ininterrompida durante as 24 horas, noutras as femias e machos intercámbianse facendo quendas unhas 20 veces ao día.
Son aves que protexen moito os seus ovos e crías. Os proxenitores protexen os pitos emitindo unha chamada de alarma, realizando unha exhibición de distración e mesmo poden atacar o predador ou intruso. Os pitos son precoces e non son alimentados polos pais.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Vídeos de Charadriidae en the Internet Bird Collection Vídeos de Charadriidae incubando en Incubating shorebirds Sons de Charadriidae en xeno-canto.org
Categoría:Carádridos