Urbino é unha cidade italiana situada na rexión das Marcas. É capital, xunto con Pesaro, da Provincia de Pesaro e Urbino. O seu termo municipal ten unha poboación de 15.441 habitantes.

Toponimia O nome de Urbino provén da súa forma latina, Urvinum Metaurensis. A primeira parte deriva do latín urvus, que significa reixa do arado, e fai referencia á silueta do promontorio sobre o que sitúa a cidade. A segunda parte deriva do nome do río Metauro, e distinguía a cidade de Urvinum Hortense, outra poboación existente no interior de Umbría, preto de Collemancio.

Historia

Orixe O territorio entre os vales do Foglia e o Metauro coincide aproximadamente co que na Idade de Ferro era coñecido como Picenum. Estaba habitado por pobos guerreiros dos que se sabe que coñecían a olería, enterraban ós seus mortos e, xa na época do Imperio Romano, practicaban a manufactura do ámbar, que importaban dende a outra beira do mar Adriático. As prospeccións arqueolóxicas proporcionaron evidencias de que no lugar ocupado actualmente por Urbino houbo un asentamento xa no século IV a.C., coincidindo máis ou menos co posterior asentamento romano.

A orixe da cidade de Urbino é controvertida. Segundo Plinio o Vello, foi fundada polos umbros no século VI a.C., e invadida polos etruscos, os celtas e os galos senones antes da súa ocupación polos romanos no 283 a.C.

Cidade romana A primeira mención da presenza dos romanos na zona é a batalla de Sentino (preto de Sassoferrato), no 295 a.C., cando estes derrotaron ós galos senones coa axuda dos picenos e estableceron unha colonia en Senigallia (Sena Gallica). Pouco despois, no 269 a.C. os romanos iniciaron unha campaña contra os propios picenos e fundaron unha nova colonia en Rimini (Ariminum). No 207 a.C., no curso das Guerras Púnicas, Asdrúbal Barca cruzou os Alpes e viaxou cara ó sur para encontrarse co seu irmán Haníbal seguindo o río Metauro, pero foi interceptado polas tropas romanas tras seren interceptadas as súas comunicacións con Haníbal. Tras esta vitoria, Roma incrementou a súa presenza na zona coa fundación de Pesaro (Pisaurum) o 184 a.C..

A Urvinum romana erguíase sobre un único outeiro e era máis accesible dende á súa parte norte. As murallas da cidade romana foron construídas entre os séculos III e II a.C. circundando o outeiro. Constaban de lenzos de opus quadratum formados por grandes perpiaños de travertino local en ringleiras paralelas aparelladas a xunta seca. Todos os estudos arqueolóxicos coinciden en facer coincidir o cardus co eixo ó longo do cal se desenvolven os espazos artellados arredor da praza do palacio ducal. Debido á escasa presenza da administración romana na zona, no ano 46 a.C., durante o consulado de Xulio César, Urvinum Metaurensis foi elevada a rango de municipium. Isto significaba que se lle concedía ampla autonomía para gobernarse en materia de comercio e asuntos relixiosos, a cambio de recadar impostos para a República e prover de tropas para as súas lexións. Ademais os seus habitantes gozaban da cidadanía romana. A cidade converteuse nun importante centro administrativo e foi dotada de numerosos edificios públicos: un teatro do século I a.C., unhas termas do período republicano, un acueduto do século II a.C., unha basílica e un templo. Ó final do período republicano existía xa unha área de crecemento da cidade fóra do recinto amurallado pola súa banda norte, onde se teñen atopado os restos dunha cisterna.

Procopio fala da capacidade defensiva de Urbino, estratexicamente situada dentro da provincia, que estaba flanqueada polos ríos Foglia (Pisaurus) e Metauro (Metaurus), que nacendo nos Apeninos desembocaban en Pesaro (Pisaurum) e Fano (Fanum). Unha vía romana corría ó longo do Foglia dende Pesaro ata o val do río Tíber, cruzando os Apeninos polo paso de Viamaggio. Unha segunda vía, a Vía Flaminia, foi construída por Gaius Flaminius no ano 220 para unir Roma coa costa leste de Italia á altura de Rimini, pasando por Fossombrone (Forum Semprionii) e o paso de Bocca Trabaria.

Segundo Procopio de Cesárea, a cidade contaba só cun acceso, que se atopaba na banda norte do recinto murario, e que se supón coincidente co trazado da actual vía Lavagine:

No século V o emperador Teodorico estableceu en Urbino un destacamento permanente, que tivo que ser suprimido para que as tropas de Xustiniano puidesen avanzar sobre Rimini e Rávena. Tras a caída do Imperio Romano de Occidente pasou a ser sede dun forte presidio militar dos godos. Esta localización, defendida por dous mil soldados, foi ocupada polo xeneral bizantino Belisario no 538 despois dun longo asedio. Na Alta Idade Media tanto as muralas romanas como o trazado da cidade deberon de manterse intactos. O eixo da vía Lavagine mantiña a súa preponderancia, non só a causa dunha maior accesibilidade do seu trazado, senón tamén porque a través dela se accedía dende os camiños que comunicaban con Rimini e Rávena, máis importantes que os que levaban a Roma.

Idade media

Forma urbana miniatura|dereita|250px|Urbino na idade Media.

Na Alta Idade Media as murallas romanas e as estruturas adxuntas permaneceron intactas. O sector oeste da cidade mantivo o seu perfil empinado, talvez máis pronunciado que na actualidade. Na época romana nesta zona concentrábanse o foro e todos os edificios máis representativos da cidade, tanto relixiosos como seculares. Este patrón mantívose ata a época medieval, na que foron substituídos polos edificios representativos do novo poder político e relixioso, como a catedral e o Palacio Ducal.

Na época medieval apareceron tecidos de crecemento da cidade en forma de burgos, algúns nas inmediacións do recinto amurallado existente, sobre as abas do outeiro ocupado pola cidade, e outros nas pendentes do outeiro contiguo, polo que se accedía a esta. Estes novos crecementos provocaron que se construíse un segundo recinto de murallas, arredor do século XII, que abarcase os novos burgos. A pesar disto, as portas do arco suroriental seguiron concentrando a meirande parte do tráfico e atraendo os maiores intereses urbanos nas zonas inmediatas.

A expansión de Urbino alén das murallas romanas está estreitamente ligada ó establecemento de fundacións relixiosas. Na orixe a xurisdición urbana estaba limitada polas murallas romanas e os crecementos extramuros atopábanse espallados e inconexos. Porén, entre os séculos XI e XIII urbanizáronse áreas orixinariamente rurais, especialmente na zona norte, a de máis fácil acceso, ó longo da actual vía Raffaello. Unha segunda muralla rodeou estes crecementos, abarcando o outeiro norte, que tiña saída pola Porta del Monte. Polo sur a cidade estendeuse alén da Porta Mondelce, coa súa correspondente ampliación da muralla.

Presenza da Igrexa miniatura|esquerda|250px|Urbino coa torre de San Francesco no centro, gravado de 1599.

No ano 1021 o bispo Teodorico consagrou a catedral, consagrada á Virxe María, pero no 1056 o arquitecto Mainardo foi invitado polo bispo a erixir outra catedral máis nova e luminosa no centro administrativo da cidade, adicada á Virxe da Asunción e a San Crescentino. A pesar de que as súas obras se dilataron ata o século XIV, sábese pouco desta nova catedral.

A primeira orde monástica en establecerse en Urbino foi a dos Dominicos, no século XIII, que ergueron o seu convento no centro da cidade, ó pé da vía Lavagine. O convento dos Agostiños foi fundado no 1225 no extremo sur da cidade, alén da porta Mondelce, unha das da primeira muralla medieval. De feito o crecemento da cidade nesta zona foi estimulado pola presenza deste convento. Pouco despois, no 1286, estableceuse o convento dos Franciscanos, en terreos antes ocupados polos Beneditinos, na zona comercial da cidade. A orde franciscana foi especialmente favorecida pola familia Montefeltro: exerceu influencia sobre o bispo Ugolino da Montefeltro e os condes Taddeo e Guido pertenceron á orde nos últimos días das súas vidas. O convento dos Franciscanos converteuse nunha das institucións máis importantes de Urbino. Foron eles os que fundaron o Studio del Convento, máis adiante transformado en Escola de Gramática e, no século XVI, absorbido pola Universidade como Escola de Filosofía e Teoloxía.

Centro feudal miniatura|dereita|250px|Bartolomeo di Fruosino, Dante e Virxilio con Guido da Montefeltro entre os falsos conselleiros, 1420.

Na Idade Media Urbino pasou a ser sé arcebispal, primeiro baixo o dominio de Bizancio e máis adiante baixo o control de Roma. Urbino, xunto con Jesi, Gubbio e Rávena, foi cedido por Carlomagno a Roma. O arcebispo de Urbino converteuse no principal señor da zona. Para administrar o seu control do señorío introduciu un sistema feudal laico. O territorio da arquidiocese foi dividido nas posesións das familias Brancalconi, Carpegna, Castel d'Elci, Dadei, Faggiolini, Feltri, Gaboardi di Maccerata, Feltria, Olivieri e Montefeltro.

Esta última familia, a dos Montefeltro, de orixe xermánico, descendía dos condes de Carpegna, súbditos do Emperador. Unha rama da familia posuía o castelo de Carpegna, outra o de Pietra Rubbia, outra, a máis nova, o de Montecopiolo. Pouco a pouco os Montefeltro foron facéndose co control do arcebispado e conseguiron gañarse o recoñecemento do Sacro Emperador Romano Xermánico Frederico I Barbarroxa e dos seus sucesores. Deste modo Frederico II creou o señorío de Urbino, no contexto dun enfrontamento xeral entre o poder imperial e o papal no que as cidades de Italia se viron forzadas a expresar a súa lealdade a un ou outro bando. Buonconte e Taddeo da Montefeltro pasaron a ser os novos condes de Urbino. Morto Buonconte, Taddeo pasouse ó bando güelfo tras a batalla de Parma, en 1248, na que o exército imperial sufriu un serio revés. Porén, Ugolino da Montefeltro, fillo de Buonconte, e Guido, sobriño de Ugolino, mantivéronse dentro do bando xibelino. Tras a conquista de Urbino en 1282 por parte das tropas papais, Guido foi feito prisioneiro e desterrado, e tras reconciliarse coa Igrexa ingresou na Orde franciscana.

O conde Frederico da Montefeltro, sucesor de Guido, encabezou unha rebelión contra a autoridade papal, apoiado por tropas de Arezzo, Lucca e Pisa. As tropas papais, comandadas por Pandolfo Malatesta, lograron sitiar Urbino con axuda de exércitos procedentes de Rimini, Pesaro, Cesena e Gubbio. Cando o exército sitiador entrou na cidade en 1322, o conde Frederico e o seu fillo Guido foron asasinados e os restantes membros da familia tiveron que buscar refuxio en Castel d'Elci, Cagli, Mercatello e San Marino. Finalmente o novo conde, Esperanza da Montefeltro, conseguiu recuperar a praza coa axuda do seu sobriño Nolfo, último dos fillos de Frederico. Paolo da Montefeltro, sucesor de Nolfo, perdeu de novo a cidade ante Malatesta, pero unhas revoltas populares provocadas pola subida dos impostos déronlle a ocasión a Antonio da Montefeltro, neto de Nolfo, para recuperala.

Renacemento miniatura|dereita|250px|Vista de Urbino co Palacio Ducal e o Mercatale, 1626.

Durante o goberno de Frederico da Montefeltro, duque de Urbino, inícianse as grandes obras de reforma da cidade. En palabras de Baldassare Castiglione, na intención de Frederico estaba "crear unha cidade con forma de palacio". Esta idea xeratriz atopábase nas antípodas das que deron lugar á creación doutras cidades na mesma época, tal é o caso de Sforzinda, creada por Filarete por encargo de Francesco Sforza, duque de Milán, e cuxo plano consistía nunha ríxida grella formada por dezaseis rúas en cada sentido insertas nun cinto de murallas de forma estrelada que se implantaría no territorio borrando toda traza preexistente. O proxecto de Frederico da Montefeltro para Urbino contemplaba unha intervención nacida das preexistencias herdadas da cidade medieval, e ó mesmo tempo supuxo a transformación do organismo urbano.