Jacinto Francisco Fernández de Quincoces López de Arbina, coñecido simplemente como Quincoces, nado en Barakaldo o 17 de xullo de 1905 e finado en Valencia o 10 de maio de 1997, foi un futbolista e adestrador español. Xogaba como defensa central e desenvolveu a totalidade da súa carreira entre o Alavés e o Real Madrid. Foi internacional coa selección española en 25 ocasións.
Traxectoria
Como futbolista Naceu en Barakaldo, sendo fillo de arabeses, e deu os seus primeiros pasos como futbolista en varios equipos de Vitoria e no Desierto de Baracaldo.
En 1923, cando cumpriu os dezaoito anos, fichou polo Deportivo Alavés, club no que coincidiu con Ciriaco Errasti, co que formaría unha das liñas defensivas máis características do fútbol español da súa época. Xogou oito anos no equipo vitoriano, logrando na tempada 1929/30 o ascenso á Primeira División. Debutou na máxima categoría nun partido contra a Real Sociedad no estadio de Atotxa.
Un ano despois, fichou xunto con Ciriaco polo Real Madrid, club no que xogou outras oito tempadas (interrompidas durante a Guerra Civil, período no que volveu vestir a camiseta do Alavés) ata a súa retirada como xogador en 1942. Co Real Madrid gañou dúas ligas e dúas Copas.
Xogou un total de 151 partidos en Primeira División e foi considerado un dos mellores defensas da época.
Selección nacional Foi internacional coa selección española en 25 ocasións, coa que debutou nos Xogos Olímpicos de 1928 en Ámsterdam, nunha goleada por 7-1 fronte a México. Xogou os cuartos de final contra Italia, onde a vitoria acabou sendo para o equipo azul despois dun partido de desempate. Disputou tamén o Mundial de Italia de 1934, onde España caeu de novo en cuartos de final fronte a Italia.
Xogou un total de 25 partidos coa selección, logrando 13 vitorias, 6 empates e 6 derrotas. O seu último partido internacional foi un amigable disputado en xaneiro de 1936 en Madrid ante a selección austríaca.
Adestrador Trala súa retirada, aos 37 anos, comezou a súa etapa como adestrador, asumindo a dirección do Real Zaragoza nas derradeiras xornadas da tempada 1941/42. Co equipo aragonés logrou o ascenso a Primeira División, ao derrotar no último partido ao Alavés, acadando a segunda praza da táboa. Adestrou ao Zaragoza durante unha tempada na máxima categoría, sen conseguir a permanencia.
En 1944 a Federación Española nomeouno seleccionador nacional, cargo que ocupou durante un breve período no que só dirixiu dous partidos, ambos amigables, ante .
Na tempada 1945/46 foi contratado po Santiago Bernabéu como adestrador do Real Madrid. Na súa primeira tempada proclamouse campión da Copa do Xeneralísimo, ao vencer na final ao Valencia, a pesar do cal non foi renovado. Porén, un ano despois volveu dirixir o equipo branco para a tempada 1947/48, aínda que foi destituído tras só 15 partidos disputados, co equipo ocupando as prazas baixas da táboa.
En 1948 comezou unha longa etapa como adestrador do Valencia CF, club que dirixiu durante seis tempadas consecutivas. En 1949 proclamouse campión de Copa (a segunda na historia do club), ao vencer na final ao Athletic, e repetiu título na edición de 1954, derrotando na final ao FC Barcelona de Ferdinand Daučík. Ademais gañou a Copa Eva Duarte de 1949.
Tras rematar a súa primeira etapa en Valencia, pasou a ocupar o banco do Atlético de Madrid durante a tempada 1954/55. Un ano máis tarde regresou ao Zaragoza, volvendo dirixir o equipo aragonés durante dúas tempadas, as mesmas que despois volveu dirixir ao Valencia CF, equipo no que puxo fin á súa carreira como adestrador en 1959.
Ao longo das súas dúas etapas no banco valenciano, dirixiu o equipo durante oito tempadas nun total de 230 partidos, o que o converte no segundo adestrador con máis partidos na historia do club, só superado polos 313 de Alfredo Di Stéfano.
Presidencia da FPV
Ademais de futbolista foi xogador de pelota vasca, e trala súa retirada dos terreos de xogo as autoridades franquistas nomeárono presidente da Federación de Pelota Valenciana, a pesar de ser un deporte diferente.
Cine A fama de Quincoces estendeuse máis aló do fútbol, o que o levou a aparecer no ámbito cinematográfico ata nun total de seis longametraxes (a última delas documental). Fixo o seu debut no cine no filme ¡¡Campeones!!, do director galego Ramón Torrado, e traballou entre outros co director Rafael Gil. +AnoTítuloDirector1943¡¡Campeones!!Ramón Torrado1943El camino del amorJosé María Castellví1945Tierra sedientaRafael Gil1954Once pares de botasFrancisco Rovira Beleta1956La saeta rubiaJavier Setó1971Ciento catorce golesFélix Martialay
Familia Seu irmán Juan foi tamén futbolista e xogou ao igual que el no Alavés. Foron tamén futbolistas os seus sobriños Juan Fernández de Quincoces Ortiz del Río e Juan Carlos Díaz Quincoces, sendo este último o que tivo unha carreira máis destacada, militando durante máis dunha década no Valencia.
Palmarés miniatura|250x250px| Medallas concedidas ao xogador pola súa traxectoria profesional.
Como xogador Alavés Segunda División (1): 1929/30.
Real Madrid Primeira División (2): 1931/32, 1932/33. Copa do Xeneralísimo (2): 1934, 1936.
Como adestrador Real Madrid Copa do Xeneralísimo (1): 1946. Valencia Copa do Xeneralísimo (2): 1949, 1954. Copa Eva Duarte (1): 1949.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos como xogador en BDFutbol . Datos como adestrador en BDFutbol . Datos do xogador no sitio web da selección española .
Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1997 Categoría:Nados en Barakaldo Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores da selección de fútbol do País Vasco Categoría:Futbolistas olímpicos de España Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1928 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1934 Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco Categoría:Adestradores do Real Zaragoza Categoría:Adestradores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores do Real Madrid CF Categoría:Adestradores do Valencia CF Categoría:Adestradores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores de pelota vasca Categoría:Pelota valenciana