A apolipoproteína H (Apo-H), tamén chamada β2-glicoproteína 1 ou beta-2 glicoproteína 1 (β2-GP1), é unha proteína do plasma multifuncional de 38 kDa que nos humanos está codificada no xene APOH do cromosoma 17. Unha das súas funcións é unirse á cardiolipina. Cando se une, as estruturas da cardiolipina e da apolipoproteína H sofren grandes cambios. Formando parte da estrutura da Apo-H hai un tramo de aminoácidos cargados positivamente (nas posicións da secuencia 282-287), Lys-Asn-Lys-Glu-Lys-Lys, que están implicados na unión a fosfolípidos.

A ApoH ou β2-GP1 ten unha complexa implicación na aglutinación. Parece alterar a aglutinación de plaquetas mediada por adenosín difosfato (ADP). Normalmente, a β2-GP1 ten unha actividade de anticoagulación no soro (ao inhibir factores de coagulación); porén, os cambios nos factores sanguíneos poden resultar na reversión desa actividade.

Aínda que esta proteína recibiu o nome de apolipoproteína H (e o seu símbolo en HGNC é APOH), non está presente en cantidades apreciables nas fraccións das lipoproteínas, polo que ApoH é, por tanto, un nome pouco apropiado e utilízase tamén o nome de β2-glicoproteína 1.

Actividades inhibitorias

A β2-GP1 ou ApoH parece inhibir completamente a liberación de serotonina polas plaquetas e impide sucesivas vagas de agregación inducida por ADP. A actividade de β2-GP1 parece implicar a unión de compostos aglutinantes, cargados negativamente e inhibe a aglutinación por activación por contacto da vía de coagulación sanguínea intrínseca. A β2-GP1 causa unha redución dos sitios de unión da protrombinase nas plaquetas e reduce a activación causada polo coláxeno cando a trombina está presente a concentracións fisiolóxicas séricas de β2-GP1, o que suxire un papel regulador da β2-GP1 na coagulación.

A β2-GP1 tamén inhibe a xeración de factor Xa en presenza de plaquetas. A β2-GP1 tamén inhibe activación do factor XIIa.

Ademais, a β2-GP1 ou ApoH inhibe a activación da proteína C bloqueando a súa actividade en vesículas de fosfatidilserina:fosfatidilcolina, pero unha vez a proteína C se activa, a Apo-H non pode inhibir a actividade. Como a proteína C está implicada na degradación do factor Va, a Apo-H inhibe indirectamente a degradación do factor Va. Esta actividade inhibitoria diminúe cando se engaden fosfolípidos, o que parece indicar que a inhibición pola Apo-H da proteína C é competitiva cos fosfolípidos. Isto indica que en certas condicións a Apo-H asume propiedades procoagulativas.

Patoloxía Os anticorpos anti-β2-GP1 poden encontrarse en doenzas tanto infecciosas coma algunhas autoinmnes sistémicas (por exemplo, o lupus eritematoso sistémico). A positividade para anticorpos anti-cardiolipina en tests de diagnóstico da síndrome antifosfolípidos autoinmune require a presenza de β2-GP1 no extracto de cardiolipina. Os anticorpos anti-β2-GP1 están claramente asociados con formas trombóticas de lupus.

Dominio proteico Sushi 2

En bioloxía molecular o dominio proteico Sushi 2 tamén se coñece como o quinto dominio proteico da beta-2-glicoproteína 1 (β2-GP1 ou ApoH). Este dominio proteico só se encontra en eucariotas. Os primeiros catro dominios que se encontran na apolipoproteína H son todos semellantes, mais o quinto parece ser diferente.

Estrutura Este dominio proteico está composto por catro febras beta antiparalelas ben definidas e dúas curtas hélices alfa, así como un bucle longo e altamente flexible. Adicionalmente, o quinto dominio proteico parece asemellarse aos outros catro na apolipoproteína coa excepción de tres pontes disulfuro internas e un bucle extra C-terminal.

Función A súa función exacta aínda non foi completamente dilucidada; porén, sábese que desempeña un importante papel na unión de β2-GP1 a compostos cargados negativamente e a subseguinte captura para a unión de anticorpos anti-β2-GP1. O desenvolvemento de anticorpos contra β2-GP1 pode orixinar a síndrome antifosfolípidos que a miúdo causa complicacións no embarazo.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Apolipoprotein H and Applied Research

PDBe-KB proporciona un resumo de toda a información sobre estruturas dispoñible en PDB da apolipoproteína H humana (B2G1)

Categoría:Apolipoproteínas