A lagoa de Aguere é o nome que recibía un espazo situado xunto a zona vella da cidade de San Cristóbal de La Laguna na illa de Tenerife (Canarias), que deu nome á localidade. Foi desecada no século XIX.

Toponimia Recibiu o nome de La Laguna desde a chegada dos conquistadores casteláns no século XV. Porén, o nome orixinal guanche, idioma falado polo pobo orixinario da illa, era Aguere.

Características O lugar era usado polos pobos aborixes como área de pastoreo, aproveitamento dos froitos dos mocáns e os érbedos e, posibelmente, a caza de aves.Segundo o inglés Edmond Scory, os pobos guanches crían que as almas boas e valentes habitaban no val de Aguere.

Nas súas proximidades tivo lugar a Batalla da Lagoa, que enfrontou a guanches e tropas castelás durante a conquista da illa en 1496. Tras a conquista, o adiantado Alonso Fernández de Lugo fundou nas súas marxes a nova cidade de San Cristóbal de la Laguna, de urbanismo tipicamente castelán.

Sábese que a lagoa era navegábel. En documentos antigos menciónase que os frades do convento de San Miguel das Vitorias cruzaban a lagoa nunha pequena embarcación cara ao centro da cidade e posteriormente de regreso ao convento.

Desaparición O escritor José de Viera y Clavijo recolle que, polo menos desde o século XVIII, realizáronse obras de drenaxe da lagoa, por ser unha zona de pantanos e de bulleiros.

Durante o temporal que en 1826 afectou as Canarias, a lagoa desbordouse e asolagou a cidade.

En 1837 a Comandancia de Ingenieros drenou a auga. Para 1839 a lagoa xa fora completamente desecada, segundo o xeólogo Sabino Berthelot. Olivia Stone escribiu en 1888 que, malia a lagoa desaparecer por completo, reaparecía na época de chuvias como unha área pantanosa.

Na actualidade, o terreo atópase sepultado polo desenvolvemento urbanístico de San Cristóbal de la Laguna.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos San Cristóbal de La Laguna

Categoría:San Cristóbal de La Laguna Categoría:Xeografía de Tenerife