Rufino Familiar Sánchez, nado en Madrid o 27 de decembro de 1986, máis coñecido como Rufo é un futbolista español que xoga de dianteiro no Pontevedra CF da Segunda División B.

Traxectoria

Inicios en Madrid (1986-2012) Foi fichado polo Atlético de Madrid para o seu equipo xuvenil B, despois de que anotase máis de 30 goles a tempada anterior co Coslada. Tras unha lesión de nocello foi cedido ao Rayo Majadahonda e xa non volveu ao Atlético. Pasou logo polo Internacional de Madrid, o AD Torrejón e o Atlético de Pinto.

En 2010 regresou ao Internacional de Madrid CF, onde xa estivera en 2007, e combinou o fútbol co traballo no restaurante de seu pai.

Etapa en Asia (2012-2018) En marzo de 2012, cando pensaba en deixar o fútbol, recibiu unha oferta de Filipinas e recalou no Stallion FC, coa tempada mediada, rematando a tempada en cuarta posición na liga filipina. Na seguinte tempada conquistou o título de liga e o de Copa, e proclamouse máximo goleador do campionato de liga con 18 goles, chegando a anotar en dúas ocasións catro goles no mesmo partido. Ademais foi galardoado co premio ao mellor xogador da liga.

Tras ser cedido durante un mes ao Global FC para disputar a Copa de Singapur, onde marcou dous goles, e xogar brevemente co Internacional de Madrid en Terceira, cambiou Filipinas por Tailandia fichando polo Rayong FC, da primeira división tailandesa, co que acabou descendendo ao final da tempada. Pasou logo polo Songkhla United FC, de segunda división, co que anotou 15 goles na súa primeira tempada. Xogou outro ano máis en Songkhla ata que en xaneiro de 2017 volveu brevemente a España, onde xogou uns meses no Atlético Sanluqueño, en Segunda División B.

Pouco despois volveu ao Global para xogar a nova liga filipina, onde o seu equipo rematou subcampión tras perder na final fronte ao Ceres-Negros. Continuou un ano máis en Cebú ata que en 2018 decidiu deixar o club, que tiña problemas para pagar os salarios, e regresar definitivamente a España.

Regreso ao Internacional de Madrid (2018-2020) Na tempada 2018/19 regresou ao Internacional de Madrid CF, comezando a súa cuarta etapa no club madrileño, e na que foi a súa primeira tempada completa na Segunda B. Con todo, anotou só 4 goles en 36 partidos. Durante a primeira volta da tempada 2019/20 logrou marcar 12 goles, sendo o máximo goleador do grupo I da Segunda División B ata ese momento, o que atraeu a atención do resto da categoría, converténdose nunha das pezas máis cotizadas no mercado invernal.

Pontevedra CF (2020-actualidade) O 23 de xaneiro de 2020 confirmouse a súa fichaxe polo Pontevedra CF ata final de tempada. Marcou 6 goles máis ata que a liga foi suspendida por mor da pandemia por coronavirus, acabando como máximo goleador de toda a categoría.

Palmarés Stallion

United Football League de Filipinas (1): 2013. Copa UFL (1): 2012

Pontevedra Segunda División RFEF (1): 2021/22.

Individual Bota de Ouro da United Football League (1): 2013 (18 goles). Balón de Ouro da United Football League (1): 2013

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Entrevista . Datos do xogador en soccerway.com . Datos do xogador en transfermarkt.es . Datos do xogador en bdfutbol.com .

Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1986 Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CF Rayo Majadahonda Categoría:Xogadores do Internacional de Madrid Categoría:Xogadores do Atlético Sanluqueño CF Categoría:Xogadores do Pontevedra CF