Correio da Manhã é un xornal diario portugués publicado en Lisboa polo grupo Medialivre. Dirixido en 2024 por Carlos Rodrigues, é o xornal máis vendido en Portugal, con máis de 110.000 exemplares vendidos diariamente. Fundado o 19 de marzo de 1979 por Vítor Direito, foi sinalado por empregar un ton sensacionalista similar aos dos tabloides ingleses.
O xornal inclúe tres revistas que se distribúen xunto coas edicións de venres, sábado e domingo: Correio TV, Vidas e Correio de Domingo.
Historia O Correio da Manhã recuperou o nome dun xornal que foi destruído na Primeira República por publicar ideais monárquicos. O feito de ser publicado tamén os domingos, nunha época en que outros xornais non o facían, contribuíu ao seu éxito inicial. En 1981 comezou a publicar a revista de carácter xeral Correio de Domingo. En 1991, Agostinho Azevedo foi nomeado director, e en 2000, o holding Cofina comprou a Presselivre, propietaria do Correio da Manhã. João Marcelino foi nomeado director en 2002, e Octávio Ribeiro ocupou o cargo até xuño de 2021.
Desde o 1 de xuño de 2009, adoptou as novas normas ortográficas na sección Opinião.
En marzo de 2013, o xornal lanzou un canal xeneralista en colaboración con Meo/Altice. José Carlos Castro é o director adxunto do Correio da Manhã TV (CMTV).
Liderado e controversias É o xornal que máis vende en Portugal, con máis do 40% da cota de mercado e unha media de 105.519 exemplares vendidos diariamente entre xaneiro e agosto de 2015. Con todo, segundo o Digital News Report 2019 do Instituto Reuters para o Estudo do Xornalismo, é o xornal que menos confianza inspira nos portugueses.
Cristiano Ronaldo e o xornal Cristiano Ronaldo foi unha voz moi crítica co Correio da Manhã. Chegou a procesar ao grupo e a tirar o micrófono dun xornalista de CMTV a un lago durante a Eurocopa de 2016.
En 2023, CR7 S.A. pasou a ter aproximadamente o 30% de Medialivre, incluíndo o xornal, nun negocio que roldou os 70 millóns de euros. Medialivre é a parte da antiga Cofina que foi separada de Altri, empresa formada polas participacións industriais de Cofina, coa que mantén accionariado. A operación, de MBO (Management Buy Out), implicou a compra da empresa polos directivos, con Ronaldo como un dos investidores principais.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Correio da Manhã
Categoría:Xornais en lingua portuguesa Categoría:Xornais de Portugal