José Luis Zalazar Martínez, máis coñecido como Kuki Zalazar, nado en Montevideo o 5 de maio de 1998, é un futbolista hispano-uruguaio que xoga como centrocampista no Ceuta, da Segunda División. É fillo do exfutbolista internacional uruguaio José Luis Zalazar, histórico xogador do Albacete, e irmán dos tamén futbolistas Rodrigo e Mauro Zalazar.

Traxectoria Nacido en Montevideo, aos dous meses trasladouse coa súa familia a Albacete, seguindo os pasos de seu pai, xogador por aquel entón do Albacete Balompié. Na canteira dese mesmo club comezou a xogar ao fútbol José Luis, que recibiu dun amigo o alcume de "Kuki".

En maio de 2012, con 14 anos, foi fichado polo Málaga para o seu equipo cadete. Pasou polo equipo xuvenil e o 31 de agosto de 2014 debutou co Atlético Malagueño na Terceira División, nun empate sen goles ante o Atlético Mancha Real. Compaxinou o xuvenil de División de Honra co filial durante toda a campaña, ata que na 2015/16 subiu definitivamente ao Atlético.

Na tempada 2017/18 foi cedido ao FC Cartagena, da Segunda División B, onde tivo como adestrador a Monteagudo. Disputou 27 encontros, marcando un gol ante o Extremadura, e proclamouse campión do seu grupo, aínda que sen lograr o ascenso, ao perder na promoción contra o propio Extremadura.

En agosto de 2018 rescindiu o seu contrato co Málaga e fichou polo Valladolid B, tamén de Segunda B. O 31 de outubro de 2018 debutou co primeiro equipo do Valladolid, da man do técnico Sergio González, saíndo de titular nunha vitoria por 1-2 na Copa do Rei sobre o Mallorca en Son Moix. Xogou no filial durante esa campaña e dúas máis, chegando a exercer como capitán. Disputou un total 85 encontros co equipo, marcando 20 goles. Na xornada 19 da tempada 2020/21 debutou na Primeira División, contra o Elche (2-2), saltando ao campo de Zorrilla no minuto 89 como substituto de Óscar Plano.

En agosto de 2021 deixou Valladolid e fichou pola Ponferradina, da Segunda División. Xogou un total de 31 encontros no club do Bierzo, a maioría deles como suplente, e marcou un gol na Copa do Rei.

O 31 de agosto de 2022 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña da Primeira División RFEF. Aínda que debutou como titular ante o Mérida, apenas contou coa confianza do técnico Borja Jiménez. A súa situación non mellorou coa chegada ao banco de Óscar Cano, co que encadeou ata 18 suplencias consecutivas. Volveu ao once inicial en varios partidos do treito final da competición e marcou un gol na frustrada promoción de ascenso a Segunda. Pechou a tempada cun total de 31 partidos, 6 deles como titular, e 2 goles.

A finais de agosto de 2023 rescindiu o seu contrato co Deportivo e asinou como novo xogador do Córdoba. Co equipo andaluz, adestrado por Iván Ania, conseguiu o ascenso á Segunda División, contribuíndo cun total de 34 partidos e 4 goles. Na tempada 2024/25 apenas contou con protagonismo na categoría de prata e en febreiro de 2025 rescindiu o seu contrato co club, fichando a continuación polo Ceuta, da Primeira Federación. Disputou 18 partidos ata o final da tempada, 17 deles como titular, e contribuíu con catro goles ao ascenso do equipo á Segunda División, despois de 45 anos sen clubs da cidade autónoma na categoría de prata.

Selección nacional En 2014 debutou coa selección española sub-16, coa que disputou 4 partidos nos que marcou un gol. Máis tarde foi convocado pola selección sub-17, coa que fixo un total de 17 aparicións, anotando 6 goles.

Vida persoal É fillo de Eva Martínez e José Luis Zalazar, destacado futbolista uruguaio que foi 29 veces internacional coa selección uruguaia e que é o xogador con máis partidos na Primeira División da historia do Albacete. Seus irmáns Rodrigo e Mauro son tamén futbolistas.

Palmarés Cartagena

Segunda División B (1): 2017/18.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados en 1998 Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Futbolistas de Castela-A Mancha Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Atlético Malagueño Categoría:Xogadores do FC Cartagena Categoría:Xogadores do Real Valladolid B Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do AD Ceuta Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17