En zooloxía, chámase filopatría á tendencia que presentan moitas especies animais a permanecer no mesmo territorio en que naceron, ou a volver ao mesmo para reproducirse ou nidificar.
Este fenómeno é moi frecuente entre as aves migratorias que adoitan volver aniñar ao mesmo lugar todos os anos. Outro exemplo deste comportamento son os salmóns que, tras nacer nun río determinado e pasar varios anos no mar, regresan ao mesmo lugar en que naceron para desovar. Entre os réptiles un dos casos máis coñecidos de filopatría é o das tartarugas mariñas, que volven todos os anos ás mesmas praias para depositar os seus ovos.
Tamén se describiron casos de filopatría invernal en aves migradoras. O grou (Grus grus) adoita visitar as mesmas zonas de alimentación cada outono e inverno cando os polos do verán anterior aínda seguen ao seu coidado. Esas zonas teñen unha maior diversidade de recursos alimenticios, aínda que en pequenas cantidades, o que as converten en lugares adecuados para establecer territorios de alimentación que defenden fronte a outros grous próximos tamén con polos ou xuvenís.
Notas
Categoría:Etoloxía Categoría:Termos zoolóxicos Categoría:Reprodución