O Club de Baloncesto Dorna ou CB Dorna é un club deportivo de baloncesto base e sénior, fundado na década de 1980. É unha sección da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, e un dos referentes deportivos na Illa de Arousa.
Historia Anos 80 A historia do club comezou en 1985, no mesmo ano en que se inaugurou a ponte da illa de Arousa. A mediados desa década dos 80, os partidos xogábanse ao aire libre, incluso nos meses de inverno, nunha pista situada na praza do Regueiro arousá. A primeira participación oficial nun campionato comezou na tempada 1986-1987.
Anos 1990 Na década de 1990, o club trasladouse ao Pavillón do Pombal, permitindo un contorno máis estábel para adestrar e competir. O equipo cadete logrou por primeira vez a clasificación para a Liga Galega en 1992. Durante este período, o equipo sénior gañou renome e foi alcumado "a Cibona da Arousa", con figuras destacadas como Manel Vázquez e o adestrador Ramón Suárez, médico e antigo xogador do CB Zaragoza.
Década de 2000 Despois dunha caída no número de xogadores en todas as categorías desde o ano 1998, o número de federados volveu medrar a partir do 2004. Durante a década de 2000, o club continuou consolidando a súa participación no baloncesto galego con máis de cen xogadores e xogadoras nas distintas categorías.
Década de 2010 No ano 2018, o CB Dorna celebrou o debut e o éxito do equipo sénior feminino, que gañou o campionato da liga na súa primeira tempada, ascendendo á Primeira División Autonómica. Este equipo estaba adestrado por Nacho Rebollo, sobriño de Alberto Blanco (adestrador da selección de baloncesto de Mozambique na década de 2000, e tamén xogador do CB Dorna nos anos 90).
Entre os xogadores da historia do club destacan entre outros Eloy Poza, que gañou co CB Dorna a Copa Deputación e participou tanto nas categorías base da Selección Galega como na Selección Española de xogadores con discapacidade auditiva. Eloy é fillo de Víctor Poza, un dos referentes do Dorna nos anos 90 e anos 2000, década na que tamén foi directivo do club.
Década de 2020 Desde mediados da década de 2010, o Dorna comparte o pavillón e a categoría co C.B. Illa de Arousa, outro equipo arousán que foi formado por algúns xogadores locais, pero con maioría de xogadores de fóra da illa. Durante a tempada 2020-2021, o club decidiu non participar nas competicións oficiais debido á pandemia de Covid. Na tempada 2021-2022, comezaron xogando con máscaras.
O club organiza tamén distintos campus, encontros e convivencias con outros equipos, e unha 'training week' no verán.
Notas
Véxase tamén ACD Dorna
Ligazóns externas
Paxina do club en Facebook
Categoría:Equipos de baloncesto de Galicia Illa de Arousa Categoría:Baloncesto de Galicia sen imaxes Categoría:Deporte na Illa de Arousa