Raúl Caneda Pérez, nado no Grove o 21 de xaneiro de 1969, é un adestrador de fútbol galego, cuxa carreira se desenvolveu principalmente en Oriente Medio.

Traxectoria Irmán do tamén adestrador David Caneda, comezou a súa andaina nos bancos como segundo adestrador de Juanma Lillo. Exerceu este labor co técnico vasco no Dorados de Sinaloa, en México; na Real Sociedad e no Almería.

A súa primeira grande experiencia como primeiro adestrador foi no Al Ittihad, club ao que chegou a inicios do 2012. Co equipo saudita clasificouse primeiro no seu grupo da Liga de Campións da AFC e a continuación eliminou en oitavos de final ao Persépolis FC iraniano (vixente campión) e en cuartos ao Guangzhou de Marcelo Lippi. A súa aventura na máxima competición asiática acabou nas semifinais, onde foi eliminado polo tamén saudita Al Ahli Saudi FC, o que supuxo a súa primeira derrota en sete meses como adestrador do club. En febreiro de 2013, cunha irregular traxectoria en liga, club e técnico acordaron rescindir o seu contrato.

En maio de 2014 regresou ao fútbol saudita para adestrar o Al Nassr de Riad. Foi destituído cinco meses despois, a pesar de ir liderando a liga saudita. Con todo, volveu ao club da capital saudita en febreiro de 2016 para substituír a Fabio Cannavaro, e adestrouno ata o final da tempada, acadando a final da Copa do Rei.

En xaneiro de 2019 converteuse en adestrador do Umm-Salal da liga de Qatar, ao que adestrou até novembro do mesmo ano. En 2020 adestrou brevemente o Khor Fakkan dos Emiratos Árabes Unidos e nos seguintes anos traballou como asesor de Pep Guardiola no Manchester City.

En xaneiro de 2025 regresou ao labor de adestrador principal e ao fútbol asiático, collendo as rendas do Zhejiang, da Superliga chinesa, ao que chegou con Óscar Cano como axudante. Completou a tempada cun sétimo posto final na táboa, deixando o equipo ao remate da mesma.

Obra En 1999 publicou o libro La zona en el fútbol, con prólogo de Jorge Valdano, Juanma Lillo e Víctor Fernández.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en Transfermarkt . Conta en Twitter

Categoría:Nados en 1969 Categoría:Nados no Grove Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Al-Ittihad Categoría:Adestradores do Al-Nassr FC Categoría:Adestradores do Umm Salal SC