miniatura|Métopa sur XXVII, centauro e lápita. As Métopas do Partenón son un conxunto de noventa e dúas placas cadradas esculpidas en mármore do Pentélico, situadas orixinalmente arredor do arquitrabe do Partenón na Acrópole de Atenas. Foron esculpidas por varios artistas aínda que o mestre de obras foi certamente Fidias. Foron talladas entre o 447-446 a. C. e o 438-442 a. C. como data probábel de finalización. A maioría deles están moi danadas e,xeralmente, aparecen dous personaxes en cada métopa.
As interpretacións destas métopas non son máis que hipóteses realizadas a partir das siluetas, ás veces apenas perceptibles, en comparación con outras representacións da época (principalmente vasos). Pénsase que en cada lado do Partenón habería un tema común representado por un feixe de episodios concretos: a Amazonomaquia no oeste, a caída de Troia no norte, a xigantomaquia no leste e a loita de centauros contra lápitas no sur. As métopas teñen un tema exclusivamente bélico, igual que a decoración da estatua crisoelefantina de Atenea Partenos que se atopa no Partenón. Semella ser unha evocación da oposición entre a orde e o caos, entre o humano e o animal (aínda que, ás veces, aparezan tendencias animais nos humanos), entre a civilización e a barbarie, incluso Occidente e Oriente. Este tema xeral considérase como unha metáfora das Guerras médicas e, polo tanto, unha valoración da cidade de Atenas.
A maioría das métopas foron destruídas sistematicamente polos cristiáns cando o Partenón se transformou nunha igrexa ao redor do século VI e VII. Porén, a utilización do edificio como polvoreira durante a ocupación polos otománs e o posterior estoupido durante o sitio de Atenas polos venecianos en setembro de 1687, remataron por destruílas na súa maior parte. Conserváronse mellor as métopas do lado sur e, delas, catorce están no Museo Británico de Londres e unha no Louvre. As dos lados restantes, moi danadas, permanecen en Atenas e, algunha aínda está na localización orixinal do edificio. Dúas cabezas que faltan doutra métopa están exhibidas no Museo Nacional de Copenhague, e outra máis na Universidade de Würzburg. Tamén hai varios fragmentos depositados nos Museos Vaticanos.
O Partenón miniatura|Planta do Partenón:1) Pronaos (lado leste)2) Naos hecatompedón (lado este)3) Estatua crisoelefantina de Atenea Pártenos4) Partenón (sala das virxes: tesouro) (lado oeste)5) Opistódomos (lado oeste) No 480 a.C. os persas saquearon a Acrópole de Atenas incluíndo un "pre-Partenón" entón en construción. Despois das súas vitorias en Salamina e Platea, os atenienses xuraron non remata-los templos destruídos senón deixalos tal como estaban a fin de lembra-la "barbarie" persa. A seguir, o poder de Atenas foi medrando pouco a pouco, principalmente dentro da Liga de Delos que controlaba dun xeito cada vez máis hexemónico. Ademais, no 454 a.C., o tesouro da liga foi transferido de Delos a Atenas e, pouco tempo despois, Atenas, comezou un vasto programa de construcións, financiado por este tesouro; entre estes estaba o Partenón. Este novo edificio non pretendía converterse nun templo, senón nun tesouro destinado a albergar a colosal estatua criselefantina de Atenea Partenos.
O Partenón erixiuse entre o 447 e o 438 a.C. A diferenza do "pre-Partenón", do que só se sabe que era hexástilo, este novo edificio, máis grande, era octástilo (contaba con oito columnas na fachada dianteira e posterior e dezasete nas laterais) e medía 30,88 metros de ancho e 69,50 metros de longo. O sekos (parte pechada e rodeada polo perístilo) tiña unha largura de 19 metros. Así, poderíanse crear dúas grandes salas: unha, ao leste, para acomodar a estatua de doce metros de altura e outra, ao oeste, para albergar o tesouro da Liga de Delos. O traballo foi confiado a Ictinos, Calícrates e Fidias. O proxecto de decoración era tradicional na súa forma (frontóns e métopas) e sen precedentes no seu tamaño e proporcións. Os frontóns eran máis grandes e complexos do que se fixera ata entón e o número de métopas (92 en total), todas esculpidas, non tiña precedentes e nunca se volveu repetir. Finalmente, mentres o templo era da orde dórica, a decoración arredor do sekos (normalmente composta por métopas e tríglifos) foi substituída por un friso corrido de orde xónica.
Descrición xeral miniatura|Detalle da esquina noroeste do Partenón. Sobre as columnas: o friso de estilo dórico alternando métopas e tríglifos. Detrás da columnata: o friso xónico que rodea a naos, coñecido como o friso das Panateneas.
Estrutura da obra Nos edificios dóricos construídos en mármore, as métopas decoraban a parte do entaboamento, friso, que estaba sobre o arquitrabe, alternándose con tríglifos. Estes recordaban ás trabes de madeira que sostiñan o tellado, nos antigos templos construídos con madeira. O espazo entre os tríglifos que, orixinalmente era un simple espazo de pedra virxe, foi rapidamente empregada para recibir unha decoración esculpida: as métopas.
O Partenón tiña noventa e dúas métopas policromadas: catorce en cada unha das fachadas leste e oeste e trinta e dúas en cada un dos lados norte e sur. Para designalas, os especialistas adoitan numeralas de esquerda a dereita con números romanos.Foron esculpidas en lousas, case cadradas, de mármore do Pentélico: 1,20 metros de alto para un largo variable, pero de media 1,25 metros. Orixinalmente, o bloque de mármore tiña 35 centímetros de grosor e as esculturas facíanse en altorrelevo, mesmo, en moi alto relevo case no límite do vulto redondo, de tal xeito que, as figuras sobresaían uns 25 centímetros. As métopas tiñan unha ducia de metros de altura e tiñan unha media de dúas figuras cada unha.
Ningún edificio grego antigo adornárase nunca antes cun número tan grande de métopas con decoración tallada, nin antes nin despois da construción do Partenón. No templo de Zeus en Olimpia, máis antigo, só se esculpiran as do soportal interior; na "Teséion" contemporáneo do Partenón, só se esculpiran as da fachada leste e as catro últimas (cara ao leste) nos lados norte e sur.
Temas e interpretacións Non se conserva ningunha descrición antiga sobre as métopas que permita atribuír unha interpretación definitiva. A primeira referencia literaria sobre a decoración escultórica do Partenón foi escrita por Pausanias no século II a.C.; con todo, só describiu os frontóns. No entanto, hai autores que defenden que a comparación cos temas presentes na cerámica ática contemporánea poden ofrecer referencias para a súa análise.
O tema xeral das noventa e dúas métopas é exclusivamente bélico, como na estatua criselefantina de Atenea,No escudo: no exterior, as amazonas atacan a Acrópole; no interior, unha xigantomaquia; nas solas das sandalias, un combate entre centauros e lápitas aínda que diferente dos frontóns e do friso. Parece que é unha oposición entre a orde e o caos, entre o ser humano e o animal (quizais entre as diferentes tendencias animais dos humanos), entre a civilización e a barbarie, ou incluso entre Oriente e Occidente. O conxunto vese a miúdo como unha metáfora das Guerras médicas. Un aspecto subxacente podería ser o matrimonio e o feito de que a ruptura da súa harmonía produce o caos.A harmonía das parellas divinas loitando lado a lado durante a xigantomaquia, o exemplo contrario das amazonas que rexeitan o papel habitual das mulleres, o combate dos centauros e os lápitas durante a voda de Pirítoo, a guerra de Troia causada pola secuestro de Helena Polo tanto, como noutras zonas do Partenón, estaría representada a celebración de valores cívicos, dos que o matrimonio entre cidadáns e fillas de cidadáns sería un dos seus fundamentos.
As métopas dos lados leste, norte e oeste sufriron principalmente destrucións sistemáticas por parte dos cristiáns entre os séculos VI e VII, o que dificultou saber con precisión o que representaban. Ao leste, no lado máis importante desde o punto de vista relixioso, o tema das métopas sería a xigantomaquia. Zeus e Hera (ou Atenea) estarían representados nas métopas centrais e os enfrontamentos disporíanse simetricamente ao seu redor. No oeste, os gregos estarían representados loitando contra adversarios con roupa oriental. A interpretación máis común é que se trata da amazonomaquia. Non obstante, as métopas sufriron tal desgaste que é difícil distinguir se os adversarios dos gregos son homes ou mulleres. Se fosen homes estes poderían ser persas, aínda que hai poucas representacións de persas a cabalo. Durante o asedio de Atenas de 1687,polos venecianos dirixido por Francesco Morosini, as métopas da cara norte sufriron unha gran deterioración debido á explosión da pólvora almacenada no Partenón. Propuxéronse, tamén, varias identificacións: unha das métopas representaría a Menelao e ao seu carón, Helena mais outra interpretación recoñece a Eneas e Anquises; polo tanto, pénsase que o tema xeral desta zona podería se-la caída de Troia. Finalmente, as métopas da cara sur non sufriron os danos do iconoclastia cristiá, pero si a explosión de 1687. As últimas sobreviventes, situadas en cada extremo do Partenón, representan o combate entre os centauros e aos lápitas, aínda que as métopas centrais, que son coñecidas exclusivamente polos debuxos atribuídos a Jacques Carrey, provocan controversia en canto á súa interpretación. Algúns arqueólogos cren que podería ser un enfrontamento exclusivamente ateniense entre humanos e centauros.
Escultura e pintura A escultura das métopas do Partenón realizáronse en varias etapas. O artista comezaba debuxando as contornas dos seus personaxes e, despois, retiraba o mármore que quedaba fóra do debuxo, até o "fondo" da métopa. A seguir, continuaba separando a figura do fondo e remataba puíndo e refinando os propios personaxes. É posible que varios escultores, cada un especializado en cada unha destas etapas, puidesen colaborar. Os traballos de cicelado das imaxes tiñan que se faceren no chan, antes de coloca-las métopas, na parte superior dos muros. Os escultores, necesariamente numerosos, seguramente comezaron a traballar xa no 447 ou 446 a.C. para completa-lo seu traballo antes do 438 a.C., data na que comezaron os traballos de cubrición do edificio, do que se pensa que a data máis probable de finalización tivo que ser polo 442 a.C.ou pouco despois. Por outra banda, aínda que a decoración esculpida tivese que estar rematada, non ocorría o mesmo para a pintura ou os adornos metálicos que se poderían engadir máis tarde.
Tamén se pensa que algúns artistas houberon traballar en varias métopas. Así, na métopa Leste VI, Poseidón está na mesma posición que o lápita da métopa Sur II, mentres que o xigante que está a piques de caer, ten unha posición moi semellante á do lápita da métopa Sur VIII, o que podería significar que pertencen ao mesmo autor ou que houbo un proceso de inspiración e imitación.