miniatura|300px|Azul: membros fundadores.Verde: adhesións ata 1866.Amarelo:adhesións posteriores.Liña forte: Confederación Xermánica en 1828.Liña tenue:Confederación Xermánica en 1834.
A Unión Alfandegueira Alemá (en alemán: Deutscher Zollverein), tamén coñecida simplemente como Zollverein, é unha unión alfandegueira, comercial e monetaria establecida entre diversos estados alemáns, cuxa acta fundacional se asinou o 22 de marzo de 1833 e que entrou en vigor o 11 de xaneiro de 1834.Price, A. H. (1949). Páxinas 9-10.
Dominada polo Reino de Prusia, substituíu as anteriores unións alfandegueiras entre Prusia e Hesse e entre os estados alemáns do Sur, así como a Unión Comercial de Alemaña Central. Os membros fundadores foron, ademais de Prusia, o landgraviato de Hesse-Kassel, o Reino de Baviera, o Reino de Württemberg, o Reino de Saxonia e o conxunto de estados que constituían a Turinxia. Ata 1836, adheríronse á Unión os estados do Gran Ducado de Baden, o Ducado de Nassau e Frankfurt do Main; en 1842 fíxoo Luxemburgo, o Ducado de Braunschweig e o Principado de Lippe; e en 1854 o Reino de Hannover e o Gran Ducado de Oldemburgo. A Unión abranguía, xa que logo, xusto antes da fundación da Confederación Alemá do Norte (1867) unha superficie de aproximadamente 425.000 quilómetros cadrados."German Zollverein ". En Ackermann, M. et al. (2008). Encyclopedia of World History. Vol. I. Facts On File. ISBN 9780816063864. Páxinas 155-156.
Os obxectivos da Zollverein eran a creación dun mercado interior único e a harmonización das normas fiscais e económicas. No plano político, Prusia situábase no centro do taboleiro alemán e levaba á adopción da coñecida como "solución da Pequena Alemaña" (Kleindeutsche Lösung) durante a Unificación Alemá. Logo da fundación do Imperio Alemán en 1871, as funcións da Unión Alfandegueira fóronlle transferidas a este. Malia non formar parte do novo Estado, o Gran Ducado de Luxemburgo, reducido desde 1839 á súa extensión actual, formou parte da Unión Alfandegueira Alemá desde 1842 ata despois da I Guerra Mundial. Así mesmo, Alsacia-Lorena adheriuse á Zollverein entre 1871 e 1918.
Historia
Contexto
miniatura| Friedrich List, pintura de Caroline Hövemeyer (1839).
Durante o período do Sacro Imperio Romano Xermánico, os estados alemáns foron moi numerosos e os seus territorios moi espallados, ata o punto de que en 1790 as fronteiras con alfándegas superaban as 1.800. Só no Reino de Prusia había polo menos 67 tarifas de alfándegas diferentes a principios do século XIX. Por exemplo, entre Königsberg, na Prusia Oriental, e Colonia realizábanse 80 controis.Seidel, F. (1971). "Das Armutsproblem im deutschen Vormärz bei Friedrich List ". En Kölner Vorträge zur Sozial- und Wirtschaftsgeschichte. Colonia. Nº 13. Páxina 4.
O período napoleónico trouxo consigo algunhas modernizacións, especialmente na Confederación do Rin, dentro de cuxas fronteiras se estableceu un mercado único en 1800.Berding, H. (1980). Páxinas 523-537. En Baviera, a lexislación vixente entre 1799 e 1808 unificou a totalidade do seu territorio baixo unha tarifa única, que era a máis liberal daquel momento.Wehler. H-U. (1989). Páxina 380. E tal exemplo foi seguido en 1810 polo Reino de Württemberg e en 1811 polo Gran Ducado de Baden. Estas políticas tiñan como dobre obxectivo a integración socioeconómica dos novos territorios, logo da reorganización de Alemaña por parte de Napoleón, e sobre todo o aumento dos ingresos dos estados en cuestión. Sen un imposto sobre a renda, os ingresos estatais estaban compostos principalmente por impostos especiais ao consumo e taxas alfandegueiras. Xa que logo, resultaba imprescindible para os estados aseguraren estas últimas e, na medida do posible, incrementalas.Fischer, W. (1972). Páxina 111.Wehler, H-U. (1989). Páxina 126. Algunhas voces (entre elas as de Joseph Görres e Heinrich Friedrich Karl vom Stein), xa reclamaban no seu momento o libre comercio dentro de Alemaña, asociado a unha barreira alfandegueira co exterior.Renz, R; Taddey, G. (1983). Páxina 257.
En contra do previsto na Acta Confederal Alemá (Deutsche Bundesakte) de 1815, a Confederación Xermánica non unificou finalmente as cuestións alfandegueiras e as regras económicas nas súas fronteiras. O artigo 19 prevía unicamente que as cuestións de comercio e de liberdade de transporte debían ser tratadas posteriormente.Texto orixinal do Bundesakte. 8 de xuño de 1815.Hahn, H-W. (1984). Páxina 15. Esas negociacións para a unificación das zonas alfandegueiras chegaron a iniciarse en 1819 e 1820, aínda que ficaron frustradas.Burg, P. (1984). Páxina 128.
Os asuntos de alfándegas xa non se trataban a nivel da confederación senón directamente entre os estados. Aínda que as moitas barreiras tarifarias dificultaban o desenvolvemento industrial e o comercio, as presións para unha nova política alfandegueira proviñan do exterior. O final do "bloqueo continental" napoleónico fixo reaparecer de súpeto a competencia das industrias inglesas fronte á produción alemá, máis artesanal. Creouse entón unha asociación liderada polo economista Friedrich List (1789-1846) que abranguía o comercio artesán de toda Alemaña, para esixir a creación de barreiras alfandegueiras que limitasen as importacións inglesas, ante o temor de que a economía alemá quedase dominada pola economía inglesa.Wehler, H-U. (1989). Páxina 133. Como escribiu Karl Friedrich Nebenius en 1819, List esixía a fin das barreiras alfandegueiras internas, que consideraba vergoñentas e penalizadoras para o comercio e para o transporte en Alemaña, e inviables para as persoas que vivían nas áreas fronteirizas.Görtenmaker, M. (1994). Páxina 166.
Friedrich List perseguía obxectivos económicos e políticos. Segundo el, un espazo alfandegueiro unificado debería levar á formación dun estado-nación, en lugar da Confederación Xermánica. A súa iniciativa tivo pouco éxito, aínda que alentou as opinións dos liberais e influíu indirectamente nas medidas estatais do sur de Alemaña e nas negociacións que se estaban a levar a cabo para o establecemento dunha unión alfandegueira.Fischer, W. (1972). Páxina 113.Nipperdey, P. (1998). Páxina 358.
Modernización do sistema alfandegueiro
No proceso de modernización do sistema de alfándegas, Prusia xogou un papel fundamental, xa que herdou as reformas postas en marcha no Reino de Westfalia por Napoleón, incluída a ausencia de dereitos alfandegueiros no territorio. Aquela política serviu de modelo para o que máis tarde desenvolveu Prusia nos seus territorios. O que fora ministro de finanzas de Westfalia ata 1811, Hans von Bülow (1774-1825), pasou a ocuparse dese mesmo labor a partir de 1813, seguindo a mesma dirección. Ademais, da mesma maneira que nos estados do sur, facíase sentir especialmente a necesidade de integrar os territorios que se acababan de adherir, o que requiría a reforma do sistema alfandegueiro.Berding, H. (1980). Páxina 535.
Os pequenos e numerosos estados do sur e Prusia tiñan interese en acabar coas barreiras que existían nas súas alfándegas. No período inmediatamente posterior ao Congreso de Viena, marcábase particularmente o contraste entre os territorios prusianos occidentais moi desenvolvidos, Renania e Westfalia, e os orientais esencialmente agrarios. Cumpría reconducir esa lagoa administrativa e política, e a política alfandegueira era unha das pancas que podía facelo posible. Unha lei prusiana de 1818 aboliu as barreiras internas do reino e estableceu unha co exterior bastante moderada. Esta lei satisfacía os grandes propietarios, partidarios do comercio libre, e os artesáns, que querían protexerse da competencia exterior.Burg, P. (1984). Páxina 126.
Así as cousas, o sistema alfandegueiro prusiano serviu de modelo para os seguintes 50 anos, xa que se mantivo só con leves axustes ata a aparición do Imperio Alemán. En 1871, as tres cuartas partes dos ingresos procedían de bebidas, café e produtos coloniais, tabaco e artigos de luxo. Os aranceis alfandegueiros prusianos eran, polo xeral, superiores aos dos pequenos estados alemáns, aínda que máis baixos que os de Austria, Francia ou Rusia.Fischer, W. (1972). Páxina 119.Tilly, R-H. (1990). Páxina 39.Villaume, A. (1844). Handbuch der Preußischen Steuer- und Zoll-Gesetzgebung mit besonderer Berücksichtigung auf den Gebrauch bei den Gerichten. Berlín. Reimer.
Estas novas normas aumentan a presión alfandegueira sobre os pequenos estados veciños, que ás veces quedaban practicamente illados. As altas taxas de tránsito fixeron que considerasen a integración no sistema alfandegueiro prusiano. O primeiro en se integrar foi Schwarzburgo-Sondershausen e axiña foi imitado por outros. Os restantes estados protestaban contra esa competencia que consideraban desleal, xa que consideraban que a acción de Prusia ía dirixida contra eles e só servía aos seus propios intereses. Os estados do outro lado do río Main e do norte de Alemaña procuraron unir a súa política alfandegueira para se defenderen contra a política prusiana.Tilly, R-H. (1990). Páxina 40.
Formación de diversas unións alfandegueiras
miniatura| Johann Friedrich Cotta xogou un papel decisivo na formación da unión dos estados do sur de Alemaña e na posterior fusión coa constituída por Prusia e Hesse.
Xa en 1820, Württemberg prevía establecer unha unión alfandegueira constituída polos estados da chamada "terceira Alemaña" (Dritte Deutschland, é dicir, os da Confederación Xermánica agás Prusia e Austria. Mais esta iniciativa fallou por mor dos diferentes intereses dos seus membros. Dunha banda, Baden, coas súas longas fronteiras e unha boa infraestrutura adaptada ao tránsito de mercadorías, era partidario do libre comercio, en tanto que o goberno bávaro esixía unha barreira alfandegueira co exterior. O único resultado deste intento de unión foi un acordo comercial a curto prazo entre o Gran Ducado de Baden e Hesse-Darmstadt.
En 1825 tiveron lugar unhas novas negociacións en Stuttgart, que levaron á formación da Unión Alfandegueira do Sur de Alemaña, entre Baviera e Württemberg.
Como reacción a estas dúas unións (a de Prusia e a do sur), Hannover, Saxonia, Hesse-Kassel, Nassau, Bremen, Brunswick e Frankfurt formaron en 1828 a Unión Comercial de Alemaña Central, que contaba co apoio de potencias estranxeiras como Francia, Gran Bretaña, Austria e os Países Baixos. Tratábase dunha unión defensiva para a preservación do statu quo e, xa que logo, non era estritamente unha unión alfandegueira. Os seus membros non debían entrar na unión alfandegueira de Prusia.Angelow, J. (2003). Páxina 63.
O goberno prusiano procuraba atraer novos membros á súa unión mediante presións e agasallos financeiros por parte do Ministerio de Finanzas, dirixidos tanto aos estados que aínda mantiñan a súa independencia neste ámbito como aos que xa formaban parte doutra unión. O seu primeiro éxito foi a entrada de Hesse-Darmstadt en 1828, tamén desexada pola unión dos estados do sur. Isto provocou en 1829 un colapso da Unión Comercial de Alemaña Central, coa marcha de Hesse-Kassel. Por razóns financeiras, os estados do sur e do oeste amosáronse menos reticentes a un achegamento ao sistema prusiano. A unión dos estados do sur non cumpriu os obxectivos que se lle fixaran, xa que máis do 40 % dos ingresos se dedicaban a gastos administrativos.Wallschmitt, F. (1904). Der Eintritt Badens in den deutschen Zollverein. Tese da Universidade de Hanau. Páxina 29. Deste xeito, en tanto que os aranceis alfandegueiros da unión prusiana supuñan 24 groschen per cápita, na unión do sur de Alemaña só representaban 9,5 groschen.Fischer, W. (1972). Páxina 120.