O rego do Amenal é un afluente do río Brandelos que discorre polo concello do Pino, na comarca de Arzúa e ten unha lonxitude total de 3.470 metros.
Características Nace preto da N-634, á altura do lugar de Santiso, a uns 350 metros de altitude, e desemboca no río Brandelos á altura do lugar de Alvarín, na parroquia de San Miguel de Pereira, a uns 241 metros de altitude, seguindo unha dirección norte-sur sen apenas describir grandes revoltas.
Ao pouco de nacer, preto da igrexa de Santa María de Castrofeito, a uns 220 m ao oeste do rego e 200 m ao norte da igrexa, atópase o castro da Roda ou de Castrofeito, que está moi alterado, aínda que os seus muros acadan os 6 m de altura no seu lado norte.
Tras pasar polo lugar de Rial, deixa á súa esquerda os montes da Revolta (pasando baixo da autovía de Santiago a Lugo) e de Telleiro, para, apenas a 2.580 metros do seu nacemento, encontrarse co rego do Menal, que ten unha lonxitude similar á súa. Isto sucede uns 60 m antes de pasar baixo a ponte do Amenal, pola que discorre o Camiño Francés a Santiago. Desde este punto o Amenal segue uns 880 m ata encontrarse co rego da Fonte da Devesa, onde nace o río Brandelos que desde aquí se pasa a chamar así, fronte as fortes pendentes dos montes do Val nas que se encaixa o seu curso.
Conta con tres subafluentes, sendo o rego do Menal o máis importante deles, o único da súa marxe esquerda.
Etimoloxía Este rego debe o seu nome ao lugar do Amenal, que atravesa xusto por onde tamén pasa o Camiño Francés. A orixe deste termo pode vir: do fitónimo ameneiro (alnus glutinosa), do latín vulgar *AMINARIU, derivado da forma celta ameia, que significa "a carón do río", porque é aquí onde abundan. É posible que a palabra amenal poida ser un topónimo abundancial que se refira a un conxunto de amieiros. Neste último sentido os topónimos O Ameneiral, lugar que está poucos metros antes que O Amenal, e o rego de Menal virían a abundar no mesmo sentido, polo que teriamos tres topónimos de orixes idénticas uns ao lado dos outros do hidrónimo ame-nale, que significa "meseta ou regato tranquilo", ou da raíz céltica am- que derivaría nun amena- e pode significar "leito de río, gabia"
Galería de imaxes
Notas
Categoría:Ríos da provincia da Coruña Categoría:O Pino Categoría:Topónimos de ríos galegos con etimoloxía