Alxeria (en árabe: الجزائر, al-Jazā’ir, en tamazight: ⴷⵥⴰⵢⴻⵔ, Dzayer), oficialmente República Democrática e Popular de Alxeria (en árabe: الجمهورية الجزائرية الديمقراطية الشعبية en Tamazight: ⵜⴰⴳⴷⵓⴷⴰ ⵜⴰⴷⵣⴰⵢⵔⵉⵜ ⵜⴰⵎⴰⴳⴷⴰⵢⵜ ⵜⴰⵖⴻⵔⴼⴰⵏⵜ ), é un estado situado na África do Norte, formando parte do Magreb. A súa capital, Alxer, está ao norte, á beira da costa mediterránea. Cunha superficie de 2 381 741 km² é o país maior da cunca mediterránea, de África e do mundo árabe. Fai fronteira terrestre con Tunisia ao nordés, Libia ao leste, Níxer e Malí ao sur, Mauritania e o territorio en disputa do Sáhara Occidental ao suroeste e Marrocos ao oeste.

Despois de 132 anos de colonización francesa, Alxeria obtivo a súa independencia o 5 de xullo de 1962. Alxeria fíxose membro da Organización das Nacións Unidas (ONU), da Unión Africana (UA) e da Liga de Estados Árabes dende practicamente da súa independencia, en 1962. Tamén é integrante da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) dende 1969. En febreiro de 1989 Alxeria participou xunto a outros estados da África magrebí na creación da Unión do Magreb Árabe (UMA), sendo tamén o país membro da Unión para o Mediterráneo dende 2008. A constitución alxeriana define "o islam, o arabismo e o berberismo" como "compoñentes fundamentais" da identidade do pobo alxeriano e ao país como "terra do Islam, parte integrante do Gran Magreb, mediterráneo e africano".

O 2 de abril de 2019, o presidente Abdelaziz Bouteflika abandonou o cargo por mor da presión do exército do país, logo de protestas masivas contra un quinto mandato de Abdelaziz Bouteflika.

Etimoloxía miniatura|esquerda|200px|Alxer no século XVI. Alxeria recibe o seu nome do seu capital e cidade máis importante, Alxer.

O nome de Alxeria viría do árabe Al-Jaza’ir (الجزائر) que significa "As illas", en referencia a aquelas que se erixen fronte ao porto de Alxer e que forman parte do seu espigón actual, modificando o seu significado para designar a todo o país (ordenanza de 1842), pronunciado en árabe alxeriano, dialecto coñecido como El Djazayer (ou Jaza’yer segundo as rexións).

Unha segunda explicación apuntaría a que o nome Djazaîr estaría ligado á dinastía dos Zirides, do nome do seu fundador Bologhine ibn Ziri (de tiziri, "Claro de lúa" en bérber) que fundou Alxer e reinou un tempo nun territorio considerable á Alxeria actual. Os alxerianos desígnanse eles mesmos baixo o vocábulo de Dziri e, por outra banda, chaman ao seu país baixo o nome El-Dzayer.

Para rematar, unha terceira explicación máis alegórica, que indica que a costa fértil de Alxeria, atrapada entre o Sáhara e o mar Mediterráneo, aparecería como unha illa de vida ou Al-Jaza’ir.

Historia O continente africano, a conca do Mediterráneo, así como Europa e Oriente foron elementos indispensables para o devir e enriquecemento histórico de Alxeria. Ademais, no extremo sur do país pódese visitar o museo natural maior do mundo, no que hai probas suficientes para testemuñar a extraordinaria riqueza da historia do país.

Prehistoria Existen sitios arqueolóxicos en Alxeria nos que se descubriron restos óseos vos de homínidos de hai 2 millóns de anos, segundo os datos obtidos por arqueomagnetismo. Os investigadores atoparon alí restos de Homo habilis.

Antigüidade miniatura|esquerda|250px|Arco romano de Traxano en Thamugadi (Timgad). Alxeria estivo habitada polos bérberes desde hai máis de dez mil anos. Desde o ano 1000 a.C. hai constancia de que estes mantiñan relacións comerciais cos cartaxineses, que construíran colonias na costa, e cos exipcios. No século III a.C., os romanos denominan esta rexión Numidia, habitada polos bérberes masilianos e os maselinos. Estes últimos aliáronse cos cartaxineses na segunda guerra púnica, mentres que os primeiros, aliados dos romanos e gobernados por Masinisa, acabaron recibindo todo o reino dos seus conquistadores.

Á morte de Masinisa en 148 a.C., Escipión o Africano dividiu o reino entre os seus fillos. En 113 a.C., Iugurta alzouse contra os romanos e acabou derrotado, tras o cal Numidia foi gobernada por un rei vasalo de Roma ata que, baixo Diocleciano, converteuse nunha simple provincia do imperio e finalmente, cando o Imperio Romano de Occidente colapsou, volveu ás mans dos bérberes ata a invasión dos vándalos en 430.

A principios do século VI, as tropas de Xustiniano I expulsaron os vándalos e recuperaron o reino para o Imperio Bizantino, que o gobernou de xeito precario ata a chegada dos árabes no século VIII. Os romanos deixaron importantes cidades no norte de Alxeria, entre as que destacan Iol Caesarea, Tipasa (Tipaza), onde se atopa unha das necrópoles máis antigas coñecidas no Mediterráneo, Cuicul, Calama, Thubursicu-Numidarum (Khemissa), Madaure, Thamugadi (Timgad), Diana Veteranorum, Theveste (Tébéssa) e Lambaesis.

A islamización miniatura|170px|Mausoleo bérber de Medghasen. miniatura|170px|Gran Mesquita de Alxer. A caída de Roma trala dos vándalos e a inestabilidade durante o período bizantino entrañaron a reconstitución dalgún dos principados bérberes. Algúns, especialmente polo oeste, resistiron a chegada dos musulmáns entre os anos 670 e 702. Os personaxes máis coñecidos deste conflito foron o rei cristián Kusayla, que venceu a Sidi Ocba ibn Nafaa no ano 689, preto de Biskra, e a raíña guerreira Kahena, cuxo verdadeiro nome era Dihya, que á cabeza dos bérberes, inflixiu, na batalla de Meskiana de 693, unha severa derrota no corpo expedicionario do emir Hassan Ibn en Noman, aos que afastará ata Trípoli.

Tras a conquista musulmá, os cidadáns do territorio adoptarán a relixión islámica (para protexerse contra os ataques dos nómades) e progresivamente adquirirán a lingua árabe, dando lugar ao árabe alxeriano (e ao árabe magrebí en xeral) que se mantén ata os nosos días, mestura de bérber, fenicio, latín, árabe, español, turco e francés; unha mestizaxe lingüística intensa. A primeira parte da conquista musulmá de España foi conducida por un continxente bérber composto case na súa totalidade por conversos, desde o xefe Tariq ibn Ziyad, que deu o seu nome a Xibraltar (جبل طارق, «Djebel Tariq»). Tras o éxito de Tarik, o califa fíxoo encadear e morreu no camiño. No século X, Ubayd Allah al-Mahdi fundou a dinastía fatimí, na baixa Cabilia, onde atopou un eco favorable ás súas prédicas milenaristas. Os fatimís estableceron a súa autoridade en África do norte entre 909 e 1171 e fundaron un califato disidente dos abbásida de Bagdad.

Este reino estivo marcado por numerosas revoltas xarixíes, especialmente a de Abu Yazid encabezando as tribos bérberes no 944, e que inflixiu a máis severa vitoria contra a armada fatímida, debilitada e vulnerable, tomando a cidade de Kairouan. A revolta foi vencida por Ziri ibn Manade, á cabeza das tribos Sanhadjas, que por salvar o imperio recibiu o posto de gobernador do Magreb central. Desta forma no 972, cando os fatimís, tras a adhesión exipcia, tiveron menos interese polo Magreb e foi o seu fillo, Bologhine ibn Ziri, quen herdou o control de Ifriqiya. Os zirides reinarán no lugar uns dous séculos.

Hammad Ibn Bologhine, o seu fillo, gobernou de forma independente aos ziridas, no norte da actual Alxeria, a partir de 1014, recoñecendo como califas lexítimos aos abásidas sunnitas de Bagdad, e fundando a dinastía hamadita. Os ziridas tamén recoñeceron en 1046 aos califas abásidas mostrando abertamente aos fatimís o seu abandono do xiísmo. A partir de 1048, nos tempos de Ibn Jaldún, algunhas tribos do sur emigraron á África do norte e foron enviados polo poder fatimí para reprimir aos ziridas e hamaditas. En ondas sucesivas incorreron nalgunhas grandes cidades, que saquearon e destruíron. En Alxeria estas tribos do sur aliáronse con algunhas tribos locais. Estes dous reinos, prósperos por aquel entón, empobreceranse enormemente por mor destas incursións. Os ziridas cambiarán o seu capital de Kairouan a Mahdia, os hamaditas, da Al-Quala (A Cala de Béni Hammad, actualmente recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO) a Bugía.

Alxeria estaba entón baixo o control dos almorábides nunha pequena rexión do oeste, baixo os hamaditas no centro, e baixo os ziridas ao leste. Cando venceron aos almohades en 1152, dirixidos por Abdelmoumen Ibn Ali, cuxo xefe espiritual era Muhammad ibn Tumart. Os almohades formaron un dos imperios máis poderosos do Mediterráneo, unificando o Magreb e Al-Andalus ata 1269. En canto á inmigración árabe en África do Norte, foi de pouca importancia excepto nas dúas rexións exteriores de Alxeria, Kairouan e Tánxer. Aínda que o total da súa poboación recibiu unha contribución demográfica árabe limitada, e unha gran parte das poboacións de lingua árabe é bérber.

Colonización francesa miniatura|300px|Antigos departamentos da Alxeria francesa. A partir de 1830 Francia estabeleceu progresivamente unha importante colonia neste territorio, sendo a colonia que máis tempo permaneceu nas mans francesas. Alxeria foi asimilada a tres departamentos franceses formando parte íntegra da metrópole. Como tal, foi o destino de centos de miles de inmigrantes franceses, españois, italianos, alemáns e ingleses, primeiro coñecidos como colonos e pasando despois a ser denominados "pieds-noirs" (do francés: pés negros) na década de 1950.

En 1930, o goberno colonial celebra con fastosidade o Centenario da "Alxeria Francesa". Mais a diferenza entre o nivel de vida da maioría dos colonos, superior ao nivel de vida da metrópole, e o nivel de vida dos alxerinos de orixe, a miúdo por baixo do nivel da pobreza e case desprovistos de garantías sociais e xurídicas, faise cada vez máis patente segundo avanza o século XX.

O 8 de maio de 1945 prodúcense manifestacións dos alxerinos en varias cidades do leste do país: Setif, na Cabilia e en Constantina, que lembraban as súas reivindicacións nacionalistas xunto á vitoria na segunda guerra mundial. En Setif, tras enfrontarse coa policía, os nacionalistas vólvense contra os "franceses": 27 europeos morren (103 morrerán os días seguintes). A represión do Exército Francés é dunha brutalidade extrema, ordenada polo Xeneral De Gaulle e executada polo xeneral Duval mediante a intervención da mariña e a aviación. Oficialmente morren 1 500 alxerinos, pero o historiador Benjamin Stora calcula unhas cifras de 20 000 a 30 000 mortos.

Con todo, os alxerianos nativos, seguiron sempre representando a inmensa maioría da poboación do territorio. Gradualmente, debido á insatisfacción entre os musulmáns con motivo da opresión política e económica provocou numerosas reclamacións de maior autonomía política, desembocando nunha reclamación de independencia. As tensións entre a poboación de orixe e os colonos atoparon o seu cume en 1954, ano do comezo da guerra de independencia de Alxeria. A guerra terminou o 5 de xullo de 1962, cando Alxeria obtivo a independencia grazas aos Acordos de Évian.

Da independencia á guerra civil miniatura|esquerda|Ahmed Ben Bella. No seo do FLN (Fronte de Liberación Nacional) estaban os moderados (Ben Khedda, Boudiaf e Aït Ahmed), e os radicais (Ben Bella, Mohammed Khider e Houari Boumedienne, xefe do Estado Maior do exército). Ahmed Ben Bella tomou o poder, eliminou os conservadores do FLN e nacionalizou as propiedades francesas, así como outras empresas. O FLN converteuse no único partido, de xeito progresivo Ben Bella foi centralizando na súa persoa todos os poderes (secretario xeral do FLN, presidente do país e comandante en xefe do exército). O 19 de xuño de 1965 foi apartado do poder e encarcerado.