A Casa da Moeda de Popayán, denominada orixinalmente como Casa do Tesouro Real de Popayán, foi unha casa de moeda da monarquía española en América establecida a mediados do século XVIII en Popayán polo aristócrata español Pedro Agustín de Valencia, pai do primeiro Conde de Valencia.
Desde o seu establecemento e ata o seu pechamento en 1821, foi a entidade que regulou a cuñaxe e a exportación de moedas de diversos metais en gran parte das Reais Audiencias de Quito e Santafé, e as moedas producidas nela amosaban as marcas de ceca P, P.N e PN.
As instalacións non se dedicaron en exclusiva á cuñaxe de moeda, senón que ao ser unha fundidora con recoñecida sona en toda a rexión, foi a responsable tamén de obxectos como reixas, varandas para balcóns e adobíos relixiosos para a imaxinaría da Semana Santa en Popayán. Así mesmo, foi a sede do obradoiro de ourivaría da Escola Payanesa de Arte.
En 1956, a República de Colombia conmemorou o 200 aniversario da Casa da Moeda de Popayán coa emisión dunha moeda de prata co valor facial dun peso, que reproduce no seu reverso a porta principal do edificio da antiga ceca."1 Peso Casa de la Moneda Popayán". Numista.com
Historia
Antecedentes Logo da apertura do porto de Buenaventura e a construción do Camino Real Español, que viña desde San Francisco de Quito e se dirixía cara a Santafé de Bogotá, Popayán puido expandir tanto a súa poboación como a súa infraestrutura, necesaria para o novo papel de centro económico de comercio que estaba a tomar a cidade, sobre todo coas primeiras escavacións en minas próximas como as do Chocó, Barbacoas, Raposo, Caloto e Almaguer, que inundaron a urbe de ouro, prata e pedras preciosas. O único problema que xurdiu con esta bonanza foi que cumpría render contas e enviar o recadado á Casa da Moeda en Bogotá, a máis de 500 quilómetros de distancia, dado que era a máis próxima e a única en toda a rexión. Por tal motivo, a provincia de Popayán non tiña un control real dos seus recursos mineiros e tampouco se beneficiaba moito deles.Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxinas 103-108.
Consecuentemente, desde os inicios do século XVII xa se viñan xestando ideas de lle solicitar ao rei de España o permiso para establecer a súa propia casa de moeda. No entanto, estes plans nunca chegarían a florecer, tendo en conta, por unha banda, o gran risco de sismicidade da cidade, que afectaba as técnicas de construción utilizadas adoito na rexión, e por outra a Guerra de Sucesión Española, que ao cambiar de dinastía deixou cambaleando politicamente o Imperio Español.
Século XVIII: fundación miniatura|Pedro Agustín de Valencia, fundador e tesoureiro da Real Casa da Moeda de Popayán. Óleo (1780). Museo Nacional Guillermo Valencia.
Así e todo, a comezos do século XVIII retomouse aínda con máis forza a idea de lle conceder autonomía a Popayán no manexo dos seus recursos, e nesta época tamén tomou máis relevancia a dinastía da Casa de Valencia, orixinaria desa cidade española e descendente da antiga nobreza castelá do século XIII.Quintero Guzmán, M. W. (2006). Linajes del Cauca Grande: fuentes para la historia. Tomo II. Universidad de los Andes. Bogotá. Páxina 784-786.Arboleda Valencia, H. (1981). Familia Valencia en Descendencia española de algunas familias colombianas. Editorial de la Universidad del Cauca, Popayán. Páxinas 41-73.
Un dos membros máis destacados desta familia foi Pedro Agustín de Valencia y Fernández del Castillo, o terceiro dos catorce fillos de Pedro de Valencia y Aranda, oriúndo de Málaga, e a popayanesa María Josefa Fernández del Castillo.Arboleda, G. (1962). Diccionario Biográfico y Genealógico del Antiguo Departamento del Cauca. Bogotá. Páxina 449. O pai de Pedro Agustín chegara ás Indias Occidentais en 1695 e establecérase ese mesmo ano en Popayán, cidade da cal chegou a ser alcalde ordinario en dúas ocasións e na que contraeu matrimonio o 30 de xullo de 1703. E foi precisamente o pai quen, en 1725, enviara diversas misivas a Filipe V para conseguir a súa aprobación co pretexto de "evitar a extracción clandestina que se facía en pasta e po de ouro que producen aquelas provincias con motivo da distancia de Santafé".Real Cédula dada en El Pardo a 17 de enero de 1788 por el Rey de España al Sr. Gobernador y Capitán General del Nuevo Reino de Granada y Presidente de la Real Audiencia de Santafé. Centro de Investigaciones Históricas José María Arboleda Llorente Universidad del Cauca, Popayán.
En 1726, algunhas personalidades de Popayán, sinaladamente comerciantes e mineiros, insistiron na solicitude ao rei de España da apertura dunha casa de moeda na cidade, e tamén a Audiencia da Cidade de Quito informou o rei en 1728, para lle facer ver o útil e conveniente que resultaría a creación da devandita casa de moeda en Popayán.Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxinas 103-105.
Mediante a Real cédula do 29 de xuño de 1729, o monarca autorizaba a solicitude de Popayán e daba luz verde á erección dunha casa de moeda nesa cidade, mais a boa nova non se puido levar a termo como o estipulaba a Coroa, por diversos motivos. Por unha parte había insuficiencia de fondos nas arcas locais; por outra, a pugna existente entre Valencia e o tesoureiro de Santafé,Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxina 105. Juan José Prieto, polo bloqueo por parte deste para a continuación do proxecto, temendo unha perda na hexemonía de Bogotá en detrimento de Popayán; e a maiores destas trabas, o 2 de febreiro de 1736 ocorreu un devastador terremoto que case borrou a cidade do mapa. Así e todo, o rei Fernando VI nomeou a Pedro Agustín como tesoureiro propietario da Casa da Moeda de Popayán o 15 de agosto de 1749, polo que se retomaron de inmediato as obras para a construción das instalacións da nova institución, que chegaran a comezar previamente en 1729. Este proxecto sería financiado polo propio Valencia, que destinou boa parte da súa fortuna para iso, e con planos do arquitecto español Antonio García."La Ceca de Popayán". Enumismatic.com
Pasados algúns anos, o 26 de novembro de 1746 constiuíuse unha representación para expor a necesidade de erixir a casa da moeda, e mediante a Real Cédula do 15 de agosto de 1749 concedéuselle a pertinente licenza a Pedro Agustín de Valencia y Fernández del Castillo para construír e abrir ás súas expensas a devandita institución, da que el mesmo foi nomeado para o cargo de tesoureiro, con carácter hereditario, e autorizado para nomear o resto dos postos da ceca.
miniatura|Debuxo do edificio da ceca de Popayán.
Para a localización da futura casa de moeda, Pedro Agustín Valencia comprou aos franciscanos uns terreos contiguos á derruída igrexa dos Frades Menores, que xa tiñan desde o século XVI o Mosteiro de Nuestra Señora de las Gracias (actual Hotel Dann Mosteiro), mentres que a parte occidental na zona da esquina contigua á saída de Popayán cara a El Tambo, coñecida daquela como Portazgo Real de Occidente, foi disposta para a construción do edificio, cuxas obras se retomaron cara a maio de 1752, para o que se levaron desde Europa os máis modernos instrumentos que se podían dispor na época para un establecemento de cuñaxe, entre eles cuños, prensas de volante grandes e pequenas, e cerámica. En primeira instancia terminouse un edificio amplo de dúas plantas conforme as habituais técnicas construtivas daquela na rexión, cunha porta en cantaría para enmarcar o portón principal; contaba tamén con varandas nos balcóns do segundo andar e un frontón triangular sobre a entrada. No seu interior tiña salas dedicadas á fundición dos metais valiosos, e no exterior posuía tamén varios patios empedrados que eran flanqueados por pilastras en todos os seus lados.
Durante as obras viuse a necesidade de suplir a falta de recursos de auga para todas as actividades de fundición e cotiás das instalacións. Ata entón, o principal sustento acuífero para a poboación eran os ríos Molino e Ejido, polo que Pedro Agustín Valencia financiou a construción dun acueduto privado que levaría a auga desde o Cerro de la Eme ou das Tres Cruces ata a ceca, o primeiro dunha serie coa que se ampliaron as redes de abastecemento para toda a cidade.
miniatura|Escudo de 1759 a nome de Fernando VI (marca de ceca P·N no exergo do reverso).
Finalmente, logo de ultimarse todos os detalles da súa instalación, a ceca entrou en funcionamento o 31 de xaneiro de 1758,Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxina 106. e realizou a súa primeira cuñaxe de moeda o 8 de febreiro dese mesmo ano; tratouse dunha peza de dous escudos de ouro do rei Fernando VI. Pola súa banda, a primeira onza (oito escudos) foi expedida o 6 de abril, a primeira media onza (catro escudos) o 8 de ese mesmo mes e, finalmente, o 24 cuñouse un escudo.
A finais do século XVIII, a continuidade da Real Casa de Moeda en Popayán foi suxeito dunha gran polémica por mor do interese de Santafé de Bogotá por manter a hexemonía en todo o Vicerreinado de nova Granada, tanto no ámbito político como no económico, Temíase que a ceca de Popayán afectase dalgún xeito a Real Facenda, e iso motivou que o rei Carlos III ditase unha real cédula o 16 de novembro de 1761 pola que ordenaba que a ceca cesase indefinidamente as súas funcións. Así e todo, as queixas e as reclamacións non só por parte da cidade de Quito senón por toda a Real Audiencia fixéronse escoitar, pedindo a súa reapertura, dado que a Real Audiencia era suplida pola Ceca de Popayán debido á súa proximidade. Consecuentemente, promulgouse unha nova real cédula, o 23 de agosto de 1766, pola que se determinaba o reinicio das actividades a partir do ano seguinte.
Uns anos despois, o Consello de Indias, mediante unha resolución tomada o 11 de maio de 1770 e feita pública o 16 de xuño dese mesmo ano, cumpría unha real orde pola que pasaba a incorporarse á titularidade da Coroa española a Casa da Moeda de Popayán, que ata o momento fora explotada desde a súa fundación por Pedro Agustín Valencia, para quen se estableceu unha indemnización polos gastos que este asumira de construción e posta en funcionamento da entidade, e para quen se reservaría vitaliciamente o posto de tesoureiro no novo status da entidade, cun soldo asignado de 2.050 pesos anuais. O cambio de titularidade deuse formalmente o 12 de setembro de 1770, e o 25 de setembro de 1772 nomeouse como superintendente da ceca real o gobernador de Popayán, o coronel Juan Antonio de Zelaya y Vergara.Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxina 107.
Século XIX Nos derradeiros anos do século XVIII e nos inicios do XIX, a produción de moedas era constante e mesmo se abriu unha escola para o ensino dos oficios relacionados coa cuñaxe e tamén un obradoiro de ourivaría no que se confeccionaron varias pezas de xoiaría e complementos para os pasos das procesións de Semana Santa. Varias das varandas e outros elementos de ferro que forman hoxe parte das fachadas coloniais do centro da cidade foron elaboradas tamén na casa da moeda, como encarga das familias aristocráticas. Este efémero período de esplendor económico comezou a esvaecerse logo da invasión napoleónica de España e o exilio da familia real borbónica, cando nas colonias americanas comezaron distintas sublevacións contra o non recoñecido reinado de Xosé I Bonaparte.
miniatura|Cuarto de real cuñado en 1816 polos realistas (marca de ceca PN á esquerda do castelo).