María Victoria Chivite Navascués, nada en Cintruénigo o 5 de xuño de 1978, é unha política navarra, presidenta do Goberno de Navarra desde agosto de 2019. É secretaria xeral do Partido Socialista de Navarra (PSN-PSOE) desde decembro de 2014 e membro do Parlamento de Navarra desde xuño de 2015. Foi senadora do PSOE por Navarra de 2011 a 2015.

Traxectoria Licenciouse en Socioloxía pola Universidade Pública de Navarra e fixo un mestrado en Organización e Recursos Humanos na escola de negocios Foro Europeo, Técnica Superior en Prevención de Riscos Laborais e un posgrao en Campañas electorais en ICADE.

Afiliouse ao PSN-PSOE con 20 anos e comezou a súa traxectoria política nas Juventudes Socialistas, pertencendo á executiva entre 2001 e 2005. De 2005 a 2007 realizou diversos traballos relacionados coa súa formación para a Unión Xeral do Traballo. De 2003 a 2007 foi concelleira no concello de Cintruénigo, e de 2011 a 2013 de Valle de Egüés. Participou nas eleccións autonómicas nas listas do PSN-PSOE e ocupou un escano no Parlamento de Navarra na VII lexislatura (2007-2011), onde foi portavoz de Saúde. Tamén formou parte da VIII lexislatura (2011-2012).

En novembro de 2011 foi elixida senadora por Navarra, asumindo a portavocía da Comisión de Sanidade e Servizos Sociais. Nas primarias do Partido Socialista Obrero Español (PSOE) celebradas en xuño de 2014 apoiou a Eduardo Madina, e en setembro de 2014 Pedro Sánchez, xa na secretaría xeral do PSOE, confioulle a portavocía do grupo socialista no Senado, cargo que ocupou até xuño de 2015.

En 2012 incorporouse á executiva do PSN-PSOE, na que foi secretaria da Área de Políticas Sociais e secretaria de Saúde. En outubro de 2014 foi elixida candidata á presidencia do Goberno de Navarra nun proceso de primarias, e en decembro foi proclamada secretaria xeral do PSN-PSOE no congreso extraordinario.

En maio de 2018 foi proclamada candidata á presidencia do Goberno de Navarra no contexto da celebración das eleccións ao Parlamento de Navarra de maio de 2019 tras concorrer en solitario a un proceso de primarias. O 2 de agosto de 2019 foi elixida presidenta por maioría simple cos votos de PSN-PSOE (11), Geroa Bai (9), Podemos (2) e Izquierda-Ezkerra (1) e a abstención de cinco dos sete diputados de EH Bildu.

Notas

Categoría:Nados en Navarra

Categoría:Nados en 1978

Categoría:Alumnos da Universidade Pública de Navarra Categoría:Concelleiros de España Categoría:Políticos de Navarra Categoría:Presidentes do Goberno de Navarra