Antònia Fontanillas Borràs, nada en Barcelona o 29 de maio de 1917 e finada en Dreux (Francia) o 23 de setembro de 2014, foi unha militante anarcosindicalista e loitadora antifranquista catalá.

Traxectoria Era filla de Josep Fontanillas Rion e Maria Borràs Saperas e neta de Francesca Saperas i Miró e Martí Borràs i Jover, todos eles militantes da CNT. En 1925, con oito anos, emigrou a México coa familia, mais volveu a Cataluña tras ser expulsado do país o seu pai. En 1934 empezou a traballar nunha litográfica e afiliouse á CNT (da que en 1936 foi elixida delegada da sección de Artes gráficas) e ás Juventudes Libertarias. Cando estalou a Guerra civil española tentou alistarse ás milicias confederais no desembarco de Mallorca, mais acabou traballando como administrativa para o periódico Solidaridad Obrera.

Ao acabar a Guerra civil española quedou en Barcelona. Militou de xeito clandestino nas FIJL e a CNT e mesmo imprimiu polo menos 14 números de Solidaridad Obrera na súa casa entre xaneiro e novembro de 1945. O 7 de novembro de 1945 foi desmantelada a imprenta e Fontanillas, xunto con outros militantes, foi detida e interrogada, mais quedou en liberdade esa mesma noite. Continuou colaborando baixo diversos pseudónimos, como «Una joven libertaria» ou «Alba», no diario clandestino Ruta (1946-1948) e foi responsábel das relacións entre os presos e o seu avogado.

Cando o seu compañeiro Abel Paz foi liberado da prisión en 1953, marcharon a Francia e estabelecéronse primeiro en Brezolles e o ano seguinte en Clermont-Ferrand. Nesta cidade militou activamente na CNT e o Movemento Libertario Español e foi responsábel do Boletín Ródano-Alpes (1956-1961) con Alejandro Lamela e Abel Paz, á vez que colaboraba con Quico Sabaté. En 1957 foi unha das responsables do Boletín Rexional FIJL onde colaborou nos campamentos anuais organizados polas Mocidades Libertarias de Francia e España. En 1958 separouse de Abel Paz e marchou co seu fillo a Dreux, onde en 1960 se uniu a Antonio Cañete Rodríguez. Colaborou nun grupo de teatro e editou Surco (1966-1967) en castelán, francés e esperanto.

Tras a morte de Franco participou nos congresos da CNT entre 1979 e 1983 e nos da Confederación Xeral do Traballo (CXT) entre 1983 e 1997. Participou en numerosas conferencias, exposicións, xornadas e presentacións de libros en España, Francia, Italia e Luxemburgo. En outubro de 2007 participou nunhas xornadas da CXT sobre o movemento Mujeres Libres. Tamén formou parte do Centre International de Recherches sur l'Anarchisme.

Colaboracións Fontanillas colaborou baixo diferentes pseudónimos («Tona», «AF Borrás» e outros) en numerosas publicacións. Algunhas delas son Action Libertaire, Anthopos, Boletín Amicale, Boletín Ródano-Alpes, Le Combat Syndicaliste, Confrontaciones, Espoir, Mujeres Libertarias, El Chico, Nueva Senda, Rojo y Negro, Ruta, Surco e Volontà. Participou ademais no número especial do centenario de Solidaridad Obrera (n. 334 de maio de 2007) editado pola CNT.

Recoñecementos

2014: Antonia Fontanillas Borràs (1917-2014), semejanza en imágenes y documentos. Exposición e homenaxe na Biblioteca Pública Arús (Barcelona) 2018: Mural feminista La unión hace la fuerza, no barrio madrileño de La Concepción. Antònia aparece representada xunto con outras 14 mulleres.

Obras

Testigo sobre Germinal Gracia (1992, inédito), Desde uno y otro lado de los Pirineos (1993, inédito) Francisca Saperas (1995, inédito) De lo aprendido y vivido (1996) Mujeres Libres. Luchadoras libertarias (1998) Lola Iturbe: vida e ideal de una luchadora anarquista (2006, con Sonya Torres)

Escribiu unha introdución para o libro de Víctor García Contribución a una biografía de Raúl Carballeira (1961). O seu testemuño aparece no libro Clandestinidad libertaire en Espagne: la presse (1994). Colaborou na preparación dunha antoloxía sobre Luce Fabbri, La libertad entre la historia y la utopía (1998).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Vídeo de Antònia Fontanillas Biografía de Antònia Fontanillas

Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1917 Categoría:Finados en 2014 Categoría:Anarquistas de Cataluña Categoría:Exiliados do franquismo Categoría:Anarcosindicalistas