miniatura|300px|O Imperio Persa na súa máxima extensión, c. 490 a. C. miniatura|300px|As guerras persas: aliados, inimigos, rutas e batallas (499 a. C. - 479 a. C.)
A batalla das Termópilas, envolta no contexto da II guerra médica, decorreu no verán do 480 a. C., no desfiladeiro das Termópilas, na Grecia Central. Alí, de acordo coa tradición do historiador Heródoto de Halicarnaso, 300 espartanos, so o comando do seu rei Leónidas I, acompañados por non máis de 7 000 aliados doutras cidades-estado helénicas (πόλεις), enfrontáronse a millóns de persas (na realidade o número real semella que foi menor) liderados por Xerxes I, fillo de Darío I.
Pese á esaxeración dos números presentados por Heródoto, a gran disparidade numérica entre os bandos levou a que a batalla terminase cunha aparentemente atronadora vitoria persa, aínda que os gregos, antes de seren totalmente aniquilados, conseguiron infrinxir un elevado número de baixas e retardar considerablemente o avance dos persas por Grecia. A intervención dos gregos, para alén de levalos a morrer como homes ceibes, e non como escravos persas, foi de tal xeito decisiva para o futuro do conflito, polo que ben poden ser tamén considerados vencedores.
De facto, non vence unha batalla aquel que destrúe o exército inimigo, mais si aquel que cumpre o seu obxectivo – e os espartanos, ó deteren durante días ós persas nas Termópilas, permitiron a salvación de Atenas e, por conseguinte, das bases da futura civilización occidental. Esta foi, pois, unha batalla decisiva en todos os aspectos.
O contexto: as guerras médicas
Á entrada do século V a. C., Persia Aqueménida convertérase no maior imperio xamais visto, tanto en dimensión territorial, como étnica. Despois de subxugar os veciños medos, os Persas partiron á conquista de Babilonia, de Asiria, de Armenia, de Elán, de Bactriana, de Siria-Palestina, de Exipto e de Asia Menor, onde por primeira vez se virían a confrontar coas polis gregas de Xonia. Debido a todas estas conquistas, o seu soberano podíase apropiar do título de Rei de Reis – en lingua persa, ŠāhanŠāh (literalmente, o Xa dos Xas), título que Heródoto verte para lingua grega como βασιλεύς (basileus, «rei»).
O combate entre a Hélade (dividida en varias pequenas cidades-Estado independentes, separadas entre si por particularismos xeográficos e culturais) e o poderoso Imperio Persa (entón gobernado por Darío I) tornouse inevitable. No 499 a. C., rebenta a revolta de Mileto (en Xonia) contra os Persas, logo violentamente debelada; pouco despois, o emperador persa, sentíndose nunha posición de forza, envía ós seus embaixadores ás cidades da Grecia continental, a fin de que estas se sometesen pacificamente. Porén, o envío destas misións diplomáticas non produciu o efecto desexado – só Macedonia e Tesalia se declararon vasalas da Persia (enviándolle, segundo Heródoto, mostras do seu chan e da súa auga, en sinal de submisión), mentres que, nas demais polis, os legados imperiais foron executados.
Estoura así o conflito entre Persas e Helenos: a I guerra médica (tamén chamada I guerra pérsica ou guerra medo-persa). Darío I avanza rumbo á Grecia europea, desembarca en Maratón, onde é derrotado por unha forza combinada de hoplitas atenienses e plateenses (Esparta, a potencia militar de Grecia, recusouse a estar presente, invocando motivos relixiosos). Darío I, derrotado, regresa a Asia.
O conflito reacenderíase co seu fillo, Xerxes I, que subirá ó trono no 485 a. C. A derrota pesaba sobre o espírito do novo monarca, e respirábase na Corte un clima de vinganza (fomentado, por exemplo, por Mardonio, o supremo comandante dos exércitos). Por este motivo Xerxes I procurou preparar, até o máis ínfimo detalle, a expedición destinada a tomar Grecia: comezou por ordenar a construción dunha ponte de barcas ligando as dúas marxes do Estreito dos Dardanelos (484 a. C.), permitindo unha máis fácil dislocación das súas tropas e poupando desa forma recursos preciosos e tempo (máis tarde, os Helenos – como por exemplo Esquilo, na súa traxedia Persas – atribuirán a Poseidón, o Deus dos Mares, un papel relevante na súa vitoria, pois o rei persa, ó tentar deter unha forza da Natureza – manifestación do sagrado animada por aquela divindade –, espertou a ira do Monte Olimpo, o cal decidiu entón a sorte da guerra a prol do pobo grego); ó mesmo tempo, determinou que unha poderosa escuadra atravesase o mar Exeo e virase ás costas gregas, así que se iniciase a invasión, por forma a apoiar as operacións en terra.
As cidades-Estado gregas, coñecedoras dos preparativos da nova expedición persa, decidiron, como reacción, pór de lado as súas diverxencias tradicionais, e reuníronse na conferencia pan-helénica no Istmo de Corinto (-481). Das cidades do continente, apenas Argos (a maior inimiga de Esparta na época), recusou estar presente, o que lle valeu a acusación de medismo, é dicir, de ser simpatizante dos medos (o nome xenérico que os Gregos atribuían entón ós Persas e ós pobos por eles subxugados); de igual forma, as colonias gregas (como a Cirenaica, no Norte de África, Massalia, no Sur da Galia, ou Siracusa, en Sicilia) tampouco compareceron, talvez por non se sentiren directamente ameazadas polos Persas, dada a súa situación xeográfica.
As 31 polis presentes na conferencia formaron unha Liga destinada a enfrontarse co inimigo común, proclamando a reconciliación xeral e declarando a guerra a Persia. O liderado desa liga foi atribuído ó rei Leónidas, que gobernaba o Estado militarista por excelencia na Antigüidade grega – os cidadáns Espartanos eran soldados profesionais, sendo condicionados, dende o berce, para a vida militar, o que fixo da cidade a potencia dominante da Hélade até entón.
A finais dese ano de 481 a. C. iníciase a proxectada invasión de Grecia, tendo os Persas dominado Macedonia, rica en materias primas (como a madeira), Calcídica cos seus excelentes portos de mar, e a fértil Tesalia, na cal estableceron as súas bases, encamiñándose deseguida para o centro de Grecia, onde se virá a trabar a batalla das Termópilas.
Acababa de se iniciar a II guerra médica, un novo conflito entre Occidente e Oriente, entre cidadáns (os habitantes das polis gregas) e os bárbaros (o nome co que, desprezativamente, os helenos referíanse ós medo-persas), entre europeos e asiáticos (por primeira vez na Historia da Humanidade, hai unha real consciencia da distinción entre dúas culturas, dous mundos distintos, separados por dous continentes) onde se viría a xogar o destino da Civilización Occidental, tal como hoxe a coñecemos. Porén, débese ter en conta que a propia construción narrativa de Heródoto retoma certos tópoi (lugares comúns) literarios que remontan, polo menos, ó primeiro gran relato bélico que chegou até os nosos días – a Ilíada de Homero, unha obra onde tamén o Oeste (os aqueos) e o Leste (os troianos) chocan entre si.
A xeografía
miniatura|esquerda|275px|O desfiladeiro das Termópilas, como se presentaba por volta do ano -480 – unha estreita lingua de terra entre o Golfo de Malia e os Montes Eta e Calídromo. Foi aí onde se trabou aquela que é, probablemente, unha das máis coñecidas batallas da Antigüidade clásica. Xorde tamén representada a liña costeira hodierna.
As Termópilas (do grego: Θερμοπύλαι, thermopylai, significando «portas quentes») son un desfiladeiro situado no centro da Hélade, encravado entre as cadeas montañosas do Eta e do Calídromo e un brazo de mar (o golfo de Malia), situándose na fronteira entre as rexións de Fócida (a suroeste), de Ftiótida (a Noroeste), de Lócrida (a Nordeste) e de Beocia (a sueste). Deben o seu nome ó feito de que no seu interior existan fontes sulfurosas, sendo que o estreito – unha sinxela faixa de area entre o mar e o desfiladeiro – era, en tres dos seus anacos (as famosas «portas», ás que o estreito foi buscar o seu nome), tan angosto que, segundo Heródoto, apenas podía pasar un carro de cada vez (Libro VII, 176).
Tratábase dunha rexión relativamente estéril, apta só para o pastoreo; por ese motivo e tamén pola súa intricada orografía, ben coñecida dos gregos, foi o local estratexicamente escollido polas forzas da Liga para deter o ímpeto persa (por se situar relativamente lonxe das bases de apoio que estes tiñan en Tesalia, tal dificultaría – e eventualmente frustraría – a súa arremetida).
De facto, os Helenos comprenderon que apenas terían posibilidade de deter o avance persa nunha rexión montañosa (se decidisen dar batalla ós Persas na vasta planicie de Tesalia, serían derrotados moito máis doadamente, pois quedarían de inmediato rodeados pola gran masa humana do inimigo e liquidados ante a desproporción dos números); do resto, foi cuestión moi discutida, entre os defensores de Grecia, saber cal era a mellor localización para deter o avance persa – se as Termópilas ou se o istmo de Corinto; porén, acabou por vencer a primeira posición, pola presión que Atenas colocou: se as forzas gregas se concentrasen en Corinto, Atenas ficaría desprotexida e suxeita ó embate directo co inimigo.
Os números
miniatura|250px|Heródoto de Halicarnaso, chamado por Cicerón Pai da Historia, foi o primeiro historiador da Antigüidade Clásica en describir a batalla das Termópilas. Non obstante os seus números desproporcionados, as incoherencias do seu discurso, e até a súa (por veces declarada) parcialidade, continúa a ser unha importante fonte para o coñecemento das guerras médicas.
A batalla das Termópilas tornouse coñecida a través narrativa de Heródoto de Halicarnaso, na que o historiador fai opoñer catro millóns e medio de homes, recrutados á forza polos Persas, contra Leónidas e os seus trescentos espartanos, combatendo tan só pola liberdade da súa nación. Mais nin os Persas eran millóns, nin tampouco había só espartanos nas Termópilas. De feito, é típico dos historiadores da Antigüidade (e non só estes) a esaxeración do número, moitas veces para forzar a creación de determinadas imaxes ós seus lectores (neste caso, e polo enfrontamento de números tan extremos, gabar o sacrificio dos gregos que faleceron nas Termópilas, ó tentaren atrasar ó máximo a penetración de Xerxes I no chan heleno).
Heródoto enumera, do lado grego, trescentos espartanos, cincocentos hoplitas de Texea e outros cincocentos de Mantinea, cento vinte de Orcómeno, mil de Arcadia, catrocentos de Corinto, douscentos de Pilos e oitenta de Micenas (prefacendo estes o continxente do Peloponeso, nun total de 3 100 homes); setecentos de Tespias, catrocentos de Tebas, mil homes de Fócida, e aínda un número descoñecido (pero elevado) de Lócridos Opuntianos. Polo tanto, un mínimo de cinco mil douscentos homes. É probable que a este número debamos acrecentar aínda os soldados auxiliares (moitas veces non mencionados), o que levaría, segundo os especialistas, a facer aumentar este continxente a preto de 7 500 homes (ou, no máximo, dez mil).
Heródoto, porén, non é coherente nos números que presenta, nin tampouco constitúe a única fonte crible para o relato dos números das Termópilas (aínda non sendo testemuña da batalla, é o máis antigo historiador en relatar o feito e, por tanto, o máis próximo do acontecemento). Noutro paso máis adiantado das súas Historias, alude xa a 4 000 homes do Peloponeso, entrando en contradición co que escribira no inicio da narración. Outros autores (como Isócrates, Diodoro Sículo, ou Pausanias), escribindo moito despois de Heródoto, falan noutros números – designadamente de mil homes oriúndos da Lacedemonia (a rexión dominada pola cidade-Estado de Esparta, termos que eran frecuentemente tomados por sinónimos), o que choca co número tradicional – e mítico – dos famosos 300 Espartanos.