Javier Berasaluce Marquiegui, nado en Deba o 4 de xaneiro de 1931 e finado en Vitoria o 8 de febreiro de 2022, foi un futbolista vasco que xogaba de porteiro. Destacou no Alavés antes de fichar polo Real Madrid, club co que gañou cinco Copas de Europa na década de 1950.
Traxectoria Educouse de neno nos Salesianos de Deusto e comezou a xogar ao fútbol como porteiro no Amaika Bat da súa localidade natal. En decembro de 1949 fichou pola Real Sociedad, saíndo cedido na súa primeira tempada ao Pasaia.
Na tempada 1951/52 regresou á Real, pero a presenza dos porteiros Ignacio Eizaguirre e Juan Bagur fixo que volvese marchar cedido, desta vez ao Alavés. Con este club debutou na Segunda División, nun partido contra o Sant Andreu, e disputou un total de 22 encontros na campaña.http://marius-porterosvascosdeleyenda.blogspot.com.es/2011/09/javier-berasaluce-markiegi.html A cesión prolongouse tamén para a tempada 1952/53, na que Berasaluce realizou grandes actuacións, e tras quedar libre da Real permaneceu no club vitoriano.
Xogou no Alavés catro tempadas, a última delas na Primeira División, despois de ascender na 1953/54. En 1955 foi contratado polo Real Madrid, e formou parte dunha das épocas douradas do club, gañando 5 Copas de Europa seguidas, aínda que o titular na portería foi case sempre Juanito Alonso. Compartiu equipo con futbolistas históricos como Puskás, Héctor Rial, Di Stéfano ou Gento, entre outros, e disputou un total de 20 partidos oficiais co club branco.
Posteriormente pasou ao Racing de Santander, onde xogou tres tempadas ata que unha lesión nunha man acabou definitivamente coa súa carreira en 1962.
Palmarés Alavés Segunda División (1): 1953/54.
Real Madrid Primeira División (2): 1956/57, 1957/58. Copa de Europa (5): 1955/56, 1956/57, 1957/58, 1958/59, 1959/60. Copa Latina (1): 1957.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1931 Categoría:Finados en 2022 Categoría:Nados en Deba Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA