Antonio Amador José de Nariño y Bernardo Álvarez del Casal, nado en Santa Fe de Bogotá, o 9 de abril de 1765 e finado en Villa de Leyva o 13 de decembro de 1823, foi un político e militar que participou na independencia do Vicerreinado de Nova Granada. Xunto a Pedro Fermín de Vargas, Francisco de Miranda, José Cortés de Madariaga e Eugenio Espejo, é considerado un precursor da emancipación das provincias americanas do Imperio español.
Orixe Hai constancia de que tanto o seu pai, Vicente Nariño e Vázquez como o seu avó Juan Nariño Domínguez eran oriúndos da comarca de Santiago de Compostela, concretamente de Val do Dubra.
José Vicente Nariño, oficial das caixas reais do vicerreinado, contraeu matrimonio coa crioula santafereña Catalina Álvarez de Casal.
Traxectoria Dende a súa mocidade, Nariño encamiñouse a actividades políticas que soubo combinar con especulacións financeiras e comerciais que o levaron a acumular fortuna. Tamén foi alcalde de segundo voto elixido polo cabido de Santa Fé en 1789, tesoureiro interino de décimos do arcebispado, designado en xullo do mesmo ano.
A finais de 1793 ou comezos de 1794, Nariño traduciu o texto aprobado pola Asemblea Nacional de Francia a comezos da revolución (4 de agosto de 1789) consagratorio dos dereitos do home e do cidadán, o cal lle valeu ser feito prisioneiro.
Entre o momento da súa captura na súa casa de habitación en Santafé, en agosto de 1794 e a súa liberación en Cartaxena en xuño de 1810, un lapso de case dezaseis anos, Nariño estivo preso agás o intervalo que pasou oculto en Europa e América entre o momento da súa fuga en Cádiz (17 de marzo de 1796) e a súa entrega voluntaria en Santa Fe (o 19 de xullo de 1797).
Tras a súa liberación en Cartaxena, Nariño regresou a Santa Fe a tempo para colaborar na organización do primeiro congreso neogranadino do cal é designado secretario ó comezo de sesións en decembro de 1810.
Nariño non foi militar de carreira pois os seus primeiros pasos nesa dirección iniciáronse en 1813 cando era presidente de Cundinamarca e ofreceuse para comandar as forzas unidas do Estado que o gobernaba con aquelas das Provincias Unidas de Nova Granada, achegadas dende Tunja polo seu rival político Camilo Torres Tenorio, co fin de marchar ó sur para recuperar Popayán e evitar que tropas realistas avanzasen cara ó interior da república nun empeño de invasión ordenado dende a presidencia de Quito.
O éxito inicial da campaña, que Nariño conduciu vitoriosamente até as portas da cidade de Pasto, terminou en fracaso ó verse Nariño precisado a entregarse ó xefe militar de Pasto en maio de 1814. O seguintes seis anos pasounos de novo en prisión.
Nariño regresou a América polo Caribe e Venezuela. O 20 de febreiro de 1821 reportouse a Simón Bolívar dende Angostura e este convidouno a que se reunise con el nas chairas do Apure. Alí, Bolívar pediu a Nariño proceder a instalar o congreso de Villa del Rosario e escolleuno como vicepresidente de Colombia.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Nariño (apelido) Bibliografía Posada Eduardo, Pedro María Ibáñez. El Precursor. Documentos sobre la vida pública y privada del general Antonio Nariño. Bogotá: Imprenta Nacional, 1903. Acosta de Samper, Soledad. Biografía del general Antonio Nariño. Pasto: Imprenta del Departamento de Nariño, 1910. Henao, Jesús María + Gerardo Arrubla. Historia de Colombia para la enseñanza secundaria. Bogotá: Librería Colombiana. Camacho Roldán & Cía., 1929. Rivas, Raimundo. El Andante Caballero Don Antonio Nariño. Bogotá: Imprenta de la Luz, 1936. Vergara y Vergara, José María. Vida y Escritos del General Antonio Nariño. Bogotá: Ministerio de Educación Nacional, 1946. Vejarano, Jorge Ricardo. Nariño. Su vida, sus infortunios, su talla histórica. Bogotá: Instituto Colombiano de Cultura, 1978. Santos Molano, Enrique. Antonio Nariño. Filósofo Revolucionario. Bogotá: Planeta Colombiana Editorial, S. A., 1999. Michelena, Carmen L., Luces revolucionarias:De la rebelión de Madrid (1795) a la rebelión de La Guaira (1797), Caracas: CELARG, 2010
Categoría:Nados en 1765 Categoría:Nados en Bogotá Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Finados en 1823 Categoría:Vicepresidentes de Colombia Categoría:Finados por tuberculose Categoría:Finados por pneumonía Categoría:Colombianos de ascendencia galega