O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.
A forma "moderna" é o chamado calendario lunisolar, semellante ao calendario chinés, que mide os meses segundo os ciclos lunares e os anos tendo en conta os ciclos solares, distinto do calendario islámico puramente lunar e do calendario gregoriano case enteiramente solar. Pola diferenza de 11 días entre doce meses lunares e un ano solar, o calendario repítese nun ciclo de 19 anos de 235 meses lunares, cun mes lunar extra cada dous ou tres anos, cun total de sete veces cada dezanove anos. Como o calendario hebreo foi desenvolvido na zona sueste do mar Mediterráneo, as referencias ás estacións reflicten os tempos e o clima do hemisferio norte.
Historia Período bíblico 250px|miniatura|dereita|Mosaico dun zodíaco na sinagoga de Beit Alpha, Israel, do século VI. miniatura|Detalle dun calendario hebraico medieval, que lles lembraba aos xudeus que a rama de palmeira (Lulav), a ramiña de mirto, as pólas do salgueiro e o limón (etrog) tiñan que ser levados á sinagoga durante a festa do Sucot, preto das vacacións de outono. Os xudeus levan usando un calendario lunisolar dende tempos bíblicos. O primeiro mandamento do pobo xudeu como nación foi o de determinar a Nova Lúa. O principio do capítulo 12 do Éxodo di "Este mes (Nisán) é o primeiro dos meses.". É máis frecuente na Biblia que os nomes dos meses aparezan en número máis que en nome e só catro nomes de meses de antes do éxodo aparecen na Tanagh (a Biblia hebrea): Aviv (o primeiro; literalmente "primavera", pero orixinalmente puido significar a madurez da cebada), Dsiv (o segundo; literalmente "luz"), Etanim (o sétimo; literalmente "forte" en plural, quizais referido ás fortes choivas), e Bul (o oitavo), todos son nomes cananeos, polo menos dous son fenicios (Canaán do norte). É posible que nun principio todos fosen identificables por números xudaicos ou por nomes estranxeiros cananeos ou fenicios, pero non aparecen outros nomes na Biblia.
Máis aínda, debido a que os anos solares non poden ser divididos usando meses lunares, débese engadir un mes intercalado para previr que os ciclos se afasten da primavera, aínda que non hai mención directa na Biblia. Hai pistas que din que o primeiro mes (Nissan) comezou sempre coa madurez da cebada; segundo algunhas tradicións, en caso de que a cebada estivese verde aínda, un segundo último mes sería engadido. Soamente despois foi posible o establecemento dunha regra, o Adar I de hoxe.
Exilio en Babilonia Durante o exilio babilónico, xusto despois do 586 a.C., os xudeus adoptaron nomes babilónicos para os meses, e algunhas seitas, como os esenios, usaron un calendario solar durante os dous últimos séculos antes de Cristo. O calendario babilónico foi descendente directo do calendario sumerio.
Nomes e duración dos meses + Nomes hebraicos dos meses cos seus análogos babilónicos Número Nome en hebreo Duración Nome en babilonio Notas 1 Nisán / Nissan 30 días Nisanu chamado Aviv no Tanakh 2 Iiar 29 días Aiaru chamado Ziv no Tanakh 3 Siván 30 días Simanu 4 Tamuz 29 días Du`uzu 5 Ab 30 días Abu 6 Elul 29 días Ululu 7 Tishrei 30 días Tashritu chamado Eitanim no Tanagh 8 Queshván 29 ou 30 días Araghsamna tamén escrito heshván ou marheshván (heshván acedo); chamado Bul no Tanagh 9 Quislev 30 ou 29 días Quislimu escrito Kislev ou Chislev en inglés 10 Tevet 29 días Tebetu 11 Shevat 30 días Shabatu 12 Adar I 30 días Adaru Só nos anos bisestos 13 Adar / Adar II 29 días Adaru
Durante os anos bisestos Adar I (ou Adar Alef — "primeiro Adar") hai un mes extra, de 30 días. Adar II (ou Adar Bet — "segundo Adar") que é o "auténtico" Adar, e ten 29 días, como é normal. Por exemplo, un ano bisesto, a festa do Purim é en Adar II, non en Adar I.
Era do Segundo Templo En tempos do Segundo Templo, o principio de cada mes lunar era avisado por dúas testemuñas que vixiaban a saída da nova lúa. O patriarca Gamaliel II (c. 100) comparou estas contas cos debuxos das fases da lúa. Segundo a tradición, estas observacións foron feitas contra os cálculos da principal corte xudía, o Sanedrín. Se un segundo Adar era preciso ou non dependía da condición dos camiños que usaban as familias xudías para o Pésagh, do número de años que debían ser sacrificados no templo e das espigas de cebada necesario para os primeiros froitos.
Unha vez decidido, o principio de cada mes era anunciado primeiro a outras comunidades con sinais de lume, mais dende que os samaritanos e unha facción dos saduceos comezou a acender falsos lumes, enviábase un mensaxeiro ou shaliagh. A imposibilidade de avisar a comunidades fóra de Israel ata un día despois levou a comunidades a celebrar festas de dous días no canto dun, tendo así un segundo día de diáspora xudía pola incerteza de se ese mes tiña 29 ou 30 días.
Dende os tempos dos amoraim (séculos III a V), os cálculos incrementáronse, como os de Samuel o astrónomo, quen afirmou durante a primeira metade do século III que o ano tiña 365 días, e segundo os "calculadores do calendario" ao redor de 300. Jose, un amora que viviu durante a segunda metade do século IV, afirmou que o Purim, día 14 do mes de Adar, non podía ser nin sábado nin luns, de non ser que o 10 do mes de Tishri (Iom Quipur) caese en venres ou en domingo. Isto indica un número fixo de días en todos os meses dende Adar ata Elul, implicando tamén que o mes extra xa era o segundo Adar engadido ante o Adar normal.
Era romana As guerras entre os xudeus e os romanos dos anos 66–73, 115–117, e 132–135 causaron unha grande disrupción na vida xudía, afectando tamén ao calendario. Durante os séculos III e IV, fontes cristiás describen o uso de ciclos lunisolares de oito, dezanove e de oitenta e catro anos, todos ligados aos calendarios civís usados por diferentes comunidades da diáspora, quen foron illados do Levante e do seu calendario oficial. Algúns asignaron festividades xudías aous días do calendario solar, pero outros usaron epacta para especificar cantos días antes das datas importantes do calendario solar comezaban os meses lunares.
Calendario xudeu alexandrino O cómputo cristián de Etiopía (usado para calcular a Pascua) describe detalladamente o calendario que debeu de ser usado polos xudeus de Alexandría preto da fin do século III. Estes xudeus formaron unha comunidade relativamente nova nas secuelas da aniquilación (por asasinato ou escravización) de todos os xudeus por orde do emperador Traxano a finais da guerra de Quitos dos anos 115–117. O seu calendario usaba as mesmas epactas in ciclos de dezanove anos que chegaron a ser canónicas no cómputo da Pascua usado por case todos os cristiáns medievais, xa sexa no occidente latino ou no oriente bizantino. Só aquelas igrexas máis aló das fronteiras do Imperio de Oriente cambiaban unha epacta cada dezanove anos, causando que catro Pascuas en 532 anos fosen diferentes.
Período de transición O período entre os anos 70 e 1178 foi unha transición entre as dúas formas, coa adopción gradual das regras características da forma moderna. excepto polo número moderno de ano, as regras acadaron a súa forma definitiva ao redor do ano 820 ou, non se sabe moi ben cando, antes do ano 920. O calendario moderno non se pode usar para calcular datas bíblicas porque as datas da nova lúa poden estar equivocadas por ata catro días e os meses poden estar cunha descompensación de ata catro meses de diferenza. As últimas contas para a intercalación irregular (engadido de meses extra) foi realizada en tres anos sucesivos a principios do segundo século, segundo o Talmud.
Evidencias da adopción das regras modernas A tradición popular, dita por primeira vez por Hai Gaon (†1038), mantén que o calendario continuo moderno era antigamente un segredo coñecido só por uns sabios, o "comité do calendario" e que o patriarca Hilel II revelou no ano 359 debido á persecución cristiá. Nese ano, o sabio Hilel II perfeccionou os cálculos e métodos coñecidos, e estabeleceu os mecanismos de embolismo do ano utilizados até o día de hoxe, que foron corroborados polas últimas e máis modernas observacións astronómicas. Os devanditos cálculos xa eran coñecidos desde centos de anos atrás, pero até aqueles tempos preferíanse os métodos empíricos para estabelecer o comezo do mes -dúas testemuñas que tiñan que testemuñar ante o gran Sanedrín que viran o nacente da Lúa- e o comezo da primavera, en base á maduración dos cereais sementados e á chegada do equinoccio de primavera (o 20 de marzo no hemisferio norte), que é a data en que o día e a noite teñen a mesma duración; mentres que o almanaque era utilizado en caso de impedimentos, como días nubrados.
miniatura|Flavio Valerio Constantino, chamado Constantino I o Grande (272 - 337). Mosaico bizantino, igrexa de Santa Sofía, Istanbul (antes, Constantinopla, na súa honra)
Crese que a razón pola cal publicou Hilel II o calendario hebreo tal como se utiliza desde os seus tempos até os nosos días provén dunha das decisións tomadas polo Cristianismo no primeiro Concilio de Nicea, celebrado o ano 325, a instancias do emperador Constantino I o Grande. Segundo a tradición cristiá, Xesús de Nazaret foi crucificado o Venres Santo, coincidente co venres da Pascua xudía. O Concilio decidiu desvincularse do xudaísmo tamén neste aspecto, e prescindir da necesidade de pescudar ano tras ano, a data exacta da Pascua xudía. Para ese efecto, estipulouse que o primeiro día da Pascua cristiá, o Domingo de Ramos, se celebre o primeiro domingo logo da lúa chea, inmediatamente logo do equinoccio de primavera. Cabe destacar que ao independizar o calendario litúrxico cristián do hebreo, perdeu o primeiro a flexibilidade e o equilibrio que caracterizan a este último, o que terminou causando, co correr dos séculos, o traspaso da Pascua cristiá para o inverno, desfase que houbo de ser corrixido ao cabo dun milenio polo papa Gregorio XIII, por medio do seu calendario gregoriano.
De todos os xeitos, a decisión de Nicea espertou o temor entre os xudeus da época, que os cristiáns lles prohibisen anunciar os comezos de mes e os embolismos de cada ano, indispensables para o normal discorrer da vida xudía; e de aí a necesidade dun calendario preestablecido de antemán e aceptado por todas as diásporas do pobo xudeu. Aínda así, o Talmud, que non chegou á súa forma final ata máis ou menos o ano 500, non menciona o calendario continuo nin nada tan mundano como os ciclos de dezanove anos ou a duración dos meses, aínda que fala das características dos calendarios anteriores.
Aínda máis, as datas xudaicas dos tempos post-Talmud (especificamente nos anos 506 e 776) son imposibles coas regras modernas e tamén toda evidencia do desenvolvemento de regras aritméticas do calendario moderno en Babilonia nos tempos dos Gueonim (séculos VII e VIII), coa maioría das regras modernas ao redor do ano 820, segundo o astrónomo musulmán Muḥammad ibn Mūsā al-Ghuārizmī. Unha diferenza notable era a data da época (o punto de referencia fixado no ano 1), que nese tempo era un ano despois da época do calendario moderno.
Controversia acerca da Pascua do 4682 Anno Mundi As regras babilonias requirían o atraso do primeiro día de Tishri cando a lúa nova aparecía tras o mediodía.