Google Scholar é un motor de busca de Google enfocado e especializado na busca de contido e bibliografía científico-académica. O sitio indexa editoriais, bibliotecas, repositorios, bases de datos bibliográficas, entre outros; e entre os seus resultados pódense atopar citas, ligazóns a libros, artigos de revistas científicas, comunicacións e congresos, informes científico-técnicos, teses, tesiñas e arquivos depositados en repositorios.
Foi lanzado ao público en versión Beta o 19 de novembro de 2005. O índice inclúe todos aqueles documentos accesibles na Web que cumpran cunha serie de requisitos técnicos.
Funcionamento Xerarquiza os resultados usando un algoritmo similar ao que utiliza o buscador de Google para as buscas xerais, aínda que tamén usa como sinais "o texto completo de cada artigo, o autor, a publicación na que aparece o artigo e a frecuencia coa que se citou o artigo noutra literatura académica". O número de citas recibidas é un factor especialmente relevante. Os resultados inclúen así mesmo libros técnicos, así como unha ligazón a outros artigos que citan o artigo sinalado. Esta é unha ferramenta interesante para a investigación, xa que permite atopar nova información (máis actualizada) a partir dun artigo coñecido.
Google Scholar permite aos usuarios buscar copias físicas ou dixitais de artigos, xa sexa en liña ou en bibliotecas. As buscas de Google Scholar aparecerán empregando as referencias de "artigos periodísticos completos, informes técnicos, borradores preliminares, teses, libros e outros documentos, incluíndo páxinas web selectas que se consideren contedores de 'contido académico'". Posto que a maior parte dos resultados de busca de Google Scholar ligaban directamente a artigos de publicacións comerciais, a maior parte do tempo os usuarios só poderán acceder a un breve resumo do tema tratado no artigo, así como a pequenos fragmentos de información importante relacionada co mesmo, e posiblemente teñan que pagar un determinado importe para acceder ao artigo completo. Google Scholar é tan sinxelo de empregar como a busca web regular de Google, especialmente coa axuda da función de "busca avanzada", que pode filtrar automaticamente os resultados de busca para mostrar unicamente os pertencentes a unha publicación ou artigo específicos. Os resultados máis relevantes para as palabras clave buscadas listaranse en primeiro lugar, segundo o ranking do autor, o número de referencias que o enlacen, e a súa relevancia respecto de outra literatura académica, así como o ranking da propia publicación na que apareza o artigo.
Empregando a súa ferramenta "grupo", mostra as ligazóns dispoñibles a artigos periodísticos. Na versión de 2005, esta ferramenta fornecía ligazóns tanto a versións de artigos ás que se podía acceder mediante unha subscrición, como a versións integramente gratuítas de artigos; durante a maior parte de 2006, unicamente fornecía ligazóns ás versións dos editores. Desde decembro de 2006 proporciona ligazóns a ambas versións, tanto publicadas como de repositorios académicos de acceso libre, pero aínda non cubría aquelas publicadas en páxinas persoais de universidades. [cita requirida] O acceso ás versións arquivadas que non requiren subscrición proporcionase agora como unha ligazón a Google, onde un pode agora atopar eses artigos de acceso libre.
A través da súa ferramenta "citado por", Google Scholar proporciona acceso a resumos de artigos nos que se citase o artigo que se está consultando. É esta ferramenta en particular a que fornece índices de citas previamente só dispoñibles en Scopus e en Web of Knowledge. A través da súa función de "artigos relacionados", Google Scholar presenta unha lista de artigos estreitamente relacionados, a cal se ordena primariamente por semellanza co artigo orixinal, pero tamén tendo en conta a relevancia de cada documento.
A base de datos legais de Google Scholar para procesos de Estados Unidos dispón de ampla información. Os usuarios poden buscar e consultar veredictos publicados dos procesos dos tribunais estatais de apelación e supremo dos Estados Unidos desde 1950, procesos dos tribunais de distritos federais de apelación, impostos e quebra desde 1923, e procesos do Tribunal Supremo dos Estados Unidos desde 1791. Google Scholar inclúe citas ditos procesos a modo de ligazóns pulsables nos casos que os citan, e a lapela de "Como son Citados" permite aos avogados investigar precedentes xurídicos e as súas subsecuentes citas, así como o propio veredicto do tribunal. A extensión para Google Scholar Legal Content Star Paginator insire números de páxina ao estilo de Westlaw e de LexisNexis xunto co resto do texto do caso.
Perfil de autor Google Scholar permite configurar un perfil de autor e realizar un seguimento das citas dos traballos publicados. O buscador comproba quen cita os traballos publicados por ese autor e xera gráficos de citas no seu perfil. A medida que o buscador actualiza estes datos, tamén suxire ao autor a incorporación de coautores, mostrando esta información no perfil público. Nese perfil visualízanse ademais tres tipos de estatísticas: o total de citas recibidas, o Índice H e o Índice i10.
Notas
Categoría:Servizos de Google