María I ou María de Anjou (, , , ) nada arredor de 1371 e finada en Buda o 17 de maio de 1395) foi raíña de Hungría e Croacia entre 1382 e 1385 e dende 1386 ata a súa morte. Era filla de Lois I «o Grande», rei de Hungría e de Polonia, e da súa esposa Isabel de Bosnia. O matrimonio de María con Sexismundo de Luxemburgo, membro da dinastía imperial de Luxemburgo, decidírase antes do seu primeiro aniversario. Unha delegación de prelados e señores polacos confirmou o seu dereito a suceder o seu pai en Polonia en 1379.
Foi coroada «rei» de Hungría o 17 de setembro de 1382, sete días despois da morte do seu pai. Isabel de Bosnia asumiu a rexencia e eximiu os nobres polacos de xurar lealdade a María en favor da súa irmá máis nova Heduvixes, a principios de 1383. A idea dun monarca feminino foi impopular entre a nobreza húngara, xa que a maioría deles consideraban un primo non achegado de María, Carlos III de Nápoles, como o rei lexítimo. Para fortalecer a posición de María, a raíña nai quería que a súa filla casase con Lois, irmán máis novo de Carlos VI de Francia. O compromiso foi anunciado en maio de 1385.
Carlos III de Nápoles desembarcou en Dalmacia en setembro de 1385. Sexismundo de Luxemburgo invadiu a Alta Hungría, o que obrigou a raíña nai a entregarlle a María como esposa en outubro. Porén, non puideron evitar que Carlos III entrase en Buda. Despois de que María abdicase, Carlos III foi coroado rei o 31 de decembro de 1385, pero foi asasinado por incitación de Isabel de Bosnia en febreiro de 1386. María foi restaurada no trono, mais os partidarios do rei asasinado capturárona a ela e a súa nai o 25 de xullo. A raíña nai foi asasinada en xaneiro de 1387, mais María foi liberada o 4 de xuño de 1387. María permaneceu oficialmente como cogobernante xunto a Sexismundo, quen logo foi coroado rei, e a influencia da súa esposa sobre o goberno xa era mínima. María e o seu fillo prematuro morreron despois de que o seu cabalo os lanzase durante unha viaxe de caza.
Traxectoria Primeiros anos miniatura|esquerda|Isabel de Bosnia e as súas tres fillas ilustradas nunha placa metálica en Zagreb. Nada na segunda metade de 1371, era filla de Lois I, rei de Hungría e Polonia, e da súa segunda esposa, Isabel de Bosnia. Era a segunda filla dos seus pais. Non tiveran fillos durante máis dunha década antes da irmá máis vella de María, Catarina, nada en 1370. María e Catarina tiveron outra irmá, Heduvixes, en 1374.
Como Lois I non procreaba fillos varóns, a expectativa de que legaría ás súas fillas Hungría, Polonia e as súas pretensións sobre Nápoles e Provenza convertíaas en cónxuxes desexábeis para os membros das familias reais europeas. Antes do primeiro aniversario de María, o seu pai fixo unha promesa ao emperador xermánico Carlos IV de que ela casaría co seu segundo fillo, Sexismundo. Lois I confirmou a súa promesa nunha acta en xuño de 1373. Ambos estaban estreitamente emparentados, porque a avoa paterna de María, Isabel de Polonia, era a irmá do bisavó de Sexismundo, Casimiro III de Polonia. O papa Gregorio XI emitiu a dispensa necesaria para o matrimonio o 6 de decembro de 1374. Os principais señores húngaros e polacos aprobaron a promesa de Lois I sobre o matrimonio de María e Sexismundo o 14 de abril de 1375.
A súa irmá máis vella, Catarina, comprometida con Lois de Francia, morreu a fins de 1378. Lois I confirmou a súa promesa anterior do matrimonio de María e de Sexismundo ao irmán deste, Venceslau, en Zólyom en 1379. Lois I e Venceslau tamén acordaron que recoñecerían a Urbano VI como o papa legítimo en lugar de Clemente VII. María comprometeuse formalmente con Sexismundo en Nagyszombat o mesmo ano. Sexismundo, que fora nomeado entre tanto margrave de Brandeburgo, chegou a Hungría nese ano.
Lois I convocou os prelados e señores polacos a Kassa en setembro de 1379 e intentou convencelos de recoñecer o dereito de María de sucedelo en Polonia. O cronista contemporáneo Jan de Czarnków, que estaba asañado contra o rei húngaro, rexistrou que os polacos cederon ante as demandas de Lois I só despois de que lles impedira abandonar a cidade pechando as súas portas. Nunha reunión co duque de Austria, Leopoldo III, a principios de 1380, Lois I aparentemente dixo que legaría Hungría á súa filla máis nova, Heduvixes, que estaba comprometida co fillo do duque, Guillerme. Por petición do rei húngaro, unha delegación de nobres polacos novamente homenaxeou a Sexismundo e María o 25 de xullo de 1382. Segundo o historiador Oscar Halecki, Lois I tiña a intención de dividir o seu reino entre as súas dúas fillas sobreviventes, pero Pál Engel e Claude Michaude indican que o rei húngaro enfermo quería legar tanto a Hungría como Polonia a María e Sexismundo.
Reinado Ascenso ao trono (1382-1384) Lois I morreu o 10 de setembro de 1382. O cardeal Demetrio, arcebispo de Esztergom, coroou a María como «rei» coa Santa Coroa húngara en Székesfehérvár o 17 de setembro, un día despois do enterro do seu pai. O título de María e a súa rápida coroación en ausencia do seu prometido, Sexismundo, demostran que a súa nai e os partidarios da súa nai querían dar énfase ao papel de María como monarca e pospor ou mesmo obstaculizar a coroación de Sexismundo.
A raíña nai Isabel asumiu a rexencia. O nádor Nicolao Garai e o cardeal Demetrio foron os seus principais conselleiros. A maioría dos baróns de Lois I conservaron os seus cargos; a raíña nai só despediu o mestre de copeiros, Xurxo Czudar, e o seu irmán Pedro, viavoda de Rutenia. Segundo o historiador do século XV Jan Długosz, os irmáns Czudar entregaron fortalezas aos lituanos, quen lles «subornaran grandemente». A raíña nai encarcerou a Pedro Czudar antes do 1 de novembro; as súas cartas só indicaban que «obviamente fora desleal» sen especificar as razóns do seu arresto. miniatura|María ataviada coas súas vestiduras reais (Chronica Hungarorum). As cédulas reais emitidas durante os primeiros seis meses do reinado de María daban a entender que ela herdara legalmente do seu pai a coroa. porén, a maioría dos nobres húngaros opuxéronse firmemente á idea dunha monarca feminina. Consideraban a Carlos III de Nápoles como o lexítimo herdeiro de Lois I, porque Carlos era o último descendente varón da casa capeta de Anjou. Carlos III non podía anunciar publicamente as súas pretensións sobre Hungría, porque o seu rival no Reino de Nápoles, Lois I, duque de Anjou (tío de Carlos VI de Francia), invadira o sur de Italia o ano anterior.
Os nobres da Gran Polonia ofrecéronse a homenaxear a María ou Heduvixes nunha reunión en Radomsko o 25 de novembro, mais estipularon que a raíña e o seu marido debían vivir en Polonia. A asemblea de nobres da Pequena Polonia aprobou unha resolución similar en Wiślica o 12 de decembro. Nesta última ocasión, como resposta á demanda da raíña nai Isabel, os nobres tamén prometeron que non homenaxearían a ninguén máis que a María ou Heduvixes. O prometido de María, Sexismundo, quen estaba en Polonia, regresou a Hungría. o arcebispo de Gniezno Bodzanta, a familia Nałęcz e os seus aliados na Gran Polonia favoreceron un príncipe nativo, Siemowit IV de Masovia. Para evitar unha guerra civil, a raíña nai enviou representantes á próxima asemblea de nobres polacos en Sieradz a finais de febreiro de 1383. O 28 de marzo, os seus representantes absolveron os polacos do seu xuramento de lealdade a María de 1382 e anunciaron que a raíña nai enviaría a súa filla máis nova, Heduvixes, a Polonia.
Xoán de Palisna, prior de Vrana, alzouse en rebelión contra o goberno de María e a súa nai na primavera de 1383. As raíñas nomearon a Estevo Lackfi ban de Croacia. O exército real marchou a Croacia e sitiou Vrana, o que forzou a Xoán de Palisna a fuxir a Bosnia. Os defensores de Vrana rendéronse ante María, que estivera presente durante o asedio xunto coa súa nai, o 4 de novembro. Para fortalecer a posición da súa filla contra Carlos III de Nápoles, a raíña nai Isabel enviou representantes a Francia e iniciou negociacións sobre o matrimonio de María co irmán máis novo de Carlos VI de Francia, Lois, quen unha vez estivo comprometido coa súa outra filla, Catarina. María e a raíña nai abandonaron Croacia e Eslavonia a principios do ano seguinte. A raíña nai substituíu a Estevo Lackfi con Tomás Szentgyörgyi, quen empregou medidas draconianas para pór fin a unha conspiración contra as raíñas en Zadar en maio de 1384.
Aínda que a última dieta se celebrou a principios dos anos 1350, as raíñas convocaron unha dieta para tratar coas queixas dos nobres húngaros. O 22 de xuño de 1384, María ratificou os decretos do seu pai de 1351 que recoñecían privilexios da nobreza. As negociacións do matrimonio de María en Francia causaron unha nova fenda dentro da nobreza húngara, porque os Lackfi, Nicolao Zámbó, Nicolao Szécsi e outros altos oficiais nomeados durante o reinado de Lois I continuaron a apoiar o prometido de María, Sexismundo, de acordo coa vontade do anterior rei húngaro. A raíña nai substituíunos con seguidores de Nicolao Garai en agosto de 1384. Os prelados tamén se opuxeron ao matrimonio francés, porque os franceses apoiaban a Clemente VII, considerado polo clero húngaro como un antipapa. A irmá de María, Heduvixes, foi enviada a Polonia e o 16 de outubro de 1384 foi coroada raíña. O cardeal Demetrio, que acompañara a Heduvixes a Polonia, non asistiu á corte das raíñas despois do seu regreso a Hungría. O goberno real non puido funcionar correctamente durante a súa ausencia porque era o gardián do selo real.
Ameaza napolitana (1384-1385) Lois I de Anjou morreu o 10 de setembro de 1384, o que permitiu ao seu rival, Carlos III de Nápoles, estabilizar o seu goberno en Italia meridional durante os seguintes meses. A consolidación de Carlos III en Nápoles tamén contribuíu á formación dun grupo de nobres que apoiaba as súas pretensións en Hungría. Xoán Horvat, ban de Macsó, e o seu irmán, Paulo, bispo de Zagreb, eran as principais figuras dese movemento. Sexismundo de Luxemburgo intentou convencer a raíña nai de que aceptase o seu matrimonio con María, mais ela non o aceptou. Abandonou Hungría a principios de 1385.
As raíñas e os seus partidarios iniciaron negociacións cos representantes da oposición, mais non se chegou a ningunha reconciliación na reunión de Požega na primavera de 1385. Despois da chegada a Hungría dunha delegación francesa en maio de 1385, María estaba comprometida con Lois de Francia. A partir dese momento, Lois de Francia asinaba as súas cartas como «Lois de Francia, rei de Hungría», segundo Jean Froissart. no mesmo mes, a raíña nai despidiu a Estevo Lackfi, acusándoo de alta traizón. Tamén enviou cartas a Zagreb e outros lugares do reino, nas que prohibía aos seus habitantes apoiar os Lackfi, Nicolao Szécsi, o bispo Paulo Horvat e os seus familiares. Xoán e Paulo Horvat e os seus aliados ofreceron formalmente a coroa a Carlos III de Nápoles e invitárono a Hungría en agosto. Tamén nese mesmo mes, María confirmou a adquisición de Kotor por parte de Tvrtko I de Bosnia en Dalmacia. Sexismundo irrompeu na Alta Hungría, acompañado polos seus primos, Jobst e Prokop de Moravia, e ocupou o condado de Pozsony. A raíña nai substituíu a Nicolao Garai con Nicoaos Szécsi como nádor e nomeou a Estevo Lackfi voivoda de Transilvania e Nicolao Zámbou mestre do tesouro.