Xosé Henrique Rodríguez Peña, nado en Ourense o 25 de outubro de 1942 e finado en Vigo o 13 de agosto de 2006, foi un arquitecto e político galego.
Traxectoria Estudou na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Arquitectura pola Escola Superior de Arquitectura de Madrid, especializándose na restauración de monumentos.
Nos anos 60 participou, sen afiliación política, no movemento estudantil contra a ditadura e presentouse ás eleccións municipais de 1979 a Ourense nas listas de Unidade Galega como membro do Partido Galeguista. Foi elixido secretario xeral do Partido Galeguista no III Congreso celebrado en decembro de 1983. No Congreso extraordinario celebrado o 19 de febreiro de 1984 propuxo a integración do PG en Coalición Galega, decisión que se adoptou por 92 a 88 votos.
Membro de Coalición Galega (CG) desde a súa fundación, ocupou o cargo de secretario do partido na área de Acción Municipal en 1985. Nas eleccións autonómicas de 1985 foi elixido deputado no Parlamento de Galicia por esta formación. En xaneiro de 1987 foi impulsor e membro fundador do Partido Nacionalista Galego (PNG), organización creada como escisión de Coalición Galega. Este novo partido foi peza chave na moción de censura contra Xerardo Fernández Albor que levou á presidencia da Xunta o socialista Fernando González Laxe. Nese primeiro goberno tripartito Xosé Henrique Rodríguez Peña foi nomeado conselleiro de Pesca.
En 1989 non saíu elixido deputado no Parlamento de Galicia, ao non obter a súa formación representación algunha. A partir dese momento o PNG-PG iniciou as xestións para incorporarse no seo do BNG. Nas eleccións municipais de 1991 encabezou a lista do BNG na cidade de Ourense e converteuse en voceiro dos nacionalistas no consistorio. Encabezou de novo a candidatura nacionalista en 1995 e 1999, continuando como concelleiro e voceiro ata decembro de 2001.
O 7 de xuño de 1992 foi elixido secretario xeral do Partido Nacionalista Galego durante a celebración do seu IV Congreso. Nas eleccións autonómicas de 1993 foi escollido deputado por Ourense, que revalidou nas de 1997 e de 2001.
Presidiu a delegación ourensá do Colexio de Arquitectos. Ademais, foi vicepresidente do Ateneo ourensán e membro do padroado do Museo do Pobo Galego.
Na altura da súa morte era membro do Consello Nacional do BNG e secretario xeral do PNG. A Fundación Galiza Sempre creou na súa homenaxe un premio bianual que leva o seu nome e que se concede a traballos de rehabilitación.
Datos persoais Estivo casado e tivo catro fillos.
Como arquitecto, foi autor de traballos sobre arquitectura visigoda e románica e realizou o seu traballo de especialización sobre o mosteiro de Oseira.
Faleceu na clínica Povisa de Vigo, dun cancro de vexiga. Foi incinerado en Ourense.
Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia por CG Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo BNG Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1942 Categoría:Finados en 2006 Categoría:Finados por cancro Categoría:Deputados da II Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da IV Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Concelleiros de Ourense Categoría:Concelleiros de Galicia durante a democracia Categoría:Deputados da V Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da VI Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes