David Mella Boullón, nado en Espasande (Teo) o 23 de maio de 2005, é un futbolista galego que xoga como extremo, tanto esquerdo como dereito, no Deportivo da Coruña, da Primeira División. Internacional coas categorías inferiores da selección española, proclamouse campión da Eurocopa sub-19 de 2024 e disputou o Mundial sub-20 de 2025.
Traxectoria
Comezos Fillo da antiga xogadora de baloncesto Chus Boullón (Autopistas Compañía de María, Pío XII) e do antigo futbolista do Deportivo da Coruña Gonzalo Mella, seguiu os pasos do pai, e con 10 anos ingresou na canteira do club coruñés, despois de destacar no Bertamiráns. Foi subindo polas diferentes categorías inferiores do Deportivo, militando habitualmente en equipos de categorías superiores ás da súa idade, e xogou cedido unha campaña no equipo infantil do San Tirso, ao tempo que as súas actuacións lle valían ser convocado habitualmente polas inferiores da selección española.
Deportivo Xuvenil Na tempada 2020/21, aínda en idade cadete, militou no equipo xuvenil adestrado por Óscar Gilsanz, co que se proclamou campión da División de Honra e da Copa de Campións, sendo peza clave na eliminación do Real Madrid nas semifinais e do FC Barcelona na final. No verán de 2021, con 16 anos, xogou un partido amigable co primeiro equipo do Deportivo, ante o Viveiro en Cantarrana. Na seguinte campaña disputou a Liga Xuvenil da UEFA e marcou un gol na vitoria por 5-1 diante do Maccabi Haifa en segunda rolda. Foi un dos xogadores máis destacados na seguinte eliminatoria, o histórico partido ante o Dynamo de Kíiv que congregou a 20.115 espectadores en Riazor, pero no que, con todo, o seu equipo caeu eliminado na quenda de penaltis.
Fabril Á parte da competición europea, xogou a maior parte da tempada 2021/22 co Fabril, co que debutou xa na primeira xornada ante o Racing Vilalbés. Xogou un total de 24 encontros co filial, no que volveu ter como técnico a Gilsanz, e disputou sen éxito a fase de ascenso a Segunda División RFEF. Na tempada 2022/23 pasou varios meses lesionado, pero pechou a tempada dándolle ao Fabril o título de campión de Terceira, despois de marcar o gol da vitoria na derradeira xornada diante do Barco en Calabagueiros.
Deportivo da Coruña Un mes despois do ascenso abríronselle as portas do primeiro equipo, co que debutou en partido oficial o 20 de maio de 2023, tres días antes de cumprir os 18 anos. Foi na 37ª xornada da Primeira División RFEF, diante do Algeciras en Riazor, no regreso ao banco coruñés de Rubén de la Barrera trala destitución de Óscar Cano. Entrou ao campo na segunda parte, como substituto de Yeremay, nun partido que o Deportivo venceu por 4-0. Na seguinte xornada, a derradeira da liga regular fronte ao Pontevedra en Pasarón, foi titular no ataque coruñés xunto a Yeremay e Lucas Pérez.
Na tempada 2023/24 continuou con ficha do Fabril, pero pasou a formar parte do primeiro equipo. Na segunda xornada de liga marcou o segundo dos tres goles do seu equipo ante o Lugo no Anxo Carro, converténdose no segundo goleador máis novo da historia do Deportivo en categorías nacionais (con 18 anos, 3 meses e 10 días), só por detrás de Marcos Vales. Aínda que perdeu varias xornadas por unha fractura no nariz e varios problemas físicos, as súas destacadas actuacións convertérono en peza fundamental do ataque do equipo coruñés e no novo ídolo da afección do Deportivo. No mercado invernal pasou a ter ficha do primeiro equipo, co dorsal número 3. Pechou a súa primeira campaña completa no primeiro equipo cun total de 33 partidos e 9 goles, contribuíndo ao título de campións e ao ascenso á Segunda División.
O seu rendemento chamou a atención de varios clubs e no verán de 2024 o propio xogador rexeitou unha oferta do Brighton, que estaba disposto a pagar a súa cláusula de rescisión para levalo á Premier League. Na tempada 2024/25 debutou na categoría de prata, rendendo a un gran nivel especialmente na primeira metade da liga. Na segunda parte da competición o desgaste físico levouno a baixar levemente as súas prestacións e finalmente a unha rotura muscular en abril, que puxo fin á súa tempada. O balance da súa primeira campaña no fútbol profesional foi de 35 partidos, 32 deles como titular, 6 goles e 5 asistencias.
Na tempada 2025/26 adoptou un papel menos ofensivo nas aliñacións de Antonio Hidalgo, chegando a xogar incluso de lateral. Anotou cinco goles e rendeu a un bo nivel ata que unha lesión de xeonllo en marzo o obrigou a pasar polo quirófano e puxo fin á súa campaña. Deste xeito tivo que ver dende as bancadas como os seus compañeiros conseguían o ascenso á Primeira División.
Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 2026/27 contra o Elche en Riazor, substituíndo na segunda metade a Mario Soriano. Ese mesmo día cumpriu 100 partidos co primeiro equipo do Deportivo.
Selección nacional Habitual durante anos nas categorías inferiores da selección galega, en 2020 debutou coas inferiores da selección española, nun partido do equipo sub-15 diante de Irlanda. Entre 2021 e 2022 xogou 15 partidos coa selección española sub-17 e participou no Campionato Europeo da categoría, marcando un gol ante Serbia. En 2022 debutou coa selección española sub-18 contra Turquía en Karacabey.
En xaneiro de 2024 debutou coa selección española sub-19, nun encontro amigable ante Italia en Manzano, na rexión de Friúl-Venecia Xulia. Tras un segundo amigable ante Noruega, disputou a fase de clasificación para o Campionato Europeo sub-19, asinando boas actuacións. Foi convocado por José Lana para a fase final do torneo, que se disputou en Irlanda do Norte, participando en todos os encontros da selección española e sendo titular en todos agás un. Repartiu dúas asistencias, unha delas na final que xogou contra Francia en Windsor Park, dando o pase que Iker Bravo converteu no primeiro gol. O equipo español gañou por 2-0 e proclamouse campión europeo sub-19 por 12ª vez.
En setembro de 2025 foi convocado por Paco Gallardo para a disputa do Mundial sub-20 en Chile. Debutou no torneo no primeiro partido, xogando como titular ante Marrocos, e participou nos outros catro partidos de España no Mundial, saíndo en todos eles dende o banco de suplentes. Sumou un total de 139 minutos, ata que o equipo español caeu eliminado nos cuartos de final contra Colombia.
Palmarés Deportivo da Coruña Primeira Federación (1): 2023/24.
Selección española sub-19 Campionato Europeo Sub-19 (1): 2024.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda Federación e Final de campións de Primeira Federación.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFabril2021/223º RFEF241--102512022/233º RFEF123----1232023/242º RFEF10----10Total club3740010384Deportivo da Coruña2022/231ª RFEF 2 0 00-- 202023/241ª RFEF 29 6 222 1 3392024/25Segunda34610--3562025/26Segunda25540--295Total club901772219920Total carreira 127 9 723 1 13824
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en Teo Categoría:Nados en 2005 Categoría:Futbolistas de Teo Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19