O hardcore punk é un subxénero do punk rock orixinado nos Estados Unidos e Inglaterra a finais dos anos 70. Emerxeu cando as primeiras bandas do movemento punk rock foron desaparecendo ou cambiando cara diferentes xéneros, facéndose os punks que ficaban un grupo máis underground e cohesionado. Estilisticamente o son é normalmente máis duro e rápido que o do punk rock dos 70. Está caracterizado por cancións curtas, con ritmos 2 por 2, ruidosas e apaixonadas nas que as liñas de guitarras son executadas rapidamente, con poucos arranxos e distorsionadas, o baixo xeralmente fai a mesma nota do acorde da guitarra (sen escalas ou con oitavas) e a voz é case berrada. Tamén se fai unha negación da estrutura verso-refrán-verso.

Así mesmo, o discurso político vai mudar con respecto ao punk anterior. Fronte ao discurso acusado por algúns de nihilista e que supuña unha crítica destrutiva da sociedade (o no future dos Sex Pistols, ou o I don't care dos Ramones), o hardcore propoñía en principio novas temáticas, cunha crítica que segundo moitos se volvía construtiva. Temas como a política, a liberación persoal, o straight edge, o veganismo/vexetarianismo, a guerra ou a actitude mental positiva (PMA nas súas siglas en inglés) son algunhas das teimas máis recorrentes no hardcore. Porén habería que indicar en relación a isto, que o hardcore adoita ser acusado de sectarismo, precisamente por adoptar unha posición tan belixerante en moitos destes temas na procura dunha "pureza" difícil de acadar.

O hardcore influenciou a un bo feixe de xéneros que posteriormente chegaron a un público máis xeral, como o metalcore, o grunge, othrash metal, o emo ou o post-hardcore.

Orixes Norteamérica A finais dos anos 70, unha serie de bandas, en particular nas cidades costeiras do sur de California, mais tamén en Washington, D.C., Nova York, Míchigan e Boston (Estados Unidos), formadas por adolescentes dos suburbios, construíron unha escena punk máis extrema (tanto no aspecto musical como no fáctico) comparada coas variantes que triunfaban noutras zonas do país e do resto do mundo. Este movemento foi bautizado co nome de hardcore, literalmente núcleo duro. miniatura|200px|Ian MacKaye, membro de Fugazi e Minor Threat e fundador de Dischord Records A orixe da palabra é un tanto incerta. Segundo parece, nun primeiro momento este termo era empregado máis como un adxectivo para referirse a aquelas bandas de punk que tocaban dunha maneira máis acelerada (como Black Flag ou Bad Brains). Un elemento que puido influír na difusión do termo foi a publicación do álbum dos canadenses D.O.A. titulado Hardcore '81 (1981). Chegados aproximadamente a 1983, o termo xa estaba abondo estendido cun sentido descritivo cara ese tipo de bandas e as persoas que acudían a eses concertos. Porén o termo foi acadar connotacións diferentes, para os mozos e mozas que acudían a estes concertos e tocaban nestas bandas, o termo hardcore pasou a ser un identificador grupal dentro do punk. Isto é: "hardcore" é a "xente coma nós dentro do punk" e "a música que fai xente coma nós" (de feito, os argumentos soamente estilísticos para definir ao hardcore son difíciles de soster - polo menos para referirse ao hardcore norteamericano - tendo en conta as diferenzas estilísticas: os Bad Brains fixeron temas de dub e máis adiante amosarán influencias do metal ou do funk, os Black Flag autores de cancións lentas e pesadas, os inclasificábeis Minutemen, os Dead Kennedys etc.). Desde esta perspectiva de "grupo", "comunidade" ou "escena", o hardcore adquiriu unha actitude DIY (do it yourself, faino ti mesmo) ante a falta de medios editando o seu propio material, organizando os seus propios concertos, facendo os seus propios fanzines, radios alternativas, posters etc. Destaca neste sentido a creación de selos discográficos propio e independentes que van actuar como catalizadores desta creatividade: SST (Fundada por Greg Ginn de Black Flag) Alternative Tentacles (por Jello Biafra dos Dead Kennedys), Dischord (por Ian MacKaye e Jeff Nelson dos Minor Threat), X-Claim etc.

A nova comunidade hardcore, aínda considerándose a si mesma como «punk», abandona a estética dos imperdíbeis, da roupa orixinal/estrafalaria feita na casa, a maquillaxe e mesmo as típicas cristas (todos os sinais de identidade que desde os medios se vendían como típicos do punk) para adoptar unha estética nova e sinxela, calzados deportivos en substitución das botas, jeans, camisolas autoeditadas polos grupos musicais e cabezas rapadas ou cortes militares entre os homes.

Ao mesmo tempo, moitos participantes da escena hardcore compartían unha ideoloxía próxima á da primeira xeración anarcopunk que se desenvolvía en Inglaterra. Ambas escenas demostraban unha postura punk nitidamente construtiva (a pesar das referencias pesimistas e agresivas). Inicialmente a actitude mental positiva, en contraposición á típica imaxe do punk, defendida por membros dos Bad Brains daba mostras desta actitude construtiva. Mais foi a postura anti auto-destrutiva da banda Minor Threat, que non consumía ningún tipo de drogas e que foi transformada pouco tempo despois no movemento straight-edge a que gañou forza e se converteu nun dos elementos característicos da ideoloxía do hardcore (se ben, compre aclarar que non todas as persoas que participan do hardcore son Straight Edge). En Inglaterra a primeira xeración anarcopunk defendía cousas parecidas, entre outras cousas, a non-violencia e a liberación animal.

Principais bandas Segundo se defende no libro Our Band Could Be Your Life de Michael Azerrad ou no documental American Hardcore de Paul Rachman (con guión de Steven Blush) as bandas máis importantes e influentes do xénero foron Black Flag, Bad Brains e Minor Threat. Segundo Azerrad, Black Flag serían os "padriños" do movemento; Bad Brains os que estableceron o canon musical introducindo tempos ultra rápidos; e por último, Minor Threat que segundo el sería a banda "definitiva".

Black Flag, formada nos Ánxeles en 1976 polo seu guitarrista e líder Greg Ginn, foi un auténtico tótem na definición do hardcore. Coa súa actitude salvaxe, a súa música agresiva e práctica DIY, foi a banda que tivo un maior impacto, primeiro na área de California, e despois en todos os Estados Unidos. Ao longo das xiras realizadas entre 1980 e 1981 foron sementando por todo o país esta nova forma de entender o punk e foi chave na aparición de máis escenas hardcore.

Bad Brains, formados en Washington DC en 1977, introducen elementos do heavy metal e do reggae (algúns dos seus membros eran e son rastafaris), levando ata o límite os tempos máis rápidos do rock. Tamén actuaron como guías ideolóxicos da escena da capital introducindo o concepto de actitude mental positiva (PMA), concepto de grande influencia. 250px|miniatura|Bad Religion Minor Threat, formados en Washington DC en 1980 das cinzas dos Teen Idles, recollen as leccións aprendidas dos Bad Brains cun son agresivo e veloz. Ao mesmo tempo, introducen un novo concepto, altamente polémico, que vai perdurar e converterse en sinal de identidade de boa parte do movemento hardcore, o straight edge.

Outras bandas importantes dentro deste primeiro hardcore foron:

The Damned, aínda non sendo unha banda hardcore tivo importancia porque segundo Brendan Mullen, fundador do club de punk de Los Angeles, The Masque, na súa primeira xira polos Estados Unidos en 1977 cos seus tempos super acelerados tiveron unha moi boa acollida entre os fans e músicos. Tamén tiveron influencia The Misfits pola súa estética de filme horror que causou sensación entre os fans do hardcore.

En California foron moi importantes os Dead Kennedys, formados en San Francisco en 1978, cun forte compromiso político próximo ás ideas anarquistas, que xa tiñan un sinxelo editado en 1979, o célebre "California Über Alles". Tamén da área da baía de San Francisco son os Crucifix e xa no Sur de California os Circle Jerks ao igual que Middle Class, Youth Brigade, The Adolescents, Bad Religion, Fear, The Germs ou TSOL. Outra banda importante dentro da escena a pesar de facer unha música moi diferente á do resto é Minutemen (formada por D.Boon, Mike Watt e George Hurley).

En Washington DC destacaron tamén bandas como S.O.A., Void, The Faith, Government Issue, Untouchables, Red C, Marginal Man ou Scream.

En Boston a escena estivo moi influenciada polo movemento straight edge que se xestou na capital, porén na cidade adquiriu un carácter intransixente e extremista. De Boston destacaron bandas como SS Decontrol (ou SSD), Gang Green, Jerry's Kids, The F.U.'s, Negative FX, D.Y.S. ou Uncalled 4. 250px|miniatura|Agnostic Front Outro foco importante de hardcore en Norteamérica foi Nova York, a súa escena caracterizouse pola adopción dunha pose de macho hipermusculado. Destacaron bandas como Agnostic Front, Cro-Mags, Reagan Youth, Beastie Boys, Warzone ou Urban Waste.

Outras bandas procedentes de diferentes sitios foron Meat Puppets de Phoenix; Naked Raygun, Strike Under, Articles of Faith, The Effigies e Big Black da área de Chicago; The Undead e Adrenaline OD de Nova Jersey; Negative Approach ou Necros de Detroit; Hüsker Dü de Minneapolis ou MDC (Millions of Dead Cops) desde Austin, Texas.

Ao mesmo tempo no Canadá tamén se participou deste movemento, tanto musical como ideoloxicamente, destacando a cidade de Vacouver (na Columbia Británica) con bandas como D.O.A. e Subhumans, ou outras bandas que sendo doutros lugares do Canadá acabaron por instalarse na cidade, en concreto SNFU (orixinarios de Edmonton, Alberta) e NoMeansNo (orixinarios de Victoria, Columbia Británica).

Europa A pesar de que o termo hardcore se popularizou nos Estados Unidos, Inglaterra tamén desenvolveu, máis ou menos na mesma época, a súa propia versión do estilo. Alí, a finais dos anos 70, bandas como U.K. Subs xa precederon en parte o novo son do punk, mentres que outras, como Crass radicalizaban o discurso político do movemento, anunciando o que estaba por vir e diferenciándose das primeiras bandas británicas como Sex Pistols e The Clash. Tamén resultou unha influencia para o agromar do HC en Inglaterra a New Wave of British Heavy Metal (a nova vaga de heavy metal británico) con bandas como Motörhead.

Pero o punto de inflexión foi o lanzamento do EP Realities of War, de Discharge. Con 4 cancións en 5 minutos e letras curtas sobre guerra e destrución, era o vinilo máis brutal producido ata o momento pola escena musical inglesa. A prensa non entendeu o EP, e a pesar das recensións negativas, o lanzamento influenciou rapidamente a outras bandas que adoptaron música e discursos semellantes. Inicialmente foi Disorder (cuxo primeiro EP Complete Disorder saíu no ano seguinte) e pouco despois Chaos UK, Varukers, Chaotic Dischord e moitas outras.

Algunhas bandas, como Exploited e GBH acostuman ser ligadas ao hardcore británico, pero o son un pouco máis "ortodoxo", menos direccionamento político e unha maior "fidelidade" ao punk dos anos 70 converten a súa clasificación dentro do xénero un pouco problemática.

Ao contrario do que ocorreu nos Estados Unidos, o hardcore inglés radicalizou tanto na música e na política, como na parte visual notándose, neste aspecto, as súas influencias do Oi! ou do street punk.

Como se comentou máis arriba moitas das bandas británicas de Anarco punk como Crass, Icons of Filth, Flux Of Pink Indians ou Rudimentary Peni mantiñan uns presupostos político ideolóxicos próximos aos das bandas de hardcore americano.