Gloria Lijó Cacharrón, nada en Castiñeiras (Ribeira) en 1944, é unha mariñeira e nadadora galega. Foi a primeira galega en enrolarse nun barco de pesca de altura.
Traxectoria Naceu nunha familia de mariñeiros. Casou aos 18 anos, cun mariñeiro. Traballou nas conserveiras Nafonso, Vaquero e Briz, en Ribeira. Cando tiña 27 anos o seu pai enfermou, polo que embarcou por primeira vez para traballar de camareira nun petroleiro noruegués, posto que desempeñou durante 12 anos. Cando regresou a Galicia, co diñeiro aforrado comprou varios barcos, mais en cinco meses dous deles afundiron, o que a deixou nunha mala situación económica. Aos 47 anos enrolouse en Ribeira no palangreiro O Baloquento, sobrenome polo que se coñecía ao seu sogro, xunto co seu marido e outros 12 mariñeiros. Pescou durante cinco anos no caladoiro canario subsahariano.
Non aprendeu a nadar ata que deixou de navegar, con 59 anos. Competiu en campionatos nacionais e internacionais de natación, chegando a gañar varios deles. Participou nun campionato do mundo de natación na Universidade Stanford no que logrou o posto 22 entre 19.000 nadadores. Entre 2005 e 2009 foi campioa de Galicia e de España de veteranos e cuarta de Europa. Bateu 15 marcas de natación.
Recoñecementos
Recibiu un premio da Universidade de Santiago de Compostela que a recoñeceu como muller "pioneira". Notas
Categoría:Nadadores de Galicia Categoría:Nados en Ribeira Categoría:Nados en 1944 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes