A segunda guerra mundial Vexa a frase de exemplo. foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países. Nun estado de "guerra total", os principais participantes adicaron a súa capacidade económica, industrial e científica ó completo ó esforzo de guerra, eliminando as distincións entre recursos militares e civís. Marcada polas mortes masivas de civís, incluíndo o Holocausto, no que faleceron uns 11 millóns de persoas e os bombardeos estratéxicos de centros industriais e de poboación nos que faleceron ó redor dun millón de persoas, incluíndo os bombardeos de Hiroshima e Nagasaki, tivo como resultado final un total de entre 50 e 58 millóns de mortes. Isto fixo da segunda guerra mundial o conflito militar con maior número de mortos na historia da humanidade.
En 1937 o Imperio do Xapón pretendía dominar Asia e o Pacífico e xa estaba en guerra coa República da China, mais a data de inicio da guerra mundial dátase xeralmente no 1 de setembro de 1939 coa invasión de Polonia por parte de Alemaña e as subsecuentes declaracións de guerra de Alemaña a Francia e o Reino Unido. Dende finais de 1939 ata comezos de 1941, mediante unha serie de campañas militares e tratados, Alemaña conquistou ou pasou a controlar gran parte da Europa continental, e formou a alianza do Eixe xunto con Italia e o Xapón. Por medio do Pacto Molotov-Ribbentrop de agosto de 1939, Alemaña e a Unión Soviética dividiron e anexionaron territorios dos seus veciños europeos, incluíndo Polonia, Finlandia, Romanía e os países bálticos. A guerra continuou entre as principais potencias europeas do Eixe e a coalición do Reino Unido e a Commonwealth, con varias campañas no norte e leste de África, a batalla aérea de Inglaterra, a campaña de bombardeo do Blitz, a campaña dos Balcáns e a continuada batalla do Atlántico. En xuño de 1941 as potencias europeas do Eixe comezaron unha invasión da Unión Soviética, abrindo o maior teatro de guerra terrestre da historia, o que bloqueou a gran parte das súas forzas nunha guerra de desgaste. En decembro de 1941 o Xapón atacou os Estados Unidos e invadiu territorios europeos no océano Pacífico, conquistando con rapidez gran parte do Pacífico occidental.
O avance do Eixe detívose en 1942 cando o Xapón perdeu a batalla de Midway preto de Hawai, e cando Alemaña sufriu importantes derrotas no norte de África e Stalingrado. En 1943, tras unha serie de derrotas alemás na Fronte Oriental, a invasión Aliada de Sicilia e Italia deron como resultado a rendición de Italia. Xunto coas vitorias Aliadas no Pacífico, o Eixe perdeu a iniciativa da guerra e levou a cabo unha retirada estratéxica en tódalas frontes. En 1944 os Aliados Occidentais invadiron a Francia ocupada por Alemaña, mentres que a Unión Soviética recuperou o territorio perdido e comezou unha invasión de Alemaña e os seus aliados. Durante os anos 1944 e 1945 os xaponeses sufriron varios reveses no continente asiático, no sur e centro da China e en Birmania, mentres que os Aliados conseguiron debilitar a Armada Xaponesa e capturaron varias illas chave do Pacífico Occidental.
A guerra en Europa concluíu coa invasión de Alemaña por parte dos Aliados Occidentais e da Unión Soviética, culminando na captura de Berlín e a subsecuente rendición incondicional de Alemaña o 8 de maio de 1945. Trala Declaración de Potsdam dos Aliados o 26 de xullo de 1945 e o rexeitamento do Xapón da rendición baixo os seus termos, os Estados Unidos lanzaron bombas atómicas nas cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki o 6 e o 9 de agosto respectivamente. Cunha inminente invasión do arquipélago xaponés, a posibilidade de novos bombardeos atómicos e a declaración de guerra da Unión Soviética e a invasión de Manchuria, o Xapón rendeuse o 15 de agosto de 1945.
A segunda guerra mundial alterou os aliñamentos políticos e a estrutura social do mundo. Estableceuse a Organización das Nacións Unidas co obxectivo de fomentar a cooperación internacional e previr conflitos futuros semellantes, e as grandes potencias mundiais vitoriosas —os Estados Unidos, a Unión Soviética, a China, o Reino Unido e Francia— convertéronse en membros permanentes do seu Consello de Seguridade. A Unión Soviética e os Estados Unidos xurdiron como superpotencias mundiais, preparando o escenario da guerra fría que duraría 46 anos. Ó mesmo tempo a influencia mundial das potencias europeas diminuíu considerablemente, dando lugar a descolonización de Asia e África. A maioría de países que viron a súa industria danada pola guerra comezaron diversos esforzos para unha recuperación económica, e a integración política, especialmente en Europa, xurdiu como un esforzo para atallar conflitos evitando posibles guerras e co obxectivo de crear unha identidade común europea.
Cronoloxía
O comezo da guerra en Europa adoita indicarse no 1 de setembro de 1939 coa invasión alemá de Polonia, aínda que a declaración de guerra por parte do Reino Unido e Francia non tivo lugar ata dous días despois. A data indicada para o comezo da guerra no Pacífico é habitualmente a do comezo da segunda guerra sino-xaponesa, o 7 de xullo de 1937, pero nalgunhas ocasións tamén se indica como tal a invasión xaponesa de Manchuria o 19 de setembro de 1931. Outros autores seguen a opinión do historiador británico A. J. P. Taylor, que afirmou que a guerra sino-xaponesa e a guerra en Europa e nas súas colonias comezou de forma simultánea e que as dúas guerras uníronse nunha soa en 1941, e outro punto de vista indica que a data de comezo da guerra na invasión italiana de Abisinia o 3 de outubro de 1935. O historiador británico Antony Beevor considerou o comezo da segunda guerra mundial nas batallas de Khalkhin Gol entre o Xapón e as forzas de Mongolia e da Unión Soviética dende maio ata setembro de 1939. Existe tamén o punto de vista que chega a considerar a primeira guerra mundial e a segunda guerra mundial como parte da mesma guerra civil europea ou segunda guerra dos Trinta Anos".
Da mesma forma non hai un acordo total na data exacta do fin da guerra. Xeralmente acéptase que a guerra finalizou co armisticio do 14 de agosto de 1945 (o Día da Vitoria sobre o Xapón), no lugar da rendición formal do Xapón o 2 de setembro de 1945. Algunhas das consecuencias e eventos posteriores causados pola guerra inclúense en ocasións como parte desta. O tratado de paz co Xapón foi asinado en 1951, formalizando varias cuestións pendentes como por exemplo as compensacións os prisioneiros de guerra Aliados que foran vítimas de atrocidades, e outros autores chegaron incluso a considerar que a guerra non rematou realmente ata o colapso da Unión Soviética e o fin da guerra fría, cualificando a esta última como unha continuación da segunda guerra mundial. Así mesmo, ata 1990 non se asinou o Tratado Dous Máis Catro que permitiu a reunificación alemá e resolveu outras cuestións relacionadas con orixe na segunda guerra mundial.
Contexto histórico Europa A primeira guerra mundial transformou o mapa xeopolítico europeo coa derrota dos Poderes Centrais (o Imperio Austrohúngaro, o Imperio Alemán e o Imperio Otomán), e a toma de poder bolxevique en Rusia que deu paso cara á eventual fundación da Unión Soviética. Os Aliados da primeira guerra mundial como Francia, Bélxica, Italia, Grecia e Romanía gañaron territorio, e creáronse novos estados a partir do colapso dos imperios Austrohúngaro e Otomán. Para previr unha nova guerra mundial, creouse a Liga de Nacións durante a Conferencia de Paz de París de 1919, co principal obxectivo de previr o conflito armado por medio da seguridade colectiva, o desarmamento militar e naval, e a consecución de acordos en disputas internacionais por medio de negociacións pacíficas e arbitradores.
miniatura|esquerda|Asemblea da Liga das Nacións de 1930 en Xenebra, Suíza. Malia que xurdiu un forte sentimento pacifista como consecuencia da primeira guerra mundial, o seu desenlace deu lugar a unha corrente irredentista e nacionalista en varios países Europeos. Estes sentimentos foron especialmente marcados en Alemaña, principalmente debido ás significativas perdas territoriais, coloniais e financeiras impostas no Tratado de Versalles. Baixo este tratado, Alemaña perdeu ó redor dun 13% do seu territorio europeo e tódalas súas colonias, prohibíuselle a anexión doutros estados, impuxéronlle diversas reparacións e limitouse a súa capacidade de desenvolvemento militar.
Italia formou parte dos aliados da Tripla Entente, gañando territorio trala guerra. Porén, os nacionalistas italianos sentíronse anoxados polo incumprimento ao final da guerra das promesas feitas por Reino Unido e Francia para conseguir asegurar a entrada italiana na guerra. De 1922 a 1925 o movemento fascista liderado por Benito Mussolini conseguiu o poder no país cunha axenda nacionalista, totalitarista e clasista que aboliu a representatividade democrática, reprimiu o socialismo e as forzas liberais e de esquerdas, e procurou unha política exterior expansionista moi agresiva coa intención de converter a Italia nunha potencia mundial baixo a promesa da creación dun novo Imperio Romano.
miniatura|dereita|Hitler nunha manifestación política Nazi en Weimar en outubro de 1930. O Imperio Alemán foi disolto na Revolución alemá de 1918, creándose un goberno democrático coñecido posteriormente como a República de Weimar. Durante o período de entreguerras houbo conflitos entre os simpatizantes da nova república e os opositores de liña dura tanto nas dereitas coma nas esquerdas. Adolf Hitler, tras un fracasado intento de derrocar o goberno alemán en 1923, converteuse eventualmente no chanceler de Alemaña en 1933, abolindo a democracia, facendo promoción dunha revisión da orde mundial radical motivada na raza e apresurando unha masiva campaña de rearmamento. Mentres tanto Francia procurou asegurar unha alianza con Italia, dando carta branca ás súas intencións coloniais en Etiopía. A situación agravouse a comezos de 1935 cando o Territorio da Bacía do Saar foi reunificado legalmente con Alemaña e cando Hitler repudiou o Tratado de Versalles acelerando o seu programa de rearmamento e adoptando o servizo militar.
O Reino Unido, Francia e Italia formaron a Fronte de Stresa procurando conter a Alemaña. Porén, en xuño de 1935 o Reino Unido acordou un tratado independente con Alemaña que levantou algunhas das restricións impostas previamente. A Unión Soviética, preocupada polos obxectivos alemás de expansión cara ó leste de Europa, redactou un tratado de axuda mutua con Francia. Antes de ser efectivo, o pacto franco-soviético tivo que pasar a burocracia da Liga das Nacións, quedando practicamente ineficaz. Pola súa banda, os Estados Unidos observaban os eventos que estaban tendo lugar en Asia e Europa, e aprobaron unha Lei de Neutralidade en agosto dese mesmo ano. Hitler desafiou os tratados de Versalles e Locarno, remilitarizando Renania en marzo de 1936 cunha mínima oposición do resto de potencias Europeas. En outubro dese ano Alemaña e Italia formaron o Eixe Roma-Berlín, e un mes despois Alemaña e o Xapón asinaron o Pacto Anticomintern, ó que se uniría posteriormente Italia en 1937.
Asia