José Vicente Hernández Fernández, máis coñecido como Pepu Hernández, nado en Madrid o 11 de febreiro de 1958, é un adestrador de baloncesto. Tras unha vida dedicada ó Estudiantes, encargouse da selección española no Mundobasket 2006, onde gañou o primeiro ouro español. Ademais, impartiu numerosos cursiños e clínics sobre adestramento.
Traxectoria Pepu Hernández estudou no Instituto Ramiro de Maeztu a ensinanza preparatoria e o bacharelato, para despois comezar a carreira de Ciencas da Información na Universidade Complutense de Madrid, que abandonaría para dedicarse completamente ó baloncesto.
Xogou nas categorías base do Estudiantes dende alevíns até xuvenís. Con 16 anos, en 1974, comezou a adestralas, pasando polos alevíns, infantís, xuvenís e júniors. Pasou ó primeiro equipo como segundo adestrador en 1990, tomando o posto de adestrador principal en decembro de 1994, substituíndo a Miguel Ángel Martín. Estaría no posto até a tempada 2004-2005, cunha breve paréntese na tempada 2001-2002, cando asumiu o posto de Director Deportivo, sendo substituído na bancada por Carlos Sáinz de Aja. Foi tamén adestrador axudante de Ignacio Pinedo na selección española júnior.
A principios de 2006, a Federación Española de Baloncesto designouno como adestrador da selección española, tendo que deixar o Estudiantes, club que lle concede a súa insignia de ouro e brillantes en xaneiro dese ano.
No mundial de baloncesto de 2006, no Xapón, consegue o ouro tras un gran campionato, no que a selección non caeu derrotada en ningún partido. Horas antes da final, o seu pai fina, pero el decide non comunicarllo ó cadro de xogadores para que non lles afecte moralmente.
Na celebración do título, na praza de Castilla de Madrid, dixo: "Os voy a decir una palabra. Y escuchadla bien, porque va a ser una palabra muy importante: ba-lon-ces-to." ("Vou dicirvos unha palabra. E oídea ben, porque vai ser unha palabra moi importante: ba-lon-ces-to")"Las declaraciones de Pepu en la Plaza de Castilla", artigo no xornal Marca ..
Como parte da selección, é galardoado co Premio Princesa de Asturias dos Deportes no 2006.
Filosofía de traballo Pode dicirse que a súa filosofía do baloncesto baséase na énfase na actividade, con e sen balón, dos cinco xogadores na cancha, na actitude, na defensa, no contraataque e en non ter roles ríxidos. Tamén intenta extrae-las mellores características de cada xogador para beneficir ó funcionamento do conxunto do equipo.
Palmarés Selección española Medalla de ouro no Campionato mundial de baloncesto de 2006 no Xapón coa selección española.
CB Estudiantes Campión da Copa do Rei ACB no 2000 con Adecco Estudiantes. Subcampión da Liga ACB na tempada 2003-2004 con Estudiantes. Subcampión da Copa Korac 1998-99 con Estudiantes. Nomeado Mellor Adestrador da tempada 2003-2004 en votación dos adestradores ACB.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Semblanza de Pepu Hernández no Diario As .
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1958 Categoría:Adestradores de baloncesto de España Categoría:Concelleiros de Madrid Categoría:Adestradores do Joventut Badalona Categoría:Adestradores da selección de baloncesto de España Categoría:Directores deportivos de España