Jethro Tull é o nome dunha banda de rock progresivo británica, de orixe inglesa, que comezou a súa andaina no 1967 e que, desde entón, traballou de forma ininterrompida até o día de hoxe. A súa música caracterízase polas letras, as voces, a frauta de Ian Anderson, que leva liderando ao grupo dende os seus inicios, e o traballo de guitarras de Martin Barre, que entrou en Jethro Tull en 1969.

A banda comezou tocando blues-rock con toques experimentais, e foron incorporando elementos da música clásica, o folk, o jazz e o art rock á súa música.

Desde os seus inicios, este grupo vendeu máis de 60 millóns de copias dos seus máis de 30 álbums en todo o mundoPáxina oficial do grupo. Os últimos traballos publicados pola banda datan de 2003, aínda que continuaron a actuar en xiras ata 2011.En abril de 2014, Anderson anunciou a fin da actividade de Jethro Tull como banda.

Historia Orixes (1964-1968) As orixes de Jethro Tull remóntanse a mediados dos anos 60, cando tres individuos que respondían ós nomes de Ian Anderson, Jeffrey Hammond Hammond e John Evans decidiron formar unha banda de rock chamada The Blades. O seu debut foi en 1963, no Blackpool’s Holy Family Youth Club, constituíndo a formación os seguintes músicos: Anderson á guitarra, Hammond ó baixo, Evans á batería e Michael Stephens, ex-guitarrista do grupo The Atlantics. O repertorio da banda baseábase en temas blues inspirados por xente coma Sonny Terry, Howling Wolf, Brownie McGhee, Graham Bond e outros músicos norteamericanos e británicos do mesmo estilo musical.

Con esta formación e repertorio estiveron actuando unha tempada, ata que comezaron a sucederse os cambios no seo da banda, que rematou estabilizándose coa inclusión de Barriemore Barlow á batería e o paso de John Evans ós teclados, que era o instrumento que dende un principio máis lle gustaba. Así chegouse ó primeiro cambio de nome na banda (aínda que non sería o último, como veremos), pasando a chamarse en 1965 The John Evan Band, e incluíndo no seu seo a un verdadeiro rosario de músicos: os mesmos que formaron The Blades menos Michael Stephens, que decidiu abandonar o grupo, e a inclusión de Derek Ward ó baixo, Jim Doolin á trompeta, Martin Skyrme ó saxofón e Chris Riley á guitarra. Durante os seguintes dous anos, 1966 e 1967, o grupo tocou nos clubs máis prestixiosos do norte de Gran Bretaña, entre os que destacaron o Twisted Wheel Chain e The Cavern, en Liverpool.

Os temas que realizaban eran unha mestura de blues, jazz e soul. Un novo cambio de nome produciuse neste período: pasaron a chamarse The John Evan´s Smash, co conseguinte cambio na formación: Jeffrey Hammond, Derek Ward, Jim Doolin, Martin Skyrme e Chris Riley foron substituídos por Chick Murray á guitarra, Tony Wilkinson ó saxofón barítono, Neil Valentine ó saxofón tenor e Glenn Cornick ó baixo. Porén, esta formación só durou un ano, xa que en novembro de 1967 produciuse a grande estoupada e só quedaron no grupo Ian Anderson e Glenn Cornick, polo que tiveron que recrutar a dous novos músicos. Estes serían o batería Clive Bunker e o guitarrista Mick Abrahams, ambos procedentes do grupo McGregor´s Engine. Con estes catro compoñentes comezou un periplo de dous meses durante os cales actuaron en diversos locais británicos, entre eles o mítico Marquee e no que se sucederon os cambios de nome: Navy Blue, Bag of Blues, Ian Henderson´s Bag O’ Blues e moitos outros, produto do espantosamente mal que tocaban. Parece ser que o constante cambio de nome era o único que lles permitía poder actuar nun local máis dunha vez, xa que coñecéndoos xamais poderían facelo. Porén, xusto daquela sucedeu un feito que máis tarde se revelaría como crucial para o futuro de Jethro Tull e para a historia da música en xeral: Terry Ellis e Chris Wright deciden formar unha compañía de discos á que poñerían por nome Chrysalis Records.

A dita compañía sería nun principio subsidiaria da todopoderosa Island e enfocou o seu traballo á promoción de grupos con sons innovadores, polo que a través do produtor Derek Lawrence deciden fichar ós nosos protagonistas e colocarlles o ridículo nome de Candy Coloured Rain, o cal non se produciu finalmente grazas a que un empregado de Chrysalis que estudara historia suxeriu o de Jethro Tull, que non é outra cousa que o nome dun agricultor, granxeiro e escritor inglés nado en Basildon en 1674, ó que se lle atribúe en 1701 a invención e perfeccionamento da máquina de arar e diversos experimentos cos sistemas de sementeira. A pesar de todo, o primeiro traballo oficial de Jethro Tull na industria discográfica non sairía baixo o selo Chrysalis, senón que o faría para Metro Goldwyn-Mayer. Tratábase dun single que incluía na súa cara A o tema "Aeroplane", composto por Len Barnard e Ian Anderson e pola cara B "Sunshine day", composto por Mick Abrahams. Este single foi publicado en febreiro de 1968 e distribuído baixo o nome de Jethro Toe, seguramente debido a un erro de imprenta. En calquera caso, a repercusión deste traballo foi mínima, xa que apenas tivo promoción e tampouco atraeu o interese da crítica nin do público.

Os comezos (1968-1970) Tralo intento de alcanzar o éxito, o grupo, esta vez xa baixo o nome de Jethro Tull, comezou unha extensa xira de actuacións durante o verán de 1968 en diversos clubs británicos, volvendo ó Marquee, esta vez xa de forma máis estable e gañándose o beneplácito do público. Este feito foi fundamental para o posterior triunfo do grupo, xa que a base de traballalo nas actuacións en directo conseguiron atraer a atención de gran cantidade de persoas que asistían perplexas ás incribles loucuras de Anderson coa súa frauta sobre o escenario e á enerxía que desprendía a banda tocando en vivo. Desta maneira, chegou por fin o salto á fama de Jethro Tull: sería no Sunbury Jazz and Blues Festival, onde a crítica quedou literalmente sorprendida da popularidade do grupo, debida sobre todo a que a xente que os vira tocar en directo polos diversos locais concentrouse alí para velos, polo que case todo o público asistente era xa fan de Jethro. Evidentemente, o seguinte paso estaba a punto de darse: a gravación dun Lp, algo que xa se víña xerando e que se consumou en outubro de 1968, cando "This was" sae á venda.

Este primeiro disco lévaos a realizar numerosos concertos, entre eles unhas sesións de radio para á BBC nas que demostran que o seu directo é demoledor. O sinxelo escollido foi "A song for Jeffrey", dedicado a Jeffrey Hammond Hammond, e a cara B de dito single tamén tiña que estar dedicada a alguén, polo que o tema incluído foi "One for John Gee", como agradecemento a John Gee, director do Club Marquee en Londres e primeira persoa que confiou no éxito do grupo. A pesar da ansiedade coa que se esperaba o primeiro disco de Jethro Tull e das boas críticas recibidas por este, o single non tivo demasiado éxito entre o gran público. Con todo, o seguinte si que alcanzou boas posicións nas listas británicas. Este segundo single foi "Love story", tema que non aparece en "This was", composto tamén por Ian Anderson e cheo de potencia, que se publicaría en decembro de 1968.

Pronto comezaron as desavinzas entre as dúas principais figuras de Jethro Tull: Anderson e Abrahams. Este decide abandonar o grupo, oficialmente porque existían desavinzas no relativo á orientación musical do mesmo. Non obstante, a razón ben puido ser o carisma de Ian Anderson á fronte do grupo e a súa desbordante creatividade musical, que apuntaba xa dende un principio a direccións máis diversas que as dunha simple banda de blues-rock. Isto poñía en dúbida o liderado de Mick Abrahams e o final non puido ser outro que o que xa coñecemos: o guitarrista marchou e formou a súa propia banda, Bloodwyn Pig, coa que xamais pasou de ser un artista de segunda fila. Así, Mick Abrahams deixará pasar a súa oportunidade de alcanzar a fama e a inmortalidade artística.

O peor, porén, foi que a marcha do guitarrista deixaba un oco en Jethro Tull que tiña que ser ocupado pronto, xa que a súa primeira xira polos Estados Unidos estaba á volta da esquina. Comeza así unha frenética carreira por incorporar a un bo guitarrista. O primeiro en probar coa banda foi Tommy Iomi, o coñecido guitarrista de Black Sabbath, que só estivo dez días con Jethro Tull, xa que a súa técnica non convencía a Anderson. Tras el, chegou Davy O’List, que aínda estivo menos tempo con eles: catro días, pero que posteriormente sería mundialmente coñecido como o guitarrista da banda Nice. Por fin chegou o que sería guitarrista definitivo de Jethro Tull, Martin Lancelot Barre, que dende a súa mesma chegada ó grupo converteríase na peza máis importante do mesmo, a excepción, claro está, do propio Anderson. Martin Barre era máis que un guitarrista aceptable, pero o certo é que a súa valía non sempre fora recoñecida pola prensa especializada, demasiado acostumada a que un guitarrista sexa o líder dunha banda de rock, ou ós sós enrevesados, tecnicistas e interminables dos "heroes" da guitarra (ex: Jimi Hendrix, Jimmy Page, Jeff Beck...), pero o destacable de Barre foi a súa compenetración con Ian Anderson.

1969 foi un ano moi importante para Jethro Tull, xa que na primavera do mesmo comezaron a súa primeira xira polos Estados Unidos, nun principio como abreconcertos de Led Zeppelin ou Fleetwood Mac. A repercusión dos concertos que a banda ofreceu nos Estados Unidos foi enorme, ata o punto de que son invitados a gravar en varios estudios musicais daquel país. Ditas gravacións foron moi frutíferas, e dunha delas xurdiu unha das mellores cancións na historia de Jethro Tull: "Living in the past", gravada nos Estudios Vantone de New Jersey. Este foi o primeiro sinxelo de Jethro que alcanzou o éxito, chegando incluso a facelos aparecer na televisión, concretamente no programa "Top of the pops". Este éxito, unido á publicación do seu segundo traballo, "Stand up", consolidou a Jethro Tull como unha das mellores bandas do momento. Gravado nos Estudios Morgan de Londres, "Stand up" alcanza rapidamente o número 1 das listas británicas e fai o propio noutros países europeos, chegando a ser disco de ouro, o primeiro que a banda consegue. Neste álbum aprécianse xa as características básicas do son típico do grupo, como poden ser a forma de tocar a frauta por parte de Anderson, as alternancias entre as partes suaves e fortes en moitas das cancións e a clara influencia da música medieval no son de Jethro Tull. Aquí aparecen instrumentos coma a balalaica ou a mandolina, que xunto á xa típica frauta (tocada en dous dos temas por Martin Barre) contribúen a dotar ós temas dun ambiente folk do que a banda xamais se desprendería, por moito que en ocasións Anderson declarase que odiaba a música folk. Pero non só se aprecian neste traballo influencias da música folk, senón que tamén podemos observar coma o rock duro aparece en temas coma "A new day yesterday", "Nothing is easy" e nas partes máis fortes doutros cortes do disco. Igualmente, a influencia da música clásica queda patente nada máis escoitar "Bourée", que é unha adaptación dunha composición de Johann Sebastian Bach. Todo isto supón que o grupo se afastara un pouco do son blues e jazz que caracterizou o seu primeiro traballo.