Pedro de Alcántara Álvarez de Toledo, nado en Madrid o 20 de xullo de 1768 e finado ibídem o 27 de novembro de 1841, foi un duque do infantado, militar e político español.

Traxectoria Na guerra contra a Francia revolucionaria armou a súa costa dous batallóns de infantaría. Tomou parte na Guerra de las Naranjas, pero, desamigado con Godoy, viuse desterrado da Corte entre 1804 e 1806. En 1807 tomou parte na conspiración de El Escorial, e aínda que foi absolto no proceso que lle foi aberto, o goberno ordenou o seu desterro a Écija.

Coa chegada ao trono de Fernando VII, en marzo de 1808, foi nomeado presidente do Consello de Castela. Tamén foi nomeado xefe do exército do centro. Con todo, despois do seu fracaso en Uclés, a Xunta Central destituíuno e mantívoo un longo tempo inactivo, até que foi enviado como embaixador a Londres en 1811. Regresou a Londres para desenvolver o cargo de rexente dentro da terceira rexencia, de xaneiro de 1812 até marzo de 1813.

Ao establecerse o absolutismo, desempeñou de novo a presidencia do Consello de Castela e foi un dos membros destacados da camarilla de Fernando VII. En maio de 1823 pasou a formar parte da rexencia provisional que gobernou até a liberación de Fernando VII. Foi Ministro do Estado entre outubro de 1825 e agosto de 1826 nun dos gobernos dominados realmente por Calomarde e López Ballesteros.

Morreu solteiro e o título e os cuantiosos bens da familia pasaron aos duques de Osuna.

Véxase tamén

Outros artigos Lista de presidentes de España

Ligazóns externas Ficha na web da Presidencia do Goberno (en castelán).

Categoría:Nados en 1768 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Finados en 1841 Categoría:Presidentes de España Categoría:Embaixadores de España no Reino Unido Categoría:Ministros de Asuntos Exteriores de España