Roberto José Álvarez Carrero, nado na Guarda o 3 de setembro de 1973, máis coñecido como Roberto Carrero, é un avogado, profesor e político galego do PPdeG, alcalde da Guarda e deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra desde o 2023..
Traxectoria
Primeiros anos e formación Realizou os seus estudos no Colexio Padres Somascos da Guarda. Ingresou no Seminario San Paio de Tui e continuou os seus estudos no Colexio Marista Santa María de Tui e no IES San Paio de Tui ata a etapa universitaria, na que pasou ó Seminario Maior San Xosé de Vigo.
Licenciouse en Ciencias Eclesiásticas (Filosofía-Teoloxía) pola Universidade Pontificia Comillas (1998), en Teoloxía (especialidade en Teoloxía Práctica) pola Universidade Pontificia de Salamanca (2002) e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid (2006). Realizou cursos de doutoramento na Universidade Pontificia de Salamanca (2007-2008) desenvolvendo varios traballos de investigación sobre os Concilios de Braga dos séculos VI-VII. Así mesmo, completou a súa formación con diversos cursos tanto en España como en Europa e no estranxeiro, entre os que destacan os realizados na Pontificia Universidade Gregoriana (Italia), no Instituto Español Arqueolóxico de Xerusalén (Israel), na Universidade Pontificia de Salamanca ou na Universidade Rei Xoán Carlos.
Carreira profesional Traballou en diferentes ámbitos para a Igrexa católica, na que exerceu como crego o ministerio sacerdotal entre 1998 e 2009 na Diocese de Tui-Vigo, ano no que deixou o ministerio para secularizarse. Asemade, foi profesor de Filosofía da Relixión e Metodoloxía Científica no Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Agustín de Vigo, dependente da Universidade Pontificia de Comillas (2002-2010), e tamén no Colexio Marista Sta. María de Tui (2003-2006). Foi avogado do Ilustre Colexio de Avogados de Vigo de 2008 a 2012 e do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra desde 2012. Na actualidade exerce como avogado e combina o exercicio profesional da avogacía coa docencia no Colexio PP Somascos-Fundación Educere da Guarda, onde é profesor de Relixión e Cultura Clásica desde 2019.
Na súa estadía en Madrid viviu na residencia de opositores León XIII e nos colexios maiores da Fundación Pablo VI onde afianzou o seu interese pola política desde a perspectiva humanista do cristianismo, a democracia cristiá e a doutrina social da Igrexa.
En abril do ano 2014, nun proceso penal no que actuaba como letrado defensor dun brigada da Garda Civil, foi agredido brutalmente á saída dos xulgados de Tui pola familia do chamado rei dos xitanos de Galicia, contrarios no proceso penal, e sendo ingresado polas lesións sufridas na UCI do hospital do Meixoeiro de Vigo durante catro meses. Carreira política O primeiro contacto que tivo coa política foi da man do seu tío, concelleiro na Guarda e sobriño político do alcalde da Guarda por Alianza Popular e polo PPdeG, Manuel Díaz González "Ligero". Sendo crego, e a pesar da prohibición de militancia política do dereito canónico, afiliouse coma militante do PPdeG no ano 2005.
Nas eleccións muncipais do ano 2015, foi incluído na lista do PPdeG á alcaldía da Guarda como nº 3 resultando elixido concelleiro en xuño de ese ano. En maio do ano 2018 foi elixido presidente e portavoz do Partido Popular da Guarda por aclamación da militancia nun congreso local. Dende novembro do mesmo ano, é membro da Executiva provincial do PP de Pontevedra e, dende setembro de 2021, coordinador do PP de Pontevedra para a comarca do Baixo Miño.
Encabezou a candidatura das eleccións municipais do ano 2019 na Guarda e, malia ser a formación máis votada, non conseguiu gobernar por un pacto entre o PSdeG-PSOE e o BNG que se rompeu aos 4 meses.
En maio de 2022, Alfonso Rueda Valenzuela nomeouno membro do Comité Executivo do PP de Galicia por designación presidencial.
Repetiu como candidato á alcaldía da Guarda nas eleccións municipais do ano 2023 e acadou 8 concelleiros dos 17 que conformaban a corporación municipal, sendo elixido alcalde da Guarda en minoría e recuperando a alcaldía para o PPdeG despois de dezaseis anos. Ao mes de ser investido alcalde, logrou pactar un goberno estable co único concelleiro que tiña na corporación municipal o partido de Espazo Común.
En xuño do ano 2023 foi elixido deputado provincial na Deputación de Pontevedra polo partido xudicial de Tui con responsabilidade de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da institución provincial, así coma director da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Minho (AECT Río Minho) con sede en Valenca de Minho (Portugal) ata o relevo institucional na dirección por parte da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho
Polémicas En agosto de 2019 publicouse unha fotografía súa co presidente nacional de Vox Santiago Abascal, a cal supuxo críticas por parte doutros partidos que denunciaron a complicidade dos dirixentes do PP galego coa formación de AbascalLas vacaciones de Abascal en Galicia arrecian el debate.
En decembro de 2023 destapouse que cobrou uns 3 800 euros en dietas da Deputación que non lle correspondían, ante o cal alegou que fora un cobro erróneo e devolveu as cantidades percibidasEl diputado del PP Roberto Carrero cobró casi 4.000€ de la Diputación que no le correspondían. Así mesmo, os departamentos de tesourería e intervención da Deputación de Pontevedra confirmaron a versión do deputado e aseguraron que se tratara dun erro administrativo por parte dos servizos provinciais da deputación. O asunto foi tamén resolto contundentemente mediante declaracións públicas do sindicato CC.OO da Deputación de Pontevedra onde constatan a boa fe do deputado guardés, confirman o erro da administración provincial e acusan de manipulación ao PSOE provincial, para confundir á cidadanía e desgastar politicamente ao deputado guardés .
Vida persoal Está casado e ten unha filla.
Publicacións La limitación del Esfuerzo Terapéutico (LET) (Universidad Pontificia de Salamanca- Instituto Superior de Pastoral, Madrid 2002) "Ley natural e historia en el cristianismo: recorrido histórico desde los orígenes hasta la Escolástica Española", en Telmus: anuario del Instituto Teológico San José 7-8 (2016) "Los concilios de Braga como antecedentes de los Concilios Toledanos", en Telmus: anuario del Instituto Teológico San José 7-8 (2016) "Metrópolis y obispados en la Gallaecia hispánica de los Concilios Suevos de Braga", en Telmus: anuario del Instituto Teológico San José 11 (2018) "Tipologías parroquiales del Noreste Peninsular en la época de los Concilios Bracarenses de los siglos VI-VII", en Telmus: anuario del Instituto Teológico San José 12-13 (2019-2020) "La vida y disciplina del Clero en los Concilios Ibéricos de los siglos IV-V", en Telmus: anuario del Instituto Teológico San José 14 (2021)
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Eleccións municipais na Guarda
Categoría:Alcaldes da Guarda Categoría:Nados na Guarda Categoría:Nados en 1973 Categoría:Avogados de Galicia Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alumnos da Universidade Pontificia Comillas Categoría:Alumnos da Universidade Pontificia de Salamanca Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid