José Mario Martínez Arroyo, nado na Paz (Bolivia) o 26 de xaneiro de 1971, máis coñecido como José Andrëa (engadiu o nome «Andrea» pola súa primeira filla) é un cantante boliviano-español coñecido polo seu traballo co grupo de folk metal Mägo de Oz. Actualmente é vocalista e líder da banda José Andrëa e Uróboros.

miniatura|dereita|José Andrëa nun concerto de Mägo de Oz. Traxectoria Naceu na Paz, Bolivia, mais medrou no barrio madrileño de Hortaleza. Comezou tocando a batería nun grupo escolar con 14 anos. Despois de o cantante do grupo cambiar de colexio, José substituíuno de xeito provisional. Nese momento casualmente foi albiscando aos poucos a súa capacidade vocal e comezou a tomar clases de música. Ante o seu talento, tanto a súa nai como un profesor de música insistíronlle en que tomase clases de canto e máis adiante fose ao conservatorio.

Licenciouse en canto polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e foi profesor de canto e coro durante anos. En 1994 Txus, batería e compositor de Mägo de Oz, foi á academia onde José daba clases, na busca dun vocalista para o grupo. A banda actuara unha noite antes como abreconcertos de Ñu e, casualmente, José víraos. O batería preguntoulle por algún alumno avantaxado en canto e que lle gustase o estilo de Mägo para entrar na banda como vocalista. Daquela, o propio profesor ofreceuse para o posto.

Tras exercer como cantante en varias formacións madrileñas de heavy metal, en 1995 José Andrëa converteuse no novo cantante oficial do grupo.

Alcanzou a fama tras varios nomeamentos e premios a "Mellor cantante masculino" entre elas as do Rockferendum de MariskalRock. Gañou dito galardón desde 2005 até 2008 e quedou segundo en 2009, 2010 e 2011.

En 2004, baixo a produción de Txus, José lanzou o seu primeiro álbum en solitario, Donde el corazón te lleve. O disco está composto por baladas de grupos como Deep Purple ou Barón Rojo e as letras están adaptadas ao español por Txus.

O 24 de outubro de 2011, 16 anos despois, Mägo de Oz anunciou nun comunicado na súa web oficial que José Andrëa deixaba a banda. As subseguintes xiras por América e España foron os seus últimos actos como membro da formación.

A inicios de 2012 comezou un novo proxecto cunha banda de seu: José Andrëa e Uróboros. Desta volta deixa de lado o estilo de Mägo de Oz e céntrase nunha fusión de rock and roll e blues. A banda sacou tres discos: Uróboros (2012), Resurrección (2015) e Bienvenidos Al Medievo (2019).

Voz A voz de José Andrëa é dun tenor lírico lixeiro. Con todo, os seus profesores consideraron nun principio que se trataba dun contratenor.

O seu rexistro vocal, segundo a discografía á cal lle deu voz, sería dun Fa#2 (Adiós Dulcinea), frecuentes Do5 e Re5 alcanzados de cabeza («La Leyenda de la Mancha», «El Santo Grial», «Kelpie», «La Cruz de Santiago» ou «El pacto») e Fa5 en voz de cabeza («La Última Cena»). O seu máximo sobreagudo rexistrado é un La5 (no minuto 10:12 de «La Bruja»).

O seu rexistro vocal é Fa#2-Do5~Fa5(La5), é dicir, 40 semitons ou 3,33 oitavas.

Nos últimos anos con Mägo de Oz, debido ás intensas xiras, a idade, a súa adicción ao alcol de entón e outros factores ambientais, a voz de José escureceuse lixeiramente. Os tons agudos perderan a súa brillantez característica en prol doutros matices, como unha voz máis desgarradora e con máis corpo.

Problemas de saúde Durante os seus últimos anos en Mägo de Oz e os primeiros en Uróboros, José Andrëa tivo moitos problemas debido ao seu alcolismo, que mesmo afectou ao seu rendemento no escenario. A adicción chegou a provocarlle unha pancreatite necrosante e posterior peritonite da que tivo que ser operado de emerxencia en 2013 durante as datas de concertos na Paz, a súa cidade natal.

Esta foi unha operación de vida ou morte, e fóronlle extirpados parte do intestino groso, a vesícula e tres cuartas partes do páncreas. Sobrevivir a dita cirurxía fixo que decidise cambiar os seus hábitos. En 2015, xa recuperado, incluíu no traballo de Uróboros dese ano, Resurrección, a canción «La Salida del Averno», a cal fala sobre como logrou superar a adicción.

En setembro de 2021, debido a varias hernias estomacais, tivo que volver someterse a unha cirurxía de moi alto risco, cunha probabilidade de supervivencia de tan só un 30%. Afortunadamente, a intervención foi un éxito e continuou coa súa actividade con Uróboros.

Discografía

Con Mägo de Oz

Jesús de Chamberí (1996) La bruja (1997) La leyenda de La Mancha (1998) Finisterra (2000) Fölktergeist (2002) A Costa da Rock (2002) Gaia (2003) Belfast (2004) Madrid Las Ventas (2005) Gaia II: La voz dormida (2005) The Best Oz (2006) La ciudad de los árboles (2007) Barakaldo D.F. (2008) Gaia III: Atlantia (2010) Gaia: Epílogo (2010) Love 'n' Oz (2011)

Con José Andrëa e Uróboros

Uróboros (2012) Resurrección (2015) La Paz, Donde Todo Es Posible (En Directo) (2018) Bienvenidos al Medievo (2019)

Como solista

Donde el corazón te lleve (2004)

Colaboracións

Como vocalista en «Y serás canción», canción escrita por Txus e interpretada, entre outros, xunto a Savia, Stravaganzza, Silver Fist ou Ebony Ark para render homenaxe a Big Simon. Foi incluída no disco-libro de poemas El cementerio de los versos perdidos, de Txus, que inclúe temas orixinais. Foi gravado con artistas de grupos como Savia ou Saratoga. Con Sabor Amargo en «Este invierno no hace frío», así como na gravación do videoclip e a presentación do mesmo. Con Muro en «Mirada asesina». Con The Garb en «O final» xunto con Txus. Con Dragonfly en «1000 Lágrimas" e «Ángeles con una sola ala» do disco Alma Irae. Con Renacer nunha versión de «Ancha es Castilla» do álbum En versiones. Con Ankhara en «Hasta el fin», do álbum Dueño del tiempo. Con In Extremo en «En esta noche», do álbum Sängerkrieg (en alemán, Guerra dos cantantes). Con El Gitano, La Cabra y La Trompeta en «Investigando en los tejados» no disco Besos por balas. Con Mojinos Escozíos en «Mi jefe». Con Homo-Demen en «El discurso del estridente» do disco Nuevo Orden gravada en xullo de 2013. Con Local 9 no tema «Solo puedo anidar en ti», cantando en chinés e español. Coa banda Aquelarre en «El Mismo Pecado». Con Legado de una Tragedia en «El Cruzado». Coa banda Tregua en «Descalzo por tus besos». Coa banda madrileña de power metal Casus Belli no seu primeiro álbum Ad Calendas Graecas cos temas «El Baler (1898)» e «Arianne».

Notas

Categoría:Tenores Categoría:Cantantes en lingua castelá Categoría:Nados en 1971 Categoría:Nados na Paz