miniatura|400px|Visita a Tánxer do káiser Guillerme II.
A Primeira crise marroquí, tamén coñecida como a Crise de Tánxer, refírese á crise internacional sobre o status colonial de Marrocos entre marzo de 1905 e maio de 1906, debida ás pretensións francesas e alemás de incorporaren o sultanato de Marrocos como parte dos seus respectivos imperios coloniais.
Dita crise resolveuse, temporalmente, na Conferencia de Alxeciras (6 de xaneiro ao 7 de abril de 1906).Conférence d'Algésiras (16 janvier 1906-7 février 1906). Encyclopèdie Larousse en ligne . Consultada o 19 de xullo de 2019.
Antecedentes No ano de 1904 sucederon varios reveses na política exterior alemá. En abril, británicos e franceses asinaran o acordo da Entente Cordiale. Por outra parte, a alianza do Reino Unido co Xapón fixo temer ao Reich que estes tres países acordaran deixalo fóra do repartimento da influencia na China. O goberno de Berlín tampouco recibiu satisfacción nas súas aspiracións en Marrocos. Os intentos de formar alianzas co Imperio ruso fracasaron e causaron inquietude no Reino Unido, o que o impeleu a tratar de coligarse pola súa parte co Imperio ruso. As relacións anglo-alemás empeoraron notabelmente. A situación da Tripla Alianza preocupaba a Alemaña, tanto pola crise interna austrohúngara como polas desavinzas entre os gobernos de Viena e Roma O prestixio internacional alemán estaba maltreito a comezos de 1905.
En xaneiro de 1905, unha misión diplomática francesa marchou a Fez, e o goberno francés quería impoñer reformas ao sultán que, en realidade, conducían ao sometemento do país á influencia francesa. Alemaña non desexaba que Marrocos, territorio estratéxico para o acceso alemán ao Mediterráneo, quedase dominado polo país veciño. O chanceler Bernhard von Bülow animou o sultán marroquí, inclinado a iso, a resistir a presión francesa e manter a independencia. Prometeu o apoio alemán e o estadounidense e convenceu o reticente káiser Guillerme II a acudir a Tánxer e desencadear a crise, que cría poder resolver a continuación mediante unha conferencia internacional.
Primeira fase: enfrontamento diplomático franco-alemán A crise foi provocada pola visita do káiser Guillerme II a Tánxer, en Marrocos, o 31 de marzo de 1905. A visita anunciáraa o día 20 o chanceler alemán, e causara gran rexeitamento nas prensas británica e francesa. O káiser fixo certos comentarios en favor da independencia marroquí, un desafío á influencia francesa en Marrocos. Aconsellou tino na aplicación de reformas e defendeu os intereses económicos alemáns no país.
Francia viu reafirmada a súa influencia en Marrocos polo Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda (grazas á Entente Cordiale) e España en 1904, un movemento que o Imperio alemán viu como un golpe cara aos seus intereses, e adoptou accións diplomáticas para desafiar o acordo. O discurso puxo ao público francés contra Alemaña e, co apoio británico, o ministro de Asuntos Exteriores francés, Théophile Delcassé, tomou unha actitude desafiante.
En abril, e tras proclamar que non desexaba obter territorios en Marrocos, o goberno alemán tratou de que se reunise unha conferencia internacional que determinase as reformas que debía adoptar o país. Aproveitando a debilidade de Rusia, aliada de Francia e recentemente derrotada polos xaponeses na guerra ruso-xaponesa, o goberno alemán tratou de desbaratar a liga anglo-francesa e oblrigar o goberno francés a negociar a situación de África setentrional. A maioría das potencias, non obstante, amosáronse contrarias ou indiferentes á proposta alemá. Pese á posición de desvantaxe diplomática, o goberno alemán rexeitou as propostas de negociacións bilaterais que presentaron tanto Delcassé —impelido pola prensa e o Parlamento— como o primeiro ministro francés en abril e maio. Dadas as declaracións do káiser en favor da independencia marroquí e o rexeitamento naquel momento da opinión pública alemá á expansión colonial, o que pretendía Von Bülow era recuperar o prestixio diplomático obrigando a Francia a asistir a unha conferencia imposta polo Reich, e que este recibise algunha compensación a cambio de ceder na cuestión marroquí.
En maio, a diplomacia alemá centrouse en convencer a estadounidenses e británicos, ademais de a Marrocos e outras potencias, de acudir á desexada conferencia internacional, así como a lograr o relevo de Delcassé. Os esforzos alemáns para que o presidente Roosevelt mediase na crise, en especial co Reino Unido, fracasaron. Cando a posición alemá parecía desesperada, o sultán marroquí aceptou finalmente o 28 de maio que se celebrase a conferencia proposta polo Reich, o mesmo día que a batalla de Tsushima decidía a sorte da contenda entre Rusia e o Xapón.
Segunda fase: apoxeo, tensión militar e conferencia internacional miniatura|250px|O ministro de Asuntos Exteriores francés Théophile Delcassé, contrario a toda cesión a Alemaña, tivo que dimitir do cargo a comezos de xuño de 1905.
A crise alcanzou o seu apoxeo a mediados de xuño, cando Delcassé foi retirado do ministerio polo primeiro ministro Maurice Rouvier. O embaixador alemán en París solicitara a destitución de Delcassé, que mantiña unha actitude intransixente cos alemáns. O 6 de xuño, Delcassé viuse obrigado a cesar no seu cargo, tanto pola súa belixerancia, que a mayioría do gabinete rexeitaba, como polos seus anteriores roces co primeiro ministro. A principios de xuño e por aparente insistencia do ministro de Asuntos Exteriores, a frota británica parecía disposta a acudir en socorro de Francia e a desencadear un conflito con Alemaña. O temor a que isto sucedese non se disipou até finais de xuño, e as reuninós militares entre franceses e británicos continuaron en segredo pese ao relevo de Delcassé. O desgusto no Reino Unido pola marcha de Delcassé, que pareceu un desprezo do apoio que outorgara a Francia na crise, durou pouco.
miniatura|260px|esquerda|Apertura da Conferencia de Alxeciras, que puxo fin á crise. Reunida por insistencia de Alemaña, acabou confirmando a preeminencia de Francia en Marrocos.
Rouvier aceptou finalmente, en privado, o 23 de xuño, participar nunha conferencia internacional sobre Marrocos, despois de tratar en van de resolver a crise directamente con Alemaña. O 9 de xuño, aínda trataba de chegar a un acordo co Reich que puxese fin a diversas desavinzas entre os dous países, entre elas a situación de Marrocos. Logo aceptou que se celebrase a conferencia internacional, sempre que se pactasen de antemán as reformas que podería aplicar Francia en Marrocos. Pese a seguir negándose a participar na conferencia o 27, o 30 cedera por fin, convencido de que non tería que ceder ante Alemaña. A razón principal foi o desexo de evitar a guerra e o convencemento de que Alemaña non obtería nada nas negociacións. Aliviado por que se evitase a contenda, Roosevelt ofreceuse para persuadir os británicos, contrarios tamén á conferencia internacional, a que cambiaran de parecer e acudisen a ela.
Pero en xullo, Alemaña estaba illándose e os franceses accederon a celebrar unha conferencia para resolver a crise. Até o verán de 1905, Francia non mobilizou tropas, pois temía que isto puidese desencadear a guerra. A partir de entón, tanto Francia como Alemaña continuaron promovendo a conferencia ao tempo que comezaron a tomar medidas militares. Alemaña mobilizou unidades da reserva a fins de decembro, e Francia incluso despregou tropas na fronteira en xaneiro de 1906. O obxectivo alemán, porén, era obter un triunfo diplomático, non desatar unha guerra, polo que o goberno en maio de 1905 desbotou xa a suxestión do xefe do Estado Maior de atacar preventivamente. Os principais preparativos militares alemáns limitáronse a acelerar a dotación de canóns e fusís de disparo rápido no exército, proceso que se prevía concluír en xuño de 1906. Pola súa parte, os franceses tiveron bo coidado de non provocar aos alemáns e de non adoptar medidas que puidesen desencadear un ataque alemán: sen apoio ruso e co exército desmoralizado e mal armado, o goberno de París non desexaba arriscarse a un enfrontamento militar. Pese a iso, na segunda metade de 1905, tras a marcha de Delcassé, redobráronse as medidas militares: asignouse unha partida especial secreta para o exército, reducíronse os permisos e levouse a cabo un simulacro de mobilización. Pola súa parte, os belgas reforzaron as fortalezas de Liexa e Namur, e os británicos concentraron parte da frota en Gran Bretaña. En todo momento, porén, os gobernos trataron de evitar tomaren medidas que precipitasen unha guerra.
A Conferencia de Alxeciras convocouse para resolver a disputa e durou do 16 de xaneiro ao 7 de abril de 1906. Das trece nacións presentes, os representantes alemáns só foron apoiados polos do Imperio Austrohúngaro. A Terceira República Francesa tiña o firme apoio do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, o Imperio ruso, o Reino de Italia, o Reino de España e os Estados Unidos. Os alemáns finalmente aceptaron un acordo —a Acta de Alxeciras— en abril, que se asinou o 31 de maio de 1906, no que Francia aceptaba aplicar certos cambios en Marrocos, pero retiña o control dos instrumentos do poder no territorio. A aceptación previa da preeminencia francesa en Marrocos, necesaria para que se celebrase a conferencia, adiantou o resultado desta. Sen dexesos de desencadear unha guerra por Marrocos, cunha frota aínda incapaz de enfrontarse á británica e dada a firme posición francesa, Alemaña decidiu non prolongar a crise e aceptar as posicións do adversario.
Aínda que a Conferencia de Alxeciras resolveu a primeira crise marroquí, esta situación durou pouco: a continua insatisfacción alemá coa situación de Marrocos conduciu á segunda crise marroquí, ou crise de Agadir, en 1911. Ademais, deu a coñecer ao mundo o perigo e a tensión vixente entre as potencias imperialistas europeas, e o risco que supoñía o feito de que as grandes nacións se aliasen en bloques militares; aínda que este acontecemento non desencadeou unha guerra, si causou un empeoramento das tensións internacionais que finalmente levaron á primeira guerra mundial (1914-1918). Foi a primeira crise militar entre os bloques políticos europeos desde a década de 1880.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Esthus, Raymond A. (1970): Theodore Roosevelt and the International Rivalries. Waltham, Massachusetts, USA: Ginn-Blaisdell. Gifford, Prosser, William Roger Louis & Alison Smith, eds. (1967): Britain and Germany in Africa: imperial rivalry and colonial rule. New Haven, Connecticut. USA: Yale University Press.
Outros artigos Conferencia de Alxeciras Segunda crise marroquí
Ligazóns externas Alistair Boddy-Evans: First Moroccan Crisis (31 March 1905 to 7 abril 1906) aka Tangier Crisis .
Categoría:Colonialismo Categoría:Crises Categoría:Política Categoría:Historia de Marrocos Categoría:Historia contemporánea de Francia Categoría:Historia de Alemaña Categoría:Historia de Francia do século XX